As redes sociais
Hoxe en día, moitas persoas empregan as redes sociais para comunicarse, compartir momentos da súa vida e pasalo ben. Pero, como todo, é importante coñecer ben como funcionan e os coidados que se deben ter para que non se convertan en algo perigoso.
Neste caso, como o teu reto é elaborar un medio de comunicación que estará ao acceso de moitas persoas, considérase importante que tomes conciencia do poder que este xornal terá debido ao seu posible alcance.
Que son as redes sociais?
As redes sociais son páxinas de Internet ou aplicacións que serven para que as persoas se conecten, falen entre elas, compartan fotos, vídeos, comentarios e fagan novas amizades.
Son coma unha gran praza na Internet onde podes atoparte cos teus amigos, ver o que publican outras persoas ou contar algo divertido que che pasou.
Algunhas das redes sociais máis coñecidas son:
- Instagram, para compartir fotos, vídeos e seguir outras persoas.
- TikTok, para crear e ver vídeos curtos, moitos deles con música e bailes.
- WhatsApp, para enviar mensaxes, facer chamadas e videochamadas.
- YouTube, onde podes ver vídeos de todo tipo: cancións, debuxos, receitas, videoxogos e moito máis.
- X (antes Twitter), para compartir mensaxes curtas e opinións.
Cada rede social ten o seu propio funcionamento, pero todas teñen algo en común: permiten que as persoas se conecten entre si a través de Internet.



Para que se empregan as redes sociais?
As redes sociais teñen moitos usos, e poden ser moi divertidas e útiles se se usan ben. Por exemplo:
- Falar con amigos e amigas e familiares que viven noutras cidades ou países.
- Compartir fotos e vídeos de momentos importantes: o teu aniversario, unha viaxe, unha excursión ou a túa mascota.
- Ver vídeos divertidos ou sobre cousas que che gustan, como deportes, ciencia, cociña ou videoxogos.
- Aprender cousas novas. Por exemplo, hai vídeos para aprender a debuxar, facer trucos de maxia ou resolver problemas de matemáticas.
- Facer novas amizades cos mesmos gustos ca ti. Por exemplo, se che gusta o fútbol ou tocar un instrumento, podes seguir persoas que comparten esas afeccións.
As redes sociais tamén se usan para informarse de novas, ver que está pasando no mundo e participar en campañas solidarias ou de axuda a outras persoas.





Como se usan as redes sociais?
Aínda que moitas redes sociais parecen pensadas para nenos e nenas porque hai vídeos de debuxos ou bailes, a maioría establece unha idade mínima de 13 anos para poder usalas. Isto faise porque:
Hai que ser suficientemente maior para entender os perigos que pode haber en Internet.
Débense coñecer e respectar as normas de seguridade e privacidade.
Non todos os contidos son axeitados para nenos e nenas.
Se algunha vez che gustaría ter unha conta nunha rede social, é moi importante:
- Falar diso coa túa familia ou persoas adultas de confianza.
- Explicarlles por que queres usala e para que.
- Pedirlles axuda para crear a conta, poñela en modo privado e controlar quen pode ver o que publicas.
- Aprender a configurar a seguridade para que persoas descoñecidas non poidan contactar contigo.
Lembra: non pasa nada por esperar a ter a idade axeitada. Hai moitas outras formas de divertirse e comunicarse de forma segura.



Cales son os riscos das redes sociais?
Aínda que as redes sociais poden ser moi entretidas, tamén teñen riscos se non se usan con coidado.
Algúns deses perigos son:
- Que persoas descoñecidas intenten falar contigo. Ás veces, esas persoas non son quen din ser e poden querer enganarte.
- Que publiquen fotos ou vídeos teus sen permiso. Isto pode facerte sentir triste.
- Que alguén te insulte ou te moleste a través de mensaxes. Isto chámase ciberacoso e é moi grave.
- Que che pidan datos persoais como o teu enderezo, o número de teléfono ou a escola á que vas. Nunca debes dar esta información.
- Ver contidos que non son axeitados para a túa idade, como imaxes violentas, mensaxes de odio ou temas para persoas adultas.
- Pasar demasiado tempo nas redes sociais pode facer que descoides outras cousas importantes: estudar, durmir, xogar, estar coa túa familia ou facer deporte.




Que facer se te atopas nunha situación de risco?
Se algunha vez te sintes mal ou che pasa algo que non che gusta nunha rede social, tes que saber que non estás só nin soa e hai persoas que poden axudarte.
Isto é o que debes facer:
- Cóntallo a unha persoa adulta de confianza: os teus pais, nais, profesoras ou profesores. Eles e elas saberán como axudarte.
- Non contestes mensaxes estrañas ou ofensivas.
- Bloquea a persoa que te está molestando. Case todas as redes sociais teñen un botón para facer isto.
- Denuncia a situación na propia aplicación. Así as persoas poden tomar medidas.
- Garda probas do que pasou, como capturas de pantalla ou mensaxes, para poder ensinarllas á persoa adulta que te axude.
Lembra: ti non tes a culpa de nada do que che pase en Internet. Se algo te fai sentir mal, sempre debes contalo.




Lectura facilitada
Que son as redes sociais?
Son páxinas ou aplicacións para:
Falar con amigos/as.
Compartir fotos e vídeos.
Coñecer xente nova.
Exemplos: Instagram, TikTok, WhatsApp, YouTube e X (antes Twitter).
Para que serven?
Falar con familia e amizades.
Ver vídeos divertidos.
Compartir momentos especiais.
Aprender cousas novas.
Saber o que pasa no mundo.
Que coidado hai que ter?
Non falar con persoas descoñecidas.
Non dar datos persoais.
Non publicar cousas sen permiso.
Non ver contidos non axeitados.
Non pasar demasiado tempo conectado ou conectada.
Que facer se pasa algo malo?
Cóntallo a unha persoa adulta.
Non respondas mensaxes malas.
Bloquea e denuncia a persoa.
Audio
Entón...
Sabendo todo isto... Cres que é recomendable o uso das redes sociais? Ocórreseche algún risco máis a maiores dos mencionados no punto anterior?
Comenta cos teus compañeiros e coas túas compañeiras a túa opinión.
Recorda que sempre que se comparta unha idea ou opinión debe ser desde o respecto mutuo.