Saltar navegación

2.2.5 - Tipos de relevo

O relevo clasifícase atendendo ao tipo de rocha existente, ao tipo de clima ou a ambos os dous factores á vez. Velaquí algúns exemplos:

  • Granítico: de formas redondeadas, con vales amplos e pendentes suaves. Abunda a vexetación caducifolia: carballos, castiñeiros, cerquiños, faias… Tamén hai árbores de folla perenne, como piñeiros.
  • De montaña, que presenta distinta vexetación segundo a altura e a latitude. Nas zonas baixas adoita haber bosques caducifolios e, segundo se ascende, bosques de coníferas e pastos. Nas zonas altas non hai vexetación e aparecen os glaciares e as neves perpetuas.
  • Tropical húmido, con bosques onde chove todo o ano e hai temperatura constante. Os vexetais conservan a súa follaxe ao longo das estacións. Esténdese pola Amazonía, África central e occidental, Indonesia e Melanesia.
  • Tropical seco, con predominio da sabana con vexetación característica segundo as zonas: baobab e acacia en África e cactos en Centroamérica. Adoita haber unha época do verán seca e outra húmida. Nas sabanas habitan grandes mamíferos e aves: elefantes, xirafas, rinocerontes, hipopótamos, leóns, cebras, avestruces…
  • Desértico, no que é persistente a seca e apenas hai vida vexetal e animal. Os grandes desertos esténdense a ambos os lados da zona tropical: Sáhara e Kalahari en África, Colorado e Atacama en América, Gobi e Arábigo en Asia e Gran deserto en Australia.
  • Glacial, no polo norte e na Antártida. Son desertos fríos, con xeo todo o ano e escasa vida animal.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0