Saltar navegación

3.6. Experimenta

 

Glosario

Hipótese

Ilustración que representa a acción de pensar

Definición:

Razoamento que se fai para explicar unha cousa.

Exemplo:

A científica escribiu unha hipótese sobre o aumento da contaminación.

Microscópico

Ilustración de dúas bacterias

Definición:

Tan pequeno que só se pode ver cun microscopio.

Exemplo:

As bacterias son seres vivos microscópicos.

Lévedos

Coñeces os lévedos?

Pode que nunca escoitaras falar deles, pero están en moitos sitios e utilizámolos para producir alimentos tan importantes coma o pan. Trátase dun ser vivo unicelular, microscópico, do reino dos fungos, que produce a fermentación dalgunhas substancias. Por exemplo, para elaborar pan hai que mesturar fariña, auga, lévedo e un pouco de sal. O lévedo xera burbullas que producen coma resultado un pan máis esponxoso. 

Fotografía dun microscopio cunha mostra de lévedos do pan

No microscopio dixital podes ver lévedos do pan ampliados 600 veces. Se queres velos máis preto, preme no microscopio.

A fermentación con lévedo é un proceso de obtención de enerxía e alimento a partir do azucre. En resumo: o lévedo utiliza o azucre para alimentarse; o resultado deste proceso xera o gas dióxido de carbono, tamén coñecido como CO2 ; este gas é o responsable de que o pan teña esas burbullas que o fan tan esponxoso.

Curiosidades

  • O lévedo tamén recibe o nome de fermento.
  • Nas tendas de alimentación venden preparados con lévedo para elaborar o pan.

Lectura facilitada

O lévedo tamén recibe o nome de fermento.
Na tenda podemos mercar preparados con lévedo para elaborar o pan.

Os lévedos son seres vivos que só podemos ver co microscopio.
Son necesarios para elaborar pan e outros alimentos.
Os lévedos fan a fermentación,
que se produce cando se alimentan do azucre.
Na fermentación xeran un gas.

No pan, o gas da fermentación fai ocos na miga,
por iso o pan está máis esponxoso.

O lévedo tamén ten o nome de fermento.

Nas tendas de alimentos venden lévedo
para facer o pan.

Investigamos no laboratorio

Material necesario

Fotografía do material necesario para o experimento
  1. Azucre
  2. Lévedo
  3. Recipientes para líquidos e unha espátula para remover.
  4. Un globo
  5. Unha botella transparente

Pasos

1

Fotografía dunha mestura de lévedo en auga

Disolve un pouco de lévedo en auga. Pode ser auga morna, pero non quente porque os lévedos están vivos e a auga moi quente pode matalos.

2

Fotografía do proceso de botar o lévedo nunha botella

Pon auga na botella e mestúraa co azucre. Bota o lévedo con auga.

3

Fotografía de burbullas na auga con lévedo

Uns minutos despois aparecen burbullas na auga da botella.

4

Fotografía dun globo axustado a unha botella

Tapa a botella co globo, ben axustado para que non escape o aire ou a auga.

Un consello: estira antes o globo varias veces para que sexa máis doado de inflar.

5

Fotografías do globo inchado polo gas resultante da fermentación

Co tempo o globo comezará a inchar, pode tardar uns minutos ou unhas horas.

Investiga

Agora chega o momento de formular hipóteses.

Que sucedeu?

Cal é a causa?

Por que se forman burbullas na auga co lévedo?

Que pasará con maior cantidade de azucre? E se poñemos máis lévedo?

Afecta a temperatura da auga ao resultado?

Fotografía de varios globos de cores

Repite o experimento cambiando as condicións iniciais. Pesa diferentes cantidades de azucre e lévedo. Pon máis ou menos auga e a distintas temperaturas.

Unha boa forma de identificar os experimentos é utilizar globos de diferentes cores, ou marcar as botellas con etiquetas ou rotuladores.

Fotografía de botellas con lévedo e globos de cores


Utiliza esta ficha en formato PDF para a investigación (nova xanela).

Aquí tes a ficha en formato editable.

Para esta investigación non necesitas un laboratorio. Os materiais que se utilizan son comúns e non precisas de medidas especiais de precaución.

Cando remates a investigación comparte os resultados, explica ao resto da clase como foi todo e os resultados do experimento. Tamén podes elaborar un resumo con fotos e compartilo en Internet. Lembra que nas fotos non deben aparecer persoas.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)