Programa Ligamundos

Obxectivos

Na actualidade, grazas a Internet, centos de millóns de persoas teñen acceso a unha enorme cantidade de información e gozan das posibilidades que lles ofrece a comunicación global. Non obstante, como temos visto anteriormente, a meirande parte da poboación mundial aínda non dispón de acceso a Internet. 

A Organización das Nacións Unidas (ONU) considera que o acceso Internet é un dereito humano. É por iso que o Programa Ligamundos pretende achegar Internet ás comunidades onde actualmente non está dispoñible ou existe un acceso moi deficiente. O obxectivo do Programa é crearmos centros comunitarios con acceso a Internet en distintos lugares do mundo que ademais poidan desenvolver un labor social e educativo dentro da comunidade. 

O noso papel é conformar un grupo de traballo técnico para a posta en marcha do proxecto. Organizarémonos en grupos de 3 a 5 alumnos/as e cada un destes grupos realizará o deseño para a instalación dun telecentro, un espazo comunitario de acceso nun lugar distinto do planeta.

Para abordar o noso proxecto seguiremos varias fases:

  1. Exploramos: Na primeira fase procuraremos información na Rede sobre o lugar onde imos desenvolver o noso proxecto.
  2. Deseñamos: Nesta fase decidiremos a forma de conexión a Internet que consideramos máis axeitada para o proxecto e realizaremos o deseño dun telecentro.
  3. Comunicamos: Na última fase recolleremos nun documento o deseño definitivo do proxecto, realizando unha breve presentación para a súa exposición pública.

Non temos que nos preocupar pola dificultade destas tarefas posto que contaremos coa Axuda de Ligamundos que nos servirá de guía durante todo o proceso.

Agora si comeza esta aventura.

Licenciado baixo a GNU Free Documentation License