Saltar navegación

3.2. Deseño dos xogos

O tema dos xogos

Imaxe do modelo de ficha técnica

O tema sobre o que tratarán os xogos é "os seres vivos, a célula e os reinos da natureza".

Por iso precisas  investigar e aprender cousas sobre este tema, para crear as fichas técnicas do xogo.

Xa sabes que as fichas técnicas son unhas tarxetas que conteñen información, unha morea de datos sobre aspectos concretos da temática que se estea a tratar.

Por exemplo, se estás co tema dos seres vivos e, concretamente, falando dun animal coma o cabalo, que información cres que deberá conter a súa ficha técnica? A que preguntas responderías? Pois sería igual para calquera información dun ser vivo, da célula ou dos reinos, e para calquera curiosidade dos seres vivos que descubrirás neste proxecto.

Na elaboración do xogo terás que crear fichas técnicas para dous formatos de xogo; o primeiro tipo de xogo será con taboleiro, que tamén debes deseñar coa axuda do teu equipo, e o segundo formato será sen taboleiro.

A forma de xogar será diferente segundo teña taboleiro ou non.

  1. Xogo con taboleiro: a persoa que xoga colle a ficha técnica e deberá amosar aos demais no taboleiro as características do ser vivo que lle tocou. Os demais deberán adiviñar cal é.
  2. Xogo sen taboleiro: un participante deberá ir pedindo pistas a outra persoa participante para conseguir adiviñar o nome do ser vivo que ten na ficha técnica.

Lembra que debes crear fichas técnicas con diferente nivel de dificultade para que poida xogar a rapazada de calquera idade. Todas e todos teñen dereito a utilizar os vosos xogos para divertirse e aprender sobre os seres vivos.

Toca pescudar para recoller moita información sobre o tema do xogo.

Imos, patrulla científica! Adiante!

Aquí tes o modelo para crear a ficha técnica:

Lectura facilitada

O xogo debe ser sobre os seres vivos, ese é o tema do xogo.

Necesitas investigar e aprender cousas sobre este tema

para crear as fichas técnicas do xogo.

As fichas técnicas son unhas tarxetas con información importante para xogar.

Por exemplo, unha ficha técnica dun animal coma o cabalo ten que amosar esta información:

  • Que clase de animal é
  • O que come
  • Como vive
  • Como se reproduce
  • E máis cousas

Terás que crear fichas técnicas fáciles para as nenas e nenos máis pequenos,

e outras máis difíciles para os nenos e nenas máis grandes.

Algunhas fichas técnicas son para utilizar co taboleiro, que debes facer co teu equipo,

As dúas clases de xogos:

  • Xogo con taboleiro: a persoa que xoga colle a ficha técnica e deberá
    amosar aos demais no taboleiro as características do ser vivo que lle tocou.
    Os demais deberán adiviñar cal é.
  • Xogo sen taboleiro: un xogador deberá ir pedindo pistas a outra persoa participante
    para adiviñar o nome do ser vivo.

Toca pescudar para recoller moita información sobre o tema do xogo.

A tarefa

Ilustración dun taboleiro de xogo de mesa e unha ficha técnicaComo xa vimos, para resolver o reto debes crear, xunto ao teu equipo, un xogo de ciencias para a biblioteca do cole.

Para ir preparando o material que necesitas, ao finalizar cada sesión da fase 3, terás que elaborar dúas fichas técnicas para o xogo. Cando remates esta fase xa terás as fichas técnicas listas e poderás xuntalas coas do teu equipo.

Comproba as fichas co teu equipo e, se é necesario, seleccionade as máis adecuadas para os dous formatos de xogo.

Tamén podes ir facendo propostas ao teu equipo para redactar as instrucións e deseñar o taboleiro e as pezas de xogo.

No apartado 3.9. "Construímos o xogo" tes consellos e ideas para crear o xogo. 

Lectura facilitada

Para resolver o reto debes crear un xogo de ciencias para a biblioteca do cole.

Traballarás co teu equipo para crear o xogo.

Ao finalizar cada sesión da fase 3 terás que preparar dúas fichas técnicas para o xogo.

Cando remates esta fase xa terás as fichas técnicas listas

e poderás xuntalas coas do teu equipo.

Comproba as fichas e se é necesario, selecciona xunto co teu equipo,

as máis adecuadas para os dous formatos de xogo.

Podes facer propostas ao teu equipo para redactar as instrucións

e deseñar o taboleiro e as pezas de xogo.

No apartado 3.9. "Construímos o xogo" tes consellos e ideas para crear o xogo. 

Feito con eXeLearning (Nova xanela)