Saltar navegación

Explorando os réptiles

Características

Fotografía de catro réptiles: sapoconcho, píntega, serpe e lagarto

Os réptiles son animais moi antigos que dominaron a Terra durante millóns de anos. Son descendentes directos dos dinosauros e, a diferenza dos anfibios, están totalmente adaptados á vida terrestre. Podemos atopalos en desertos, bosques, ríos e incluso no mar! Algúns son pequenos e áxiles, mentres que outros poden alcanzar tamaños enormes.

Todos os réptiles comparten algunhas características comúns, como:

  • Teñen pel grosa seca cuberta de escamas que os protexe da deshidratación e dos depredadores. Algúns como as serpes, mudan toda a pel dunha vez e outros, fano en pequenas partes.
  • Respiran por pulmóns, incluso os que viven na auga como as tartarugas mariñas.
  • As extremidades varían segundo o grupo: a maioría teñen patas curtas e fortes (como os lagartos e as tartarugas), pero as serpes non teñen patas e móvense arrastrándose e os crocodilos teñen patas con membranas para nadar mellor.
  • A maioría son ovíparos. Poñen ovos cunha casca dura en terra para protexelos da secura. Algúns réptiles como certas serpes, poden ser ovovivíparos, é dicir, os ovos desenvólvense dentro da nai.
  • Son de sangue frío. A súa temperatura corporal depende do ambiente por iso prefiren lugares cálidos e toman o sol para quentárense.
Serpe con frecha indicando sen extremidades, crocodilo con frecha indicando escamas impermeables  e sapoconcho con frecha indicando  cinco dedos con uñas.

Lectura facilitada

Os réptiles son animais moi antigos, descendentes dos dinosauros.
Están ben adaptados á vida terrestre, pero tamén viven en ríos e mares.

Características comúns dos réptiles:

  • Teñen pel grosa seca cuberta de escamas.
  • Respiran por pulmóns. 
  • A maioría teñen patas curtas e fortes.
  • Son ovíparos.
  • Son de sangue frío.

Imaxe dunha serpe con frecha indicando sen extremidades.

Dun crocodilo con frecha indicando escamas impermeables.

Dun sapoconcho con frecha indicando cinco dedos con uñas.

Serpe con frecha indicando sen extremidades, crocodilo con frecha indicando escamas impermeables  e sapoconcho con frecha indicando  cinco dedos con uñas.

Sabías que?

  • As serpes non teñen pálpebras e sempre teñen os ollos abertos?
  • Os crocodilos poden estar case unha hora sen respirar?
  • Os sapoconchos poden vivir máis de 100 anos?                                                                                                                                                                                                                        

Tipos de réptiles

Os réptiles divídense en tres grandes grupos segundo a súa forma, modo de vida e características especiais.

Tipos de réptiles

Escamosos (serpes e lagartos)

Son o grupo máis numeroso. Posúen as seguintes características:

  • Pel cuberta de escamas soltas que lles permite mudar de pel para crecer.
  • Algúns teñen patas (lagartos) e outros non (serpes).
  • Posúen lingua bífida (serpes e algúns lagartos) para detectar cheiros no aire.
  • Algunhas serpes son velenosas, como a víbora de Seoane en Galicia.
Fotografía dunha serpe
Serpe

Quelonios (sapoconchos)

Posúen as seguintes características:

  • Coiraza ósea que protexe os seus órganos.
  • Mandíbulas fortes sen dentes, en forma de pico.
  • Extremidades adaptadas ao seu hábitat: patas con garras nas tartarugas terrestres e aletas nas tartarugas mariñas.
  • Respiran por pulmóns, aínda que poden aguantar moito tempo baixo a auga.
Fotografía dun sapoconcho
Sapoconcho

Crocodilianos (crocodilos e caimáns)

Son os réptiles máis grandes e feroces. Posúen as seguintes características:

  • Corpo robusto e cuberto de escamas grosas e duras.
  • Mandíbula moi forte con dentes afiados para capturar presas.

  • Extremidades curtas con garras afiadas.

  • Ollos e orificios do nariz situados na parte superior da cabeza.

  • Moi bos nadadores.

Fotografía dun crocodilo
Crocodilo

Lectura facilitada

Os réptiles clasifícanse en tres grupos principais:

Escamosos (serpes e lagartos):

  • Teñen escamas soltas e mudan de pel.
  • Algúns teñen patas e outros non.
  • Lingua bífida para detectar cheiros.
  • Algunhas serpes son velenosas.

Quelonios (sapoconchos):

  • Coiraza dura que os protexe.
  • Bico sen dentes.
  • Patas ou aletas segundo o hábitat.
  • Respiran por pulmóns.

Crocodilianos (crocodilos e caimáns):

  • Corpo forte con escamas duras.
  • Mandíbulas moi fortes.
  • Ollos e nariz na parte superior da cabeza.
  • Son moi bos nadadores.

Mestres da camuflaxe

Fotografía dun camaleón camuflado entre as follas verdes

A camuflaxe é unha das estratexias máis sorprendentes dos réptiles para evitar depredadores ou cazar presas. Que che parece se utilizamos o noso coñecemento sobre os réptiles, para crear un xogo para a exposición interactiva no que os visitantes aprendan, como os réptiles se camuflan no seu hábitat e descubran por que esta habilidade é tan importante para a súa supervivencia?

O xogo consistirá en esconder réptiles en diferentes fondos naturais e conseguir que os participantes os atopen o máis rápido posible… ou non! Se fas ben o teu traballo, haberá algúns tan ben camuflados que serán moi difíciles de ver!

Ides dividirvos en grupos para crear o xogo.

Grupo 1: Creador de réptiles

Encargarase de debuxar e recortar siluetas de réptiles en diferentes cores e patróns. Algunhas deberán camuflarse ben, outras serán moi visibles para comparar.

Grupo 2: Creador de hábitats

Preparará fondos naturais onde esconder os réptiles: bosques, ríos, rochas, area… poden ser impresos, debuxados o utilizando diferentes materiais.

Grupo 3: Construtor do taboleiro

Xuntará os fondos e preparará o espazo onde os visitantes xogarán.

Grupo 4: Explicador científico

Escribirá información sinxela para acompañar o xogo e explicar por que os réptiles se camuflan.

Lectura facilitada

Os réptiles camúflanse para escapar ou cazar presas.

Ides crear un xogo de camuflaxe.

Esconderedes réptiles en diferentes fondos.

Traballaredes en grupos.

O grupo 1 debuxará ou recortará siluetas de réptiles.

O grupo 2 preparará os fondos onde escondelos.

O grupo 3 xuntará os fondos e preparará o espazo.

O grupo 4 escribirá información sinxela para explicar por que se camuflan os réptiles.

Ao final:

  • Compararedes réptiles camuflados e visibles.
  • Reflexionaredes sobre a súa supervivencia e como protexelos.

Como funcionará o xogo na exposición?

  • Os visitantes terán un tempo límite para atopar os réptiles camuflados en cada hábitat.
  • Despois, compararán con réptiles que non estean camuflados para ver a diferenza.
  • Lerán as explicacións sobre por que a camuflaxe é tan importante para os réptiles.

Reflexión final

  • Que cores e patróns funcionan mellor para camuflarse?
  • Que pasaría se os réptiles perdesen a súa capacidade de camuflaxe?
  • Que podemos facer para protexer os hábitats dos réptiles e evitar que queden expostos?

Pregunta Verdadeiro-Falso

Indica se as seguintes afirmacións sobre os réptiles son verdadeiras ou falsas.

Pregunta 1

Os réptiles teñen o corpo cuberto de escamas.

Pregunta 2

Todos os réptiles respiran por branquias.

Pregunta 3

As cobras, os lagartos e as tartarugas son réptiles.

Pregunta 4

Os réptiles viven só na auga.

Pregunta 5

A maioría dos réptiles poñen ovos.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)