Imos comezar facendo unha pregunta: sabías que o xogo é unha forma de aprendizaxe lúdica e innata?
Pois si! Dende ben pequerrechas e pequerrechos comezamos a ter interese por todo o que nos rodea, e o xeito que utilizamos para descubrilo é o xogo.
Seguro que xa sabes que hai unha morea de tipos de xogos (de movemento, narrativos, musicais, videoxogos, xogos de mesa...). A nós, neste proxecto, os que nos interesan son os xogos de mesa.
Que cales son? Pois como indica o seu nome, son aqueles aos que xogamos sobre unha superficie plana, polo xeral unha mesa.
Tamén se pode xogar sobre un taboleiro aínda que, como veremos máis adiante, este último non é un elemento imprescindible.
Lectura facilitada
O xogo é unha maneira divertida de aprender.
Descubrimos o mundo co xogo.
Hai moitos tipos de xogos.
Neste proxecto traballarás cos xogos de mesa,
que son os que se xogan enriba dunha superficie plana.
Audio
Os elementos do xogo
Agora imos ver algúns dos elementos que pode ter un xogo de mesa, aínda que non son necesarios todos. Dependendo de cada xogo en cuestión poderá ter ou non algún ou varios dos elementos dos que imos falar a continuación:
Taboleiro
Trátase da superficie física onde se desenvolve o xogo.
Adoita ter un deseño específico que pode conter camiños, casiñas, espazos... que guiarán as posibilidades de movemento das pezas.
Poden variar en canto a materiais utilizados, formas e tamaños.
Os taboleiros poden conter gráficos ou ilustracións que axudan ás xogadoras e xogadores a comprender as regras e o obxectivo do xogo.
Fichas
Son os elementos que as persoas participantes utilizan para poder representar os seus movementos, accións ou posicións no taboleiro.
Poden ser de moi diversas formas, tamaños e materiais.
Nalgúns xogos as fichas poden ter unhas funcións especiais como activar habilidades ou desencadear eventos dentro do xogo.
Tarxetas
Son elementos que conteñen información, instrucións ou accións que as persoas participantes deben seguir durante o xogo.
Estas tarxetas poden variar en canto a formato e propósito, e son unha parte importante de moitos xogos.
Por exemplo:
Tarxetas de acción: coma no xogo do Uno (indican a acción a desenvolver en cada momento).
Tarxetas de evento: coma no Catán (onde as tarxetas poden representar eventos que afectan a todas as persoas participantes).
Tarxetas de personaxes: utilizadas en moitos xogos de rol para describir as características ou habilidades dun personaxe específico.
Tarxetas de preguntas ou desafíos: coma as do Trivial Pursuit (conteñen preguntas que se deben responder para poder avanzar no xogo).
Estas tarxetas engaden un nivel de estratexia e sorpresa ao xogo, pois poden influír no seu desenvolvemento e nas decisións que tomen as persoas participantes.
Fichas técnicas
Teñen formato de tarxetas, pero inclúen moita información necesaria para poder desenvolver o xogo.
Inclúense en xogos nos que o contido a tratar pretende ser aprendido ou afianzado.
Dados
Son obxectos, polo xeral cúbicos, que se usan en moreas de xogos de azar e de mesa.
Aínda que antes a maioría deles tiñan seis caras, e cada unha delas un número ou símbolo que o representaba (coma por exemplo os utilizados no Parchís ou na Oca). Agora existen dados con diferentes cantidades de caras (oito, dez, doce, vinte...) e en moitos xogos non teñen números, senón que utilizan cores, letras, imaxes...
As xogadoras e xogadores avanzarán un número determinado de postos, collerán tarxetas dunha cor determinada, deberán facer unha ou outra acción... entre outras posibilidades, segundo o tipo de dado que se utilice en cada caso.
Lectura facilitada
Agora imos ver algúns dos elementos que pode ter un xogo de mesa.
Non todos os xogos teñen os mesmos elementos.
Taboleiro Trátase da superficie física onde se desenvolve o xogo.
Pode conter camiños, postos ou espazos
que guiarán as posibilidades de movemento das pezas.
Poden ser de diferentes materiais, formas e tamaños.
Os taboleiros poden conter debuxos que axudan ás persoas participantes
a comprender as regras e o obxectivo do xogo.
Fichas Son pezas que se utilizan para facer movementos, accións ou marcar a posicións no taboleiro.
Poden ser de diferentes materiais, formas e tamaños.
Nalgúns xogos as fichas poden ter unhas funcións especiais
como activar habilidades ou facer que pasen cousas dentro do xogo.
Tarxetas Son cartóns que conteñen información, instrucións ou accións
que as persoas deben seguir durante o xogo.
Estas tarxetas son unha parte importante de moitos xogos.
Por exemplo:
Tarxetas de acción: coma no xogo do Uno.
Tarxetas de evento: coma no Catán, onde indican cousas que pasarán.
Tarxetas de personaxes: utilizadas en moitos xogos de rol para explicar como son os personaxes.
Tarxetas de preguntas ou desafíos: coma as do Trivial Pursuit que teñen preguntas.
Fichas técnicas Son como tarxetas, pero levan moita información necesaria para poder desenvolver o xogo.
Dados Son obxectos que se utilizan para escoller un número ou unha cor.
Con ese número a persoa que lanzou o dado pode avanzar no taboleiro.