Saltar navegación

5.1 Presentando xornal físico

Poñendo en práctica todo o aprendido

Co obxectivo de amosar e compartir todo o que aprendiches ao longo desta unidade didáctica, cada grupo da clase deberá preparar unha pequena presentación.

Esta actividade servirá para aplicar os coñecementos adquiridos sobre as tipoloxías textuais (como os textos narrativos, descritivos, instrutivos expositivos ou argumentativos), os xéneros discursivos e a importancia de expresarse correctamente, tanto na parte escrita como na oral. Tamén permitirá reflexionar sobre o traballo realizado durante o proceso de creación dun xornal ou revista escolar, en que todos e todas participaron con esforzo e ilusión.

Durante a presentación, deberás organizarte co teu equipo, repartindo os diferentes roles para que cada membro do grupo poida expoñer unha parte do traballo. Todos e todas deben participar dalgunha maneira, pois a revista ou xornal que presentades é froito do traballo conxunto. Xa sexa lendo, explicando, mostrando materiais ou apoiando os compañeiros e compañeiras, é importante que cada persoa teña un papel na actividade.

Ten moi presente todo o que aprendiches sobre expresión oral e expresión corporal: falar con claridade, vocalizar ben, mirar ao público, usar un ton axeitado, manter unha postura correcta e transmitir seguridade. Todos estes aspectos contan á hora de facer unha boa presentación.

E, por suposto, non se pode esquecer unha das cousas máis importantes: respectar as intervencións das demais persoas. Cando sexa a quenda dos compañeiros e compañeiras, escoita con atención, en silencio e con interese, tal e como che gustaría que fixesen convosco cando vos toque falar a vós. Crear un ambiente de respecto e colaboración é fundamental para que todos e todas poidan gozar e aprender desta experiencia.

En resumo, esta será unha oportunidade perfecta para demostrar non só todo o aprendido, senón tamén como traballar en equipo, como comunicarse e como saber escoitar. Ánimo, será xenial!

Exposición

Lectura facilitada

Cada grupo fará unha presentación para mostrar o que aprendeu.

Todos e todas debedes participar.

Falade con claridade e escoitade con respecto os compañeiros e compañeiras.

É unha boa ocasión para traballar en equipo.

Autoavaliación do teu traballo en grupo

Nesta actividade, vas ter a oportunidade de autoavaliarte, o que significa que ti mesmo ou ti mesma, farás unha reflexión sobre o teu traballo e como colaboraches co teu grupo. A autoavaliación é unha forma de coñecer mellor como traballas, que cousas fixeches ben e cales debes mellorar para os seguintes retos.

Facerse preguntas que inviten á reflexión é un bo xeito de pescudar que aspectos se deben mellorar. Velaquí algunhas: 

Responde con sinceridade ás mesmas. Ánimo!

1. Sobre o traballo realizado:

  • Que partes do traballo fixen e con cales me sinto máis satisfeito ou satisfeita?
  • Cómpre que mellore algún aspecto do traballo en equipo? Como podo colaborar mellor cos meus compañeiros e compañeiras?

2. Sobre a participación no grupo:

  • Participei activamente en todas as tarefas do grupo? Dei as miñas ideas e escoitei as das demais persoas?
  • Traballei de xeito respectuoso coas ideas dos meus compañeiros e compañeiras, mesmo cando non estaba totalmente de acordo?

3. Sobre as habilidades de comunicación:

  • Falei con claridade durante a presentación? 
  • Usei un ton de voz axeitado e mantiven boa postura cando falei diante da clase? 
  • Escoitei con atención os meus compañeiros e compañeiras cando era a súa quenda para falar? Mostrei interese na súa presentación?

4. Sobre melloras e futuros retos:

  • Que é o que máis me gustaría mellorar para o próximo traballo ou presentación?
  • Que cousas aprendín que me axudarán no futuro para facer mellores presentacións ou traballos en equipo?
  • Hai algún aspecto no que deba traballar máis, como a organización ou a expresión oral?

Agora, cando remates de reflexionar sobre estas preguntas, poderás avaliar o teu propio traballo e ver en que aspectos podes mellorar. 

PensarRevisar

Recordatorio importante:

A honestidade e a xustiza son claves para que esta autoavaliación sexa útil para ti e para os teus compañeiros e compañeiras. Aínda que hai cousas que fixeches ben, tamén é importante ser sincero e sincera sobre aquilo que podes mellorar.

A través deste proceso, non só aprenderás a mellorar os teus traballos, senón tamén a colaborar mellor coas demais persoas e a escoitar as críticas de forma construtiva para medrar e mellorar.

Lectura facilitada

Nesta actividade vas reflexionar sobre o teu traballo e colaboración co grupo.

Responde estas preguntas:

Sobre o traballo realizado:

Que fixen ben?

Como podo mellorar no traballo en equipo?

Sobre a participación no grupo:

Participei e escoitei as demais persoas?

Sobre a comunicación:

Falei con claridade e escoitei os compañeiros e compañeiras?

Melloras e futuros retos:

Que podo mellorar na próxima vez?

Reflexiona e sé sincero ou sincera para mellorar no futuro.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)