Os textos argumentativos
Os textos argumentativos son aqueles nos que se dá unha opinión sobre un tema e se intenta convencer ás persoas lectoras usando razóns e exemplos que a xustifiquen.
Neste tipo de textos, a persoa que escribe non só informa, senón que tamén opina e trata de facer que quen lea o texto pense coma el ou ela ou, polo menos, que reflexione. O obxectivo é defender unha idea con argumentos.



A ESTRUTURA DOS TEXTOS ARGUMENTATIVOS
Os textos argumentativos presentan a seguinte estrutura.
INTRODUCIÓN (COMEZO)
Obxectivo: Presentar o tema do que se vai falar e expresar a opinión.
Que se adoita incluír?
- O tema do texto (por exemplo, o uso dos videoxogos, as tarefas para a casa, a protección dos animais...).
- A opinión da persoa que escribe (está a favor ou en contra).
- Pode comezar cunha pregunta ou unha frase rechamante para chamar a atención.
Exemplo: Hoxe en día, moitos nenos e nenas pasan horas diante das pantallas. É isto bo para eles? Eu penso que o uso excesivo de pantallas pode ser perigoso para a saúde e o benestar.
DESENVOLVEMENTO (PARTE CENTRAL)
Obxectivo: Explicar as razóns que apoian a opinión.
Que se adoita incluír?
- Varias razóns ben explicadas, unha en cada parágrafo.
- Exemplos ou experiencias persoais.
- Comparacións, consecuencias, datos ou feitos que axuden a convencer.
Exemplo: Un dos problemas máis grandes das pantallas é que poden causar dificultades de visión. Ademais, cando se pasa moito tempo xogando ou vendo vídeos, pérdese tempo que podería empregarse en facer deporte ou estar coa familia. Por outra banda, ás veces os contidos que aparecen non son axeitados para a nosa idade.
CONCLUSIÓN (FINAL)
Obxectivo: Pechar o texto cun resumo ou cunha reflexión final.
Que se adoita incluír?
- Unha lembranza da opinión defendida.
- Unha frase que faga pensar ou que anime a actuar.
Exemplo: Por todo isto, penso que debemos usar as pantallas con moderación. Se as empregamos con responsabilidade, podemos aproveitar as vantaxes sen sufrir os problemas.
Lectura facilitada
Como facer un texto argumentativo.
1. Comezo (introdución).
Dicir o tema do que vas falar.
Dicir o que opinas.
Podes comezar cunha pregunta.
Exemplo: Hoxe en día, hai moitos nenos e nenas que xogan co móbil. É iso bo? Penso que non.
2. Parte central (desenvolvemento)
Explicar porque pensas iso.
Poñer exemplos ou cousas que che pasaron.
Exemplo: Se xogamos moito co móbil, podemos facer dano aos ollos.
3. Final (conclusión).
Repetir o que opinas para que quede claro.
Engadir unha frase que faga pensar aos demais.
Exemplo: Por iso penso que debemos usar menos o móbil e xogar máis fora.
.png)