Iniciativas de inclusión

A inclusión dixital

O seguinte texto é un extracto dun informe presentado ante a Asemblea Xeral da ONU onde se plantexa a cuestión de Internet coma un dereito humano máis. Leámolo devagar para saber cal é a importancia que lle outorga a ONU a Internet e cales son as peticións que realiza aos gobernos do mundo en relación co acceso á Rede.

 

 

En vista de que Internet mudou nun instrumento indispensable para exercer diversos dereitos humanos, loitar contra a desigualdade e acelerar o desenvolvemento e o progreso humanos, a meta do acceso universal a Internet ha ser prioritaria para todos os Estados. 

Cando se dispoña de infraestruturas de acceso a Internet, o Relator Especial alenta aos Estados a apoiar iniciativas encamiñadas a que todos os sectores da poboación, incluídas as persoas con discapacidade e as pertencentes a minorías lingüísticas, poidan acceder de maneira significativa a información en liña. 

Os Estados deben incorporar a alfabetización en Internet nos programas de estudo e apoiar módulos de aprendizaxe semellantes en contornas extraescolares. Ademais da formación en aptitudes básicas, os módulos deben indicar os beneficios de acceder á información en liña, e a maneira de achegar información de forma responsable.

Informe do Relator Especial sobre a promoción e protección do dereito á liberdade de opinión e de expresión. Nacións Unidas. Asemblea Xeral. (16 de maio de 2011) Documento A/HRC/17/27

 

 

 

Reflexionemos sobre o contido deste texto, anotando as palabras e expresións que nos chamen a atención.

Algunhas iniciativas de inclusión

Como é lóxico xa existen moitas iniciativas para levar Internet a distintos lugares do mundo por parte de todo tipo de organizacións. Consideremos algúns exemplos:

Institucións gobernamentais

Case todos os países teñen despregado algún plan ou estratexia para o desenvolvemento das súas infraestruturas de telecomunicacións, atendendo á inclusión dixital nos ámbitos: escolar, empresarial...

 

Organizacións Non Gobernamentais

Non son poucas as ONGs que realizan programas para combater a exclusión dixital, entendendo que este fenómeno e un lastre para a mellora das condicións de vida de moitas comunidades.

 

Organismos internacionais 

Organismos como UNICEF ou a UIT da Organización das Nacións Unidas (ONU) ou o Banco Mundial teñen financiado e desenvolvido accións a prol da inclusión dixital.

 

Corporacións privadas

Algunhas grandes empresas, sobre todo no ámbito das TIC, están a desenvolver importantes proxectos de investigación relacionados coa extensión do acceso global a Internet. 

 

No marco do Programa Ligamundos entendemos a inclusión dixital coma un proceso que persigue unha mellora das condicións de vida das persoas e das súas comunidades. O equipamento técnico e o propio acceso a Internet deben complementarse coa capacitación das persoas para favorecer unha verdadeira inclusión. Son as persoas dacordo cos seus intereses quen deben recoñecer as súas propias capacidades e desenvolver as habilidades que permiten acceder dun xeito efectivo á información e ao coñecemento.

Reflexionamos e debatemos na aula:

  1. Cales poden ser os motivos para que os distintos tipos de organización queiran estender o acceso a Internet?
  2. Que obxectivos diferencian unha iniciativa pública coma o Programa Vive Digital de Colombia dunha iniciativa privada como é o proxecto Loon?
  3. Que elementos debe ofrecer unha iniciativa de extensión para que poidamos falar de inclusión dixital?
  4. Podemos identificar algunha destas iniciativas na nosa contorna?

 

Licenciado baixo a GNU Free Documentation License