Glosario
ADSL: Siglas de Asymmetric Digital Subscriber Line (liña de abonado dixital asimétrica). Tecnoloxía de transmisión asimétrica que permite, empregando o par de cobre de teléfono convencional, transportar información a alta velocidade.
Alfabetización dixital: Por alfabetización dixital pódese entender o proceso de adquisición dos coñecementos necesarios para coñecer e utilizar adecuadamente as tecnoloxías da información e poder responder criticamente aos estímulos e esixencias dunha contorna informacional cada vez máis complexa, con variedade e multiplicidade de fontes, medios de comunicación e servizos.
Antena: Unha antena é un dispositivo (condutor metálico) deseñado co obxectivo de emitir ou recibir ondas electromagnéticas polo espazo libre. Unha antena transmisora transforma voltaxes en ondas electromagnéticas, e unha receptora realiza a función inversa. Existe grande diversidade de tipos de antenas. Nuns casos deben expandir no posible a potencia radiada, é dicir, non deben ser directivas, outras veces deben selo para canalizar a potencia nunha dirección e non interferir noutros servizos. Tamén é unha antena a que está integrada nos computadores para conectarse ás redes Wi-Fi
Base de datos: En informática, unha base de datos é un ficheiro informático que se emprega para preservar datos de xeito organizado e que permite atopar está información rapidamente cando sexa preciso.
Cable coaxial: O cabo coaxial é un tipo de cabo utilizado para transmisión de sinais en telecomunicacións. A principal razón da súa utilización é que pode reducir os efectos e sinais externos sobre os sinais que se deben transmitir. Este medio permite transmisións até frecuencias moi elevadas e isto para longas distancias.
Cable de pares: O cable de pares trenzado é un tipo de cabo de telecomunicacións composto por 8 fíos de cores aillados e trenzados en pares. O par de fíos trenzado foi primeiramente empregado en telefonía e inventado por Alexander Graham Bell en 1881.
Dereitos humanos: Os dereitos humanos son aquelas liberdades e dereitos básicos que toda persoa posúe polo mero feito da súa condición humana a garantía dunha vida digna; independentemente de cal sexa o Dereito positivo vixente e de factores particulares como o seu status, etnia ou nacionalidade.
Devasa: Unha devasa (en inglés, firewall) é un software ou hardware utilizado como sistema de seguridade para protexer un ordenador ou unha rede de ordenadores de accesos remotos non autorizados.
Fibra óptica: A fibra óptica (FO, en inglés Optical Fiber, OF) é un filamento transparente e delgado, usualmente feito de vidro ou plástico para transmitir sinais de luz a través de centos ou miles de quilómetros. A fibra óptica é un dos elementos clave na revolución das telecomunicacións ópticas.
Hacker: Hacker (do inglés hack, recurtar) é o neoloxismo utilizado para referirse a un experto en varios campos relacionados coa computación e as telecomunicacións: programación, redes de comunicacións, sistemas operativos, etc. O seu entendemento adoita estar centrado nos sistemas informáticos, xa sexa de tipo hardware ou software. Chámase normalmente hackeo e hackear ás obras propias dun hacker.
IP: O Protocolo de Internet (IP, das súas siglas en inglés Internet Protocol) é un protocolo non orientado á conexión, usado tanto pola orixe como polo destino para a comunicación destes a través dunha rede (Internet) de paquetes conmutados.
ISP: Os ISP´s (Internet Service Provider), ou "fornecedores de servizos de Internet", son as empresas dedicadas a conectar ós usuarios a Internet, e dar outras prestacións relacionadas coa rede (venda de dominios web, etc.)
Módem: Módem é o acrónimo de modulador-demulador, un dispositivo que converte os sinais dixitais que emprega o ordenador en sinais analóxicos (modulación) para poder conectarse a través da RTB e os sinais analóxicos transmitidos polo cable de teléfono en dixitais (demulación). Os módems externos conéctanse ao porto serie do ordenador e á liña telefónica. Os módems internos son tarxetas de expansión do ordenador que se integran na placa base. A velocidade do módem mídese en quilobits por segundo (Kbps).
Motor de busca: Un motor de busca é un sistema informático que procura arquivos almacenados en servidores web. Un exemplo son os buscadores de Internet. As procuras fanse con palabras clave ou con árbores xerárquicas por temas; o resultado da procura é unha listaxe de enderezos Web na que se mencionan temas relacionados coas palabras clave buscadas.
Multimedia: Multimedia é un termo que se aplica a calquera obxecto que usa, simultaneamente, diferentes formas de contido informativo como texto, son, imaxe, animación e vídeo para informar ou entreter o usuario. Tamén se pode cualificar como multimedia os medios electrónicos (ou outros medios) que permiten almacenar e presentar contido multimedia.
Procesador de texto: Un procesador de texto é un programa informático para compoñer, dar formato, modificar ou imprimir documentos de calquera tipo. Entre os procesadores de texto máis coñecidos están AbiWord, LibreOffice Writer, Lotus Word Pro, Microsoft Word, OpenOffice.org Writer, StarOffice ou WordPerfect.
Programa de presentacións: As presentacións son ficheiros que se poden usar para mostrar información visualmente de maneira atractiva diante dun auditorio. Constan de “páxinas”, chamadas diapositivas, que poden incluir texto, imaxes, vídeos, animacións, sons, ligazóns, etc. Á presentación, especialmente cando se fai utilizando un canón de vídeo, tamén se lle chama “diaporama”. Un programa de presentacións é unha aplicación informática deseñada para crear diaporamas. Neste tipo de aplicacións destaca PowerPoint (Microsoft) e Impress (OpenOffice).
Protocolo: En informática, un protocolo é un conxunto de regras predefinidas co propósito de estandarizar as actividades informáticas. Ao seguir un mesmo protocolo, temos por seguro que haberá unha compatibilidade. O uso máis estendido é nas comunicacións a través da Rede. Algúns exemplos son HTTP, TCP/IP, FTP...
Proxecto: Un proxecto é unha tarefa planificada que consiste nun conxunto de actividades que se atopan interrelacionadas e coordinadas; a razón dun proxecto é acadar obxectivos específicos dentro dos límites que impoñen un orzamento e un lapso de tempo previamente definidos.
RDSI: Rede Dixital de Servizos Integrados (RDSI ou ISDN acrónimo do inglés, Integrated services digital network) é unha rede que procede da evolución da rede telefónica conmutada existente, que ao ofrecer conexións dixitais de extremo a extremo permite a integración de multitude de servizos nun único acceso, independentemente da natureza da información a transmitir e do equipo de terminal que a xenere.
Rede informática: Unha rede informática é unha interconexión de dispositivos, coa intención de poder intercambiar información. A máis coñecida e global é Internet, unha rede a nivel mundial na que se comunican ordenadores, servidores, etc. Por extensión, tamén se chama rede informática ou net (rede) ao conxunto de equipos interconectados.
Rede sen fíos: Unha rede sen fíos é unha rede informática estruturada a través de ondas electromagnéticas, sen necesidade dunha conexión física por cables. A transmisión e a recepción teñen lugar a través de portos de rede. A expresión é unha tradución do inglés Wireless network. Tamén é coñecida popularmente como rede wi-fi, malia que este nome só se refire a un tipo de rede sen fíos. Unha das súas vantaxes principais é o menor custo económico (ao eliminar todo o cableado e as conexións físicas entre nodos), pero é menos segura.
Router: Un router ou enrutador é un equipo usado para a comunicación entre diferentes redes de computadores.
Servidor: En informática, un servidor é un sistema informático que proporciona servizos a outro sistema informático, chamado cliente, a través dunha rede.
Software libre: Software libre é a denominación que recibe un tipo de software cuxos desenvolvedores fornecen aos usuarios unha serie de liberdades mínimas mediante o uso de certas licenzas.
Tecnoloxías da información: As tecnoloxías da información (TI) son unha serie de metodoloxías, ferramentas, técnicas e dispositivos utilizados na utilización e proceso da información dentro do ámbito da informática e a computación. En termos xerais inclúe o uso de ordenadores (hardware), de programas lóxicos para operalos (software) e das telecomunicacións utilizadas para interconectalos.
URL: O URL (siglas de Uniform Resource Locator; en galego, localizador uniforme de recursos) é un texto curto que identifica calquera recurso (servizo, páxina, documento, enderezo de correo eletrónico, enciclopedia...) accesible nunha rede.
USB: O USB (siglas de Universal Serial Bus; bus universal en serie, en galego) é un sistema de conexión de periféricos ao ordenador. O USB permite conectar e desconectar os periféricos co ordenador acendido e sen precisar reiniciar o sistema o que se coñece como Plug and Play.
Web: World Wide Web (Grande Arañeira Mundial), Web ou WWW, é unha rede de páxinas escritas en hipertexto, coa linguaxe de marcaxe HTML, e conectadas entre si, de xeito que forman un só corpo de coñecemento facilmente navegable. Para acceder á web, a única ferramenta indispensable é un navegador web.
WI-FI: Wi-Fi, tamén Wireless (sen fíos) é o termo usado en xeral para a transmision de dados, sen fíos e por ondas de radio en frecuencias non reservadas para outros fins específicos. Para ter acceso á Internet a través dunha rede Wi-Fi débese estar no radio de acción dun punto de aceso ou lugar público onde opere unha rede sen fíos e usar un dispositivo móbil con capacidades de comunicación Wireless.
Licenciado baixo a GNU Free Documentation License