Sáhara

Campo de refuxiados saharauís (Alxeria)

Neno de Tinduff

Fotografía en Flickr de Cesar Casellas baixo CC BY-NC-SA 2.0

Os campos de refuxiados saharauís están situados nunha área do deserto de Alxeria. Nestes campos viven milleiros de persoas refuxiadas que hai máis de 30 anos foron desprazadas do seu lugar de orixe.

Datos de interese:

Nos campos de refuxiados existen escolas, pero os xóvenes teñen que saír a estudar fóra para acceder a estudos superiores. Tamén existen centros médicos, moitas veces xestionados por ONGs como Médicos Sen Fronteiras.

No verán moitas familias galegas acollen a nenas e nenos saharauís, procedentes dos campamentos de refuxiados, o cal nos permite coñecer a súa realidade e cultura ao tempo que eles evitan os rigores estivais do deserto, accedendo aos servizos de saúde que precisan. 

O Bubisher é un camión-biblioteca itinerante que percorre os campamentos de refuxiados saharauís achegando os libros aos nenos e nenas do Sáhara. Esta iniciativa está a ter moito éxito entre os nenos dos campos de refuxiados. Nesta páxina web podemos informarnos sobre este camión con nome de paxaro.

Nos campamentos de refuxiados non hai auga corrente e a electricidade é subministrada ou por xeradores eléctricos unhas horas ao día ou por placas solares. Tampouco hai bo acceso á telefonía móbil.

Programa Ligamundos: proxecto piloto Sáhara.

O Programa Ligamundos pretende desenvolver un dos seus proxectos piloto nun campo de refuxiados saharauí, situado na provincia alxeriana de Tinduf. O proxecto consistirá no deseño e construción dun espazo social comunitario con conexión a Internet estable e de calidade. O centro debe dispoñer dun espazo de biblioteca que achegue aos campamentos de refuxiados información de todo o mundo e que realice actividades de dinamización para a comunidade. O programa quere instalar alí tamén unha pequena emisora de radio local.

Ademais o espazo comunitario servirá de centro principal de transmisión, de maneira que dende este espazo se leve a conexión a Internet á escola e ao centro médico situados na área máis próxima do campo de refuxiados, a menos de un quilómetro de distancia.

O centro tamén servirá para a comunicación das familias que viven nos campamentos e os membros que están fóra, como no caso das nenas e nenos acollidos aos programas de solidariedade. 

A partir desta información comezamos a investigación. Pasamos á fase de exploración.

 

 

 

 


 

Viaxamos cara ao Sáhara.

Licenciado baixo a GNU Free Documentation License