Saltar navegación

3.3. Diferentes pero iguais

O reino dos animais

O reino dos animais ou reino dos Metazoos está formado por seres vivos que nacen, medran, reprodúcense e morren. Son un dos grupos máis diversos do planeta. Hai animais grandes, como o lobo ibérico, e outros moi pequenos, como o caracol de Quimper. Algúns teñen plumas e voan, como o azor, mentres que outros viven no fondo dos ríos sen moverse moito, como o mexillón de río. Algúns teñen catro patas, como o corzo, outros teñen oito, como os polbos, e hai quen non ten ningunha, como a lamprea.

A pesar de todas estas diferenzas, todos os animais teñen algunhas características en común que os fan pertencentes ao mesmo reino. 

Lectura facilitada

Os animais son seres vivos que realizan as funcións vitais: nacen, medran, reprodúcense e morren.

Son un grupo moi diverso.

Teñen algunhas características en común.

Son pluricelulares porque están formados por moitas células.

Son heterótrofos porque non fabrican o seu propio alimento e comen plantas e outros animais.

Case todos poden moverse camiñando, voando, nadando...

A maioría reprodúcense de forma sexual é dicir cun macho e unha femia.

Son capaces de darse conta do que pasa ao seu redor e reaccionar.

Case todos teñen simetría porque podemos dividir o seu corpo en partes iguais.

Características comúns

Todos os animais presentan as seguintes características comúns:

Son pluricelulares: Están formados por moitas células, que traballan xuntas para que o seu corpo funcione. Debuxo de cinco células animaisSon heterótrofos: Non poden fabricar o seu propio alimento, polo que teñen que comer plantas ou outros animais para sobrevivir.  Animal ollando unha mazá, unha planta e un filete.tas e carne.Posúen aparato locomotor: A maioría pode moverse dun lugar a outro, xa sexa andando, nadando ou voando. Algúns, como as esponxas de mar, apenas se desprazan.

Anduriña voandoReprodúcense: Todos os animais teñen crías para que a súa especie siga existindo. A maioría reprodúcese de forma sexual, é dicir, cun macho e unha femia. Cría no ventre da súa naiRelaciónanse co medio: Son capaces de percibir o que pasa ao seu arredor e reaccionar.

Tartaruga e caracol agochado dentro da cunchaSimetría: Case todos os animais teñen simetría, é dicir, podemos dividir o seu corpo en partes iguais. Pode ser simetría bilateral, se o corpo se divide en dúas metades iguais ao trazar unha liña polo medio como unha bolboreta, ou radial, se se pode dividir en varias partes iguais ao redor dun punto central como as estrelas de mar.

Eixe de simetría dunha bolboreta

Clasificación

Debido á súa gran diversidade, é necesario facer unha clasificación dos animais que permita estudalos e coñecelos a fondo para comprender mellor como son e como se relacionan co seu entorno.   

Segundo o tipo de alimentación

  • Herbívoros: Aliméntanse de plantas. Ex. O corzo e o cabalo.
  • Carnívoros: Aliméntase doutros animais. Ex. O lobo ibérico e a lontra.
  • Omnívoros: Aliméntanse de plantas e doutros animais. Ex. O raposo e o xabaril.
  • Preeiros: Aliméntanse dos restos doutros seres vivos. Ex. O voitre e as hienas.

Segundo a súa reprodución

  • Vivíparos: As crías desenvólvense no ventre da nai ata o momento do nacemento. Ex. O raposo e a vaca.
  • Ovíparos: As crías desenvólvense dentro dun ovo fóra do corpo da nai. Estes ovos poden ter casca dura, como os das aves, ou ser brandos e xelatinosos, como os dalgúns peixes e anfibios. Ex. A aguia real e a lamprea.
  • Ovovivíparos: As crías nacen de ovos que están dentro do corpo da nai ata o nacemento. Por exemplo algunhas serpes.

Segundo o seu hábitat

  • Terrestres: Viven en terra firme. Ex. A lebre e o oso pardo.
  • Acuáticos: Viven en lagos, ríos ou mares. Ex. A robaliza e o polbo.
  • Aéreos: Pasan gran parte da súa vida no aire. Ex. A curuxa e a píllara das dunas.

Segundo teñan ou non columna vertebral

  • Vertebrados: Teñen un esqueleto interno con ósos e unha columna vertebral que lles dá soporte e protexe a medula espiñal. Ex. A troita e o sapoconcho.
  • Invertebrados: Non teñen columna vertebral nin un esqueleto interno de ósos. Ex. A bolboreta e o caracol de Quimper.

Nas páxinas seguintes, centrarémonos en vertebrados e invertebrados porque esta clasificación permitiranos entender mellor como están organizados os animais e as súas adaptacións ao medio para sobrevivir.

Lectura facilitada

Hai moitos tipos de animais.
Para estudalos mellor, temos que clasificalos.

Segundo a alimentación:
– Herbívoros: comen plantas.
– Carnívoros: comen outros animais.
– Omnívoros: comen de todo.
– Preeiros: comen restos doutros seres vivos.

Segundo a reprodución:
– Vivíparos: as crías nacen do ventre da nai.
– Ovíparos: as crías nacen de ovos.
– Ovovivíparos: os ovos están dentro da nai ata o nacemento.

Segundo o hábitat:
– Terrestres: viven en terra.
– Acuáticos: viven na auga.
– Aéreos: viven no aire.

Segundo teñan columna vertebral:
– Vertebrados: teñen esqueleto e columna.
– Invertebrados: non teñen ósos nin columna.

Centrarémonos en vertebrados e invertebrados para entender mellor como se adaptan ao seu medio.

Creando un animal fantástico

Xunto co teu equipo, vas poñer en práctica os coñecementos sobre as características comúns dos animais e as diferentes formas en que podemos clasificalos que acabades de ver, pero deixando voar a vosa creatividade para inventar un ser único e fantástico. Será unha actividade divertida na que poderedes inventar o voso propio ser máxico mesturando partes doutros animais reais e contar como é a súa vida. 

Cada animal que creedes terá que ter as súas propias características seguindo o que sabedes: será vertebrado ou invertebrado? Vivirá en terra, na auga ou poderá voar? Como se reproducirá? Será herbívoro, carnívoro ou omnívoro?

Animal fantástico con cabeza de aguia, corpo de pez, cola de raposo e patas de cabalo

Instrucións

Paso 1

Cada grupo recibiredes un papel para crear o voso animal. Primeiro, escollede xuntos as partes que vai ter, combinando diferentes especies (por exemplo, cabeza de aguia, corpo de peixe, patas de cabalo e rabo de raposo).

Dous nenos e unha nena sentados arredor dunha mesa vermella escribindo

Paso 2

Cando teñades decidido o voso animal, empezaredes a encher a  ficha do animal fantástico, co nome e a descrición do voso animal:

  • O seu nome → Pode ser inventado ou baseado nos animais que escolliches.
  • A súa descrición → Como é o seu corpo? Ten ás, patas, escamas ou pelo? De que cores é? Onde vive? Nun bosque, no fondo do mar, nunha montaña nevada ou nunha cova escura? Que come? É herbívoro, carnívoro ou omnívoro? Prefire froitas, carne ou quizais algo máxico? Ten algunha habilidade especial? Pode voar, desaparecer ou comunicarse cos humanos? Como se comporta? Vive en grupo ou só?

Man cun lapis cubrindo unha ficha

Paso 3

Agora é o momento de darlle vida! Debuxádeo na ficha usando folios, cores, pinturas ou recortes para representar o voso animal.

Animal con cabeza de aguia, corpo de peixe, patas de cabalo e cola de raposo.

Paso 4

Cada grupo contará a historia do seu animal fantástico ao resto dos compañeiros, explicando como é, onde vive e cales son os seus poderes especiais. 

Dúas persoas falando ante un público

O resto dos grupos, avaliará a súa exposición utilizando o modelo: Coavaliación exposición animal fantástico (Nova xanela).

Lectura facilitada

En grupos ides inventar un animal fantástico mesturando partes doutros animais.

  • Primeiro decidiredes que animais queredes mesturar.
  • Despois cubriredes unha ficha contando como é.
  • A continuación debuxarédelo ou montarédelo utilizando debuxos ou fotografías.
  • Por último, contaredes aos vosos compañeiros e compañeiras como é o voso animal.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)