Saltar navegación

3.9. Construímos o xogo

Traballo en equipo

Persoa facendo manualidades

Chegou o momento da elaboración do xogo.

Todo o equipo terá que decidir e elaborar:

  1. Un taboleiro.
  2. As tarxetas dos xogos.
  3. As pezas para indicar no taboleiro, se as precisamos.
  4. Un contedor (caixa ou bolsa) para o voso xogo.
  5. E non esquezades poñer un nome atractivo.

É importante que lembredes utilizar material de refugallo.

Aquí tedes un exemplo de ficha para cubrir, en función dos materiais que teñades e decidades utilizar:

Imaxe dunha ficha de recollida de datos do que precisamos

Ficha para a planificación do xogo, en formato PDF (nova xanela).

Ficha para a planificación do xogo, en formato editable.

Lectura facilitada

Chegou o momento de facer o xogo.

Traballa co teu equipo para crear o seguinte:

  1. Un taboleiro.
  2. As tarxetas dos xogos.
  3. As pezas para indicar a posición dos xogadores no taboleiro.
  4. Un contedor (caixa ou bolsa) para gardar os elementos do voso xogo.
  5. Un nome atractivo para o xogo.

Escribe na ficha para planificar ben o xogo.

Comezamos!

Xa tedes claro como ides construír o xogo?

Daquela é momento de comezar!

Para o taboleiro poderedes utilizar diversos materiais (cartón, cartolina, goma, tea ou calquera outro). Pensade ben a vosa idea de material e a forma que lle ides dar.

As tarxetas de xogo poderán ser en folios ou cartolinas, pero debedes pensar o seu formato (forma, tamaño, datos a incluír) antes de poñervos mans á obra.

Para as fichas, que serán as encargadas de informar da posición de cada xogador dentro do taboleiro, poderedes facer uso de diversos materiais. Dende cousas de refugallo, como poden ser tapas ou botóns, ata inventar as vosas propias pezas modelando arxila, plastilina ou goma. Tamén con creacións feitas con tecnoloxías máis avanzadas, coma o lapis 3D, a cortadora láser ou a impresora 3D.

Para o contedor onde gardaredes os materiais do xogo, poderedes utilizar caixas de refugallo, por exemplo de cartón, que, posteriormente, decoraredes, e nas que debedes incluír datos importantes dos vosos xogos, coma o nome e as instrucións, ademais do resto do material. Se tedes os medios, tamén poderedes utilizar caixas de plástico con deseños da cortadora de vinilo. 

Se vos decantades polo formato de bolsa, poderedes decorala con pintura téxtil (que pode ser con pinceis ou con rotuladores), ou tamén lle podedes engadir elementos en vinilo téxtil coa cortadora (se tedes).

Para o deseño máis sinxelo, podedes crear un sobre con cartolina, pero non esquezades decoralo!

Non o tedes claro? Se necesitades máis orientación, mirade no apartado "Ideas para os xogos".

A que esperades?

Algúns materiais para crear o xogo Imaxe bolsa de xogo

Preme sobre as imaxes para amplialas.

Lectura facilitada

Nesta tarefa tes que traballar co teu equipo.

Aquí podes atopar algúns consellos para crear o xogo.

Pensa na forma do xogo e escolle o material para o taboleiro, pode ser:

  • Papel.
  • Cartolina.
  • Cartón.
  • Plástico.

As tarxetas de xogo poderán ser en folios ou cartolinas, 

pensa no deseño da tarxeta antes de comezar a escribir.

As fichas podes conseguilas de moitas formas:

  • Reciclando material de refugallo, coma, por exemplo, tapóns de botellas.
  • Cortalas en cartón ou cartolina.
  • Feitas con arxila ou goma.
  • Fabricadas en 3D coa impresora, a cortadora láser ou un lapis 3D.

Para gardar o xogo podes escoller varias opcións:

  • Reciclar unha caixa que xa teñas.
  • Fabricar a caixa con cartolina.
  • Decorar unha bolsa de tea.
  • Facer un sobre con cartolina.

Non esquezas meter na bolsa ou a caixa todo o que necesites para o xogo:

  • Fichas técnicas
  • Instrucións
  • Taboleiro
  • Fichas

Se necesitades máis axuda,

mira no apartado "Ideas para os xogos".

Revisar o xogo

Revisa o xogo con esta lista de control

Feito con eXeLearning (Nova xanela)