Saltar navegación

4.3. Preparando a exposición

Organización e montaxe

Xa temos todo listo: investigamos, fixemos os carteis e os xogos… Agora quedan os dous últimos pasos: decidir como imos montar e compartir a nosa exposición co resto do cole e coas familias e facer a montaxe.  

Para facer o primeiro paso, necesitamos tomar algunhas decisións importantes entre todas e todos. Como:

Onde imos montar a exposición?

Temos que buscar un sitio grande, cómodo e accesible para que todo o mundo poida ver os carteis e participar nas actividades. Podedes crear un plano do lugar da exposición e situar nel os diferentes espazos (paneis dos animais, mesas de xogos, panel de compromisos...).

Que materiais precisamos?

Temos que pensar que cousas necesitamos para montar e decorar a exposición: Por exemplo:

  • Paneis, biombos ou cartóns duros como soporte dos carteis.
  • Cordas ou cintas adhesivas para colgalos.
  • Mesas e carteis explicativos para as actividades e os xogos.
  • Carteis de benvida.
  • Globos e imaxes de decoración.
  • Un panel en branco onde as persoas visitantes poidan deixar os seus compromisos para protexer os animais en perigo de extinción e a súa opinión sobre a exposición, utilizando post-its.

Como organizamos as visitas?

Planificaremos os horarios para que todas as clases e as familias poidan pasar pola exposición. Ademais, repartiremos as quendas para que cada grupo poida explicar o seu traballo e acompañar aos visitantes.

Ilustración dunha exposición interactiva con dous paneis, un sobre un oso e outro sobre unha aguia, un neno e unha nena de costas, unha mesa cun ovoscopio e outra mesa na que están xogando a un xogo de memoria dúas nenas.

Modelo para planificación da exposición en formato PDF (Nova xanela).

Modelo para planificación da exposición en formato editable.

Unha vez que xa teñamos todo organizado, por último, teremos que:

Montar e decorar

Colocaremos os carteis, os xogos e todo o material necesario. Tamén podemos engadir elementos decorativos relacionados cos animais (debuxos, plantas, pegadas…) para que o espazo sexa atractivo e chame a atención dos visitantes. Revisaremos que todo quede ben colocado e ordenado para que poidan moverse con facilidade.

Comprobar os xogos e as actividades

Antes da exposición, dedicaremos un tempo a comprobar que todo está preparado: xogaremos ás cartas, ao memory, probaremos o ovoscopio, as actividades da camuflaxe... Así asegurámonos de que non falte nada e que as persoas visitantes poidan xogar sen problemas.

Ensaiar as explicacións

Cada grupo ensaiará como vai explicar os seus animais ao resto do cole e ás familias. Pensaremos ben que queremos contar, como o faremos e como nos organizaremos para que todas as persoas visitantes entendan a importancia de coidar os animais en perigo de extinción. Tamén poderemos practicar como acompañar aos visitantes polos xogos.

Lectura facilitada

Xa temos todo preparado. Fixemos a investigación, os carteis e os xogos.

Agora tocan dous últimos pasos:

  • Decidir como montar e compartir a exposición.
  • Montar todo.

Hai que tomar decisións importantes:

  • Elixir o lugar da exposición.
  • Preparar un plano cos espazos.
  • Pensar nos materiais necesarios: paneis, cintas, mesas, carteis, decoración…
  • Organizar as visitas e repartir quendas.

Cando todo estea decidido:

  • Montamos e decoramos.
  • Probamos os xogos e actividades.
  • Ensaiamos como explicaremos o noso traballo.

Así, todo sairá perfecto para recibir ao cole e ás familias.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)