Difusión da exposición
Un dos momentos máis importantes do proxecto está a piques de chegar. Cada grupo teredes que presentar os carteis e os xogos, e axudar aos visitantes a descubrir por que é importante coidar os animais galegos en perigo de extinción.
Para que todo saia ben, debedes ter preparado por adiantado:
- Reparto das tarefas entre os membros do grupo: Repartide ben o traballo dentro do grupo para que todas as persoas participen. Establecede quen presenta cada cartel, quen explica os xogos e quen acompaña aos visitantes.
- Organización do tempo da exposición: É importante saber cantos minutos teredes para presentar os carteis e os xogos, e decidir canto tempo lles dedicará cada grupo.
- Espazo para preguntas e comentarios: Reservade un momento para que o alumnado e as familias poidan facer preguntas ou comentarios. Acordade quen do grupo terá a responsabilidade de responder.
Ao final da visita, convidaredes aos nenos, nenas e familias a escribir no Panel de Compromisos e Opinión. Neste panel, cada visitante poderá:
- Deixar escrito un compromiso ou unha acción que poida facer para coidar os animais e a natureza.
- Opinar sobre a exposición: que lles gustou, que aprenderon ou que lles gustaría facer para protexer aos animais.

Este panel serviravos para reflexionar, para ver que ideas teñen as persoas visitantes e para chegardes entre todas e todos a un compromiso colectivo de coidado da natureza.
Lectura facilitada
Estase achegando un momento clave do proxecto: a exposición.
Cada grupo presentará os carteis e xogos.
Explicará por que é importante protexer os animais galegos en perigo.
Para que todo funcione ben, hai que organizar:
- O reparto de tarefas
- O tempo da exposición
- Reservar espazo para preguntas.
Ao final, os visitantes escribirán no Panel de Compromisos e Opinións.
Nel poderán compartir accións, impresións e ideas sobre como coidar a natureza.