Aproveitando o vento

Lendo a Ciencia

Ocultar

DunaO tempo pasa e todos fican sobre a terra sen facer nada. Algún tenta erguerse e só é quen de dar uns pasos antes de caer desfalecido. O vento trae cada vez máis po, que os vai cubrindo paseniño. Os seus rostros, agás polos ollos, non tardan en semellar inexpresivas máscaras de arxila.

Marcos Calveiro. Palabras de auga.

 

Le o texto con atención e contesta as seguintes cuestións:
1. Que paisaxe vén a túa mente mentres les o texto?
2. O vento golpea cunha constancia que lembra á forza do mar. As aves teñen que loitar contra el para chegar ao seu destino. Como cres que superan as aves os temporais de vento que as azoutan nas súas viaxes?

Ocultar

Petrels
Richard Crossley. Trindade Petrel From The Crossley ID Guide Eastern Birds (CC BY-SA)


As aves poden verse atrapadas nos ventos e rematar moi lonxe do seu destino pero se o sitio é acolledor tampouco importa tanto. Galicia recibe todos os anos moitas aves americanas lanzadas ás nosas costas polos temporais atlánticos. Proba a coller os prismáticos tras un día de moito vento do sur e igual tes sorte!

As aves son as grandes dominadoras dos ceos. A súa adaptación ao medio aéreo deu lugar a grandes acróbatas como o gabián, a pequenos velocistas como o falcón peregrino que alcanza case os 400 km/h e a magníficas planadoras como os mascatos ou os voitres.

Por desgraza a súa capacidade para planar está provocando interferencias entre as aves e as actividades humanas, especialmente coa produción de enerxía nos muíños eólicos e coa distribución de enerxía nas torres de alta tensión. Analicemos o problema e posibles solucións.

Ocultar

ElectricidadeA humanidade avanza ligada á enerxía e, a eléctrica provocou unha auténtica revolucións no século XX. Na actualidade non podemos entender o mundo sen enerxía eléctrica para cargar os nosos teléfonos, aparatos electrónicos, para ter luz na noite... De onde procede a enerxía eléctrica que consumimos e como chega a nós?

Os recursos enerxéticos son substancias ou enerxías das que podemos obter enerxía e, clasifícanse en tres grandes grupos:

  • Non renovables. Son substancias que é imposible renovar unha vez gastadas ou que se renovan a ritmos tan baixos que é imposible usalos a esa velocidade. O carbón, por exemplo, é un recurso non renovable, non porque non se renove, senón porque precisa miles de anos para producirse, moito máis do que podemos esperar para empregalo. Os principais recursos enerxéticos non renovables son o carbón, o petróleo, os materiais radioactivos e o gas. Son relativamente baratos como fonte de enerxía eléctrica, pero causan serios problemas de contaminación polo que ao final o barato sae caro. Para nós teñen un problema máis, non temos reservas de ningún destes recursos polo que dependemos do que outros queiran vendernos e temos que pagar o prezo que fixen.
Térmica de Meirama
Sobreira. Vista aérea de la central térmica de Meirama (CC BY-SA)  

Nesta central térmica de carbón vemos unha cheminea botando vapor de auga xunto á outra, pintada de branco e vermello, que libera contaminantes.


Carbón, gas e petróleo producen enerxía eléctrica nas centrais térmicas que os queima como combustible. Nestas centrais hai dous tipos de torres: unhas anchas, polas que se libera vapor de auga e outra longa, que libera gases contaminantes en grandes cantidades. Estes contaminantes son diferentes segundo empreguemos carbón, petróleo ou gas:

    • O carbón e o petróleo producen grandes cantidades de dióxido de carbono que causan efecto invernadoiro e tamén óxidos de nitróxeno e de xofre que provocan choiva ácida.
    • O gas natural tamén libera moito dióxido de carbono que provoca efecto invernadoiro, pero non colabora na choiva ácida.

A maior central térmica de España está en Galicia, é a central das Pontes de García Rodríguez que emprega carbón e gas natural para producir enerxía eléctrica. A torre que libera os gases da combustión e unha das máis altas de Europa con máis de 350 metros de altura de forma que os contaminantes se espallan en moitos quilómetros á redonda.

Pensamos a Ciencia

Ocultar

Hai moitas cuestións que a Ciencia non pode resolver, aínda que pode axudar a dar unha resposta.

É mellor empregar carbón africano que galego?

O gas natural é unha solución a un problema ou un problema de seguridade para as nosas rías?

Ocultar

Chernobil
Alexander Blecher. Chernobyl Exclusion Zone (2015) 77 (CC BY-SA

A cidade abandonada de Chernobyl é recordatorio das graves consecuencias que pode ter un problema nunha central nuclear. En 1986 unha explosión na central obrigou a abandonar a cidade e provocou unha nube radioactiva que avanzou sen recoñecer fronteiras. Máis de 30 anos despois séguese sen poder acceder á zona.

 

As centrais nucleares merecen un capítulo á parte. Non queiman o combustible nunha caldeira polo que só teñen torres de vapor. Nunha central nuclear rompemos núcleos de uranio para producir moito calore producir vapor. Este move unhas turbinas e dá lugar a enerxía eléctrica. Estas centrais teñen un gran gasto de construción e de desmantelamento porque traballamos con materiais radioactivos que poden causar serios problemas durante de miles de anos. De feito o principal problema destas centrais é a posibilidade dunha fuga radioactiva dende a propia central ou dos residuos.


Depositar de forma segura residuos radioactivos que poden causar danos durante miles de anos non é tarefa fácil. Durante o século pasado moitos países europeos atoparon unha solución fácil e rápida a este problema: tiralos ao mar. No fondo do mar non se ven e non molestan pero, que pasa con eles unha vez aí? Perden radiación? Móvense polo fondo?...

Os barcos galegos foron pioneiros na protesta contra esta práctica, grazas a eles Suíza ou Holanda deixaron de tirar residuos nucleares na Fosa Atlántica, cerca de onde descansa o Prestige.

Pensamos a Ciencia

Ocultar

Os residuos radioactivos das centrais nucleares, pero tamén dos hospitais ou da industria, manteñen a súa actividade durante decenas de miles de anos polo que debemos almacenalos con cuidado. Temos que atopar lugares que teñan unhas características de seguridade especiais: nada de erupcións volcánicas, nin terremotos...

Galicia sería un bo lugar? O teu lugar? A túa aldea? A túa cidade?

Ocultar

  • Renovables. Son substancias ou enerxía que se forman a unha velocidade suficiente como para que non gastemos as reservas. É o caso do Sol cuxa enerxía pode aproveitarse como enerxía solar ou eólica e que continuará outros 6 000 millóns de anos producíndose. En xeral os recursos renovables son máis caros, pero provocan moita menos contaminación e non os temos que comprar porque somos ricos neles. Son enerxías renovables:
    Central hidroeléctrica
    Tomia. Recorrido del agua en la central (CC BY)

    • Nas centrais hidroeléctricas, ligadas aos encoros, prodúcese unha enerxía eléctrica limpa. A enerxía hidroeléctrica é moi importante no sistema enerxético posto que pode empezar a producir no momento e para tamén rapidamente. Como a enerxía na rede non se acumula, as centrais hidroeléctricas evitan que quedemos sen luz cando de pronto todos acendemos a calefacción ao mesmo tempo.

Muíños eólicos

    • As centrais eólicas converten a enerxía do vento en enerxía eléctrica. Moito máis limpa cás enerxías non renovables, as aspas dos eólicos compiten coas aves polo vento polo que en ocasións morren ao chocar contra as aspas.
      Paneis fotovoltaicos
      Andrewglaser. SoSie+SoSchiff Ansicht (CC BY-SA)



    • O Sol tamén nos permite obter enerxía eléctrica de varias formas diferentes: paneis fotovoltaicos ou solar térmica. O principal produtor europeo de enerxía solar é Alemaña, un feito que demostra que nós temos moito potencial para aproveitar esta enerxía.

Ocultar

  • Potencialmente renovables. Son substancias que podemos considerar renovables sempre que os consumamos a un ritmo menor ao de produción. A palma, por exemplo, pode considerarse un recurso renovable sempre que a consumamos máis despacio có tempo que tarda o seu cultivo. É o caso por exemplo dos biocombustibles, producidos a partir de cultivos só serán renovables se os consumimos máis despacio cós orixinamos.

Ocultar

Orixe enerxía eléctrica 2017
Orixe da enerxía eléctrica 2017. España.

 

No ano 2017, en España, a maior parte da enerxía que consumimos procedía de centrais nucleares, seguido moi de cerca pola enerxía eólica. A produción de renovables situouse por riba do 32 porcento do total, a pesar de que o 2017 foi un mal ano como consecuencia da baixa produción hidroeléctrica polas secas.

Unha vez producida a enerxía eléctrica ten que ser enviada a todos os lugares onde se precise: é a distribución. Para este proceso a enerxía eléctrica presenta dous problemas graves:

  • Non a podemos acumular ata que faga falta.
  • Sempre ten que estar circulando a mesma cantidade.
Rede eléctrica
PACO~commonswiki. Redeeléctrica2 (CC BY-SA)



Isto significa que temos que prever canta enerxía imos gastar para que a rede non se colapse e teñamos un apagón. Un exemplo, en pleno mes de abril prodúcese unha nevarada cun baixón das temperaturas. Moita xente acende as calefaccións polo que se retira moita electricidade da rede. Se non estaba previsto, e como non podemos tela almacenada, producirase un apagón porque non hai enerxía para todos. Unha central nuclear ou unha térmica tardan varios días en acenderse, o vento dá enerxía cando hai vento... A solución, a enerxía hidroeléctrica que produce rápido e para ao momento.

Pensamos a Ciencia

Ocultar

Unha vez sabemos de onde vén a enerxía, falemos de consumo.
A enerxía eléctrica é cara, porque custa cartos na factura e porque contamina o planeta, pero tamén é imprescindible. Atendendo a esta cuestión hai unha cousa clara:

A mellor enerxía é a que non se consume.

Porque sae máis barata e porque non contamina. Agora ben, podemos vivir con menos enerxía?