Saltar navegación

2.1.2 - Coordenadas xeográficas

Nos mapas sinálanse as coordenadas xeográficas: liñas imaxinarias que axudan a localizar puntos na superficie terrestre:

  • Ecuador: liña imaxinaria que divide a Terra en dous hemisferios: norte e sur.
  • Paralelos: circunferencias imaxinarias paralelas ao ecuador. Hai uns paralelos con nome propio: trópico de Cáncer, ao norte, e trópico de Capricornio, ao sur. Preto dos polos sitúanse o círculo polar Ártico e o círculo polar Antártico.
  • Meridianos: circunferencias imaxinarias que cruzan os polos. O de referencia é o meridiano 0º ou de Greenwich, a partir do cal se ordenan os demais ao leste e ao oeste.

Ao ser a Terra esférica, ten 360º de circunferencia. A cada meridiano e a cada paralelo correspóndelle un grao. Meridianos: 180º ao leste e 180º ao oeste; paralelos: 90º desde o ecuador a un polo.

Lonxitude e latitude

Os meridianos e os paralelos permítennos situar con precisión calquera punto da superficie terrestre, mediante:

  • Lonxitude: distancia, medida en graos, minutos e segundos, entre o meridiano 0º e un punto calquera da superficie terrestre. Os meridianos situados ao oeste de Greenwich teñen lonxitude oeste. Os situados ao leste de Greenwich, lonxitude leste.
  • Latitude: distancia, medida en graos, minutos e segundos, entre o ecuador e un punto calquera da superficie terrestre. Os lugares situados no hemisferio norte teñen latitude norte. Os do hemisferio sur, latitude sur.

 

  • Coordenadas xeográficas.
coordenadas xeograficas 

 

  • Coordenadas xeográficas dos puntos extremos da península Ibérica.
 coordenadas peninsula

 

Fusos horarios

Se tomamos como punto de referencia o meridiano 0º ou de Greenwich podemos saber o día e a hora en calquera parte da Terra, valéndonos dos fusos horarios. O fuso horario é cada unha das 24 partes en que se dividiu a esfera terrestre polo ecuador para sinalar a variación horaria. O valor de cada fuso é de 15º e corresponde a unha hora.

Se viaxamos cara ao leste, adiantaremos unha hora por cada fuso horario. En cambio, se imos cara ao oeste, retrasamos unha hora, xa que o movemento de rotación da Terra vai de oeste a leste.

 

 fusos horarios

Fusos horarios

 

Na liña do cambio de data, os que veñen do oeste retrasan un día no calendario. Os que proceden do oeste adiántano.

 

Como determinar a lonxitude

Partindo das horas de cada lugar podemos calcular as lonxitudes, xa que hai correspondencia entre graos e horas. Débese ter en conta:

  •  1. Os cadros de conversión de tempo a lonxitude e de lonxitude a tempo:

 

Tempo ó Arco

Arco ó Tempo

24 horas ó 360º

360º ó 24 horas

1 hora ó 15º

1º ó 4 minutos

1 minuto ó 15´

1´ ó 4 segundos

1 segundo ó 15´´

1´´ó 0,067 segundos

 

  • 2. A diferenza entre hora local, hora legal e hora oficial.
    • Hora local: cando o Sol cruza o meridiano no lugar, son as 12 do mediodía no sitio.
    • Hora legal: a que corresponde ao meridiano central de cada fuso. Todos os lugares dentro do mesmo fuso teñen a mesma hora.
    • Hora oficial: a que rexe nun país, aínda que zonas del pertenzan a outro fuso horario. Exemplo, A Coruña e Pontevedra están situadas máis ao oeste dos 8º do meridiano de Greenwich, deberían ter a hora do fuso horario 15º oeste; pero teñen a mesma hora do resto da Península.

Algúns países aforran enerxía adiantando unha ou dúas horas respecto da que lle correspondería polo seu fuso horario. É tamén a hora oficial.

Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0