Saltar navegación

5.1. O que aprendiches no camiño

Que aprendín?

Na seguinte imaxe atoparás un resumo de todo o que levas no teu saco. Se queres vela máis grande, fai clic sobre ela:

Infografía resumo do proxecto

Infografía resumo en formato PDF (nova xanela).

Infografía resumo en formato editable.

Lectura facilitada

Durante este proxecto:

  • Exploraches o mundo animal.
  • Aprendiches a clasificación dos animais.
  • Identificaches as súas características.
  • Coñeciches animais naturais de Galicia.
  • Investigaches para comprender.
  • Fabricaches un ovoscopio.
  • Fixeches a disección dun peixe.
  • Descubriches animais galegos en perigo de extinción.
  • Creaches para informar e xogar.
  • Fixeches carteis.
  • Deseñaches xogos.
  • Construíches refuxios.
  • Montaches unha exposición.
  • Elixiches e decoraches o espazo.
  • Repartiches as quendas e ensaiaches.
  • Reflexionaches e compartiches.
  • Valoraches o que fixeches ben.
  • Pensaches o que se pode mellorar.

Como o aprendiches?

Despois deste resumo de todo o que fixeches, é o momento de que fagas unha pequena parada para pensar en como acadaches o reto de facer unha exposición para dar a coñecer a situación actual de perigo dalgúns animais da nosa contorna. Para facer esta reflexión, empregarás unha escaleira de metacognición.

A escaleira de metacognición é unha escaleira que te axuda a pensar sobre o que aprendiches, como o aprendiches, para que te serviu e en que outras situacións poderás utilizalo. Deberás subir cada chanzo para descubrir máis sobre o teu traballo e o teu proceso de aprendizaxe. 

Ilustración dunha escaleira de metacognición

Necesitas axuda para cubrir os chanzos?

Como cubrir cada chanzo

1.º Chanzo: Que aprendín?

  • Pensa nunha cousa importante que descubrises ou aprendeses neste proxecto. Pode ser sobre os tipos de animais, as diferenzas entre vertebrados e invertebrados, ou sobre algún animal galego en perigo de extinción.
  • Escribe unha frase curta para explicalo.
    Exemplo: "Aprendín que o oso pardo vive en Galicia e está en perigo de desaparecer."

2.º chanzo: Como o aprendín?

  • Reflexiona sobre como chegaches a aprender todo iso. 
  • Podes mencionar se foi observando, facendo, traballando en equipo ou preguntando.
    Exemplo: "Aprendín xogando ás cartas dos invertebrados, buscando información e lendo os carteis que fixemos."

3.º chanzo: Para que me serviu?

  • Escribe en que te axudou o que aprendiches. Pensa se che serviu para o proxecto ou para outra cousa. Para comprender mellor os animais? Coidar máis a natureza? Preparar ben a exposición?
    Exemplo: "Serviume para saber que hai animais que debemos protexer e explicarllo aos demais."

4.º chanzo: En que outras situacións podo facer isto?

  • Agora imaxina outras situacións onde poderías usar o que aprendiches. Pensa en casa, no cole ou noutros proxectos.
    Exemplo: "Poderei usar o que aprendín cando vaia ao monte e vexa pegadas de animais ou fale con outras persoas sobre coidar a natureza".

Unha vez cubertos todos os chanzos, pensa no seguinte:

  • Que foi o que máis che gustou facer no proxecto?
  • Que farías mellor a próxima vez?

Modelo Escaleira de Metacognición en formato PDF (nova xanela).

Modelo Escaleira de Metacognición en formato editable.

Lectura facilitada

Vas facer unha pequena parada.

Pensa en como acadaches o reto.

Reflexionarás utilizando unha escaleira de metacognición.

É unha escaleira que te axuda a pensar sobre o que aprendiches.

Como aprendiches.

Para que che serviu.

Tamén en que outras situacións poderás utilizar o aprendido.

Poderás descubrir moitas cousas sobre a túa aprendizaxe.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)