1.1.4 - Biografía: Ramón María Aller Ulloa
|
O astrónomo inglés Percy Wilkins deu o nome de Aller a un cráter da Lúa, en recoñecemento dos grandes méritos do astrónomo galego, o crego Ramón María Aller Ulloa (1878-1966). Este sentiu, desde neno, unha grande afección polas matemáticas e a astronomía. Construíu en Lalín en 1912 o primeiro observatorio astronómico de Galicia, considerado un dos máis importantes de España e de grande sona no estranxeiro polos traballos nel realizados. Ao ser nomeado profesor da Universidade de Santiago de Compostela trasladou o observatorio ao campus universitario. Propuxo importantes modificacións para a mellora de instrumentos de observación astronómica e introduciu en España o estudo das estrelas duplas*. Escribiu varios libros –entre eles Introdución a la astronomía e Astronomía a simple vista– e multitude de artigos en revistas especializadas en astronomía. Dominaba dez idiomas. Son de subliñar, á par dos seus grandes coñecementos científicos, as súas calidades humanas entre as que destacan a súa humildade e constante laboriosidade. Galicia enteira tributoulle unha homenaxe en Lalín erixíndolle unha estatua, obra do escultor galego Asorey. |
|
i |
|
Actividades propostas
S1. Conteste:
- Que é o sistema solar?
- Cantos planetas existen? Escriba o nome.
- Que antigüidade pode ter o sistema solar?
- En que se diferencia o Sol dos planetas?
S2. Conteste:
- Que consecuencias derivan da enerxía solar recibida pola Terra?
- En que consiste a teoría xeocéntrica?
- Como se chama a teoría que afirma que o Sol é o centro do universo?
- Quen descubriu esta teoría? En que século?
S3. Lembre e escriba:
- Que movementos realiza a Terra?
- En que consiste o movemento de rotación? Canto tempo tarda en cada volta?
- Que orixina o movemento de rotación da Terra?
- Canto tempo tarda a Terra en xirar unha vez arredor do Sol?
S4. Causas e consecuencia:
- Por que existen os anos bisestos?
- Por que se producen as estacións?
- Por que vemos sempre a mesma cara da Lúa?
- Que consecuencias derivan do movemento de translación da Lúa arredor da Terra?
S5. Biografía: escriba catro frases relacionadas con don Ramón Aller Ulloa.
Licenciado baixo a Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike License 3.0