Características
Vas coñecer os animais con máis patas do planeta! Algúns teñen seis, outros oito, e mesmo hai que teñen máis de cen. Insectos, arañas, centolos, escorpións… todos pertencen ao grupo dos artrópodos. Comezarás explorando as súas características comúns para descubrir por que son os verdadeiros donos do mundo!
- Teñen exoesqueleto, que é unha especie de armadura externa que os protexe. Teñen que mudalo periódicamente para medraren.
- O seu corpo está dividido en partes: cabeza, tórax e abdome ou cefalotórax e abdome, dependendo do tipo.
- Todos presentan antenas.
- Posúen patas articuladas que lles permiten moverse con gran precisión.
- Os terrestres respiran por traqueas (finos tubos abertos ao exterior) e os acuáticos respiran mediante branquias.

Lectura facilitada
Os artrópodos son os animais con máis patas do planeta.
Teñen unhas características comúns:
- unha armadura externa que os protexe chamada exoesqueleto,
- corpo dividido en tres partes, cabeza, tórax e abdome ou en dúas, cefalotórax e abdome,
- teñen antenas,
- teñen patas articuladas, e,
- os terrestres respiran por uns finos tubos que saen ao exterior chamados traqueas e os acuáticos por branquias.
Imaxe de:
- unha araña con frechas sinalando oito patas, ollos simples e palpos,
- un cangrexo de río con frechas sinalando dez patas, ollos compostos, antenas e exoesqueleto duro,
- un cempés con frechas sinalando antenas e moitas patas e
- unha abella con frechas sinalando seis patas, ás, ollos compostos e antenas.

Audio
Sabías que?
- Algunhas bolboretas poden ver cores que os humanos non poden percibir, como a luz ultravioleta?
- A tea das arañas é cinco veces máis resistente que o aceiro do mesmo grosor?
- Algúns cangrexos poden rexenerar as súas patas se as perden en loitas ou fuxindo de depredadores?
- O "milpés" máis longo rexistrado non tiña mil patas, senón 1.306?