A celulosa é o compoñente fundamental das paredes das células vexetais en plantas, madeira e fibras naturais.
Exemplo:
Na fabricación de papel utilizan celulosa de eucalipto.
Orgánulo
Definición:
Estrutura pequena dunha célula que está rodeada por unha membrana e ten unha función específica.
Exemplo:
A mitocondria e o núcleo son orgánulos da célula.
Características da célula
As células poden ter formas moi variadas pero todas teñen unhas partes en común:
• A membrana celular: envolve e delimita a célula.
• O citoplasma: é un medio acuoso no que están metidos outros compoñentes e orgánulos celulares.
•O ADN (Ácido Desoxirribonucleico): é o material xenético, responsable dos procesos que se producen na célula. O ADN pode atoparse metido no citoplasma directamente (son as células procariotas) ou estar protexido dentro dun orgánulo chamado núcleo (son as células eucariotas).
Tipos de células
Células procariotas: o ADN está solto polo citoplasma.
Por exemplo, as bacterias son células procariotas.
Células eucariotas: o ADN está metido dentro dun orgánulo chamado núcleo.
Por exemplo, as células que forman o teu corpo son eucariotas.
Lectura facilitada
Todas as células teñen unhas partes en común, que son:
A membrana celular é parte que rodea á célula.
O citoplasma é o líquido onde están os orgánulos celulares.
O ADN, que é o material xenético da célula. O ADN garda as instrucións para que a célula viva e faga as súas funcións.
Se o ADN está dentro do núcleo, as células teñen o nome de eucariotas,
o resto de células son as procariotas.
Audio
Células dos animais e células dos vexetais
Tanto as células animais coma as vexetais son células eucariotas, ambas teñen orgánulos rodeados por membranas, coma o núcleo e as mitocondrias.
Aínda así, non as vemos iguais nin teñen os mesmos orgánulos, debido a que teñen diferentes necesidades.
Por exemplo, as células vexetais teñen cloroplastos, necesarios para facer a fotosíntese, mentres que as células animais non os teñen.
Preme na imaxe para vela máis grande.
Audio
Partes da célula animal
Núcleo: contén o ADN.
Citoplasma: líquido acuoso onde se atopan todos os orgánulos da célula.
Centriolos: encargados da división deste tipo de células.
Membrana celular: envolve e delimita a célula.
Mitocondria: encargada da produción de enerxía.
Audio
Partes da célula vexetal
Membrana celular: envolve e delimita a célula.
Cloroplasto: son os responsables da cor verde das plantas.
Mitocondria: encargada da produción de enerxía.
Núcleo: contén o ADN.
Citoplasma: líquido acuoso onde se atopan todos os orgánulos da célula.