A radio leva sendo un medio de comunicación de referencia desde hai décadas. Na actualidade o universo do podcast está en plena expansión, debido a que o podes escoitar cando queiras, onde queiras e podes atopalos sobre case calquera tema que se che ocorra. Se buscas conversas interesantes, historias que enganchen, aprender cousas novas ou simplemente pasar un bo momento, hai un podcast en galego esperando por ti. Deseguido tes dous exemplos de podcast que poden servir de exemplo para a realización do minirreto:
Lectura facilitada
A radio é importante desde hai décadas.
Agora os podcasts están medrando moito.
Podes escoitalos cando queiras.
Onde queiras.
E hai podcasts de case calquera tema!
Se buscas conversas interesantes, hai un podcast para ti.
Se buscas historias que enganchan, tamén.
Para aprender cousas novas ou pasar un bo momento.
Sempre hai un podcast en galego.
Aquí tes dous exemplos de podcast.
Poden servirche de axuda para o reto.
Onde podes atopar máis podcasts?
Temos un recurso importante: un lugar con moitos podcasts en galego.
Chámase Podgalego.
Reúne e organiza moitos programas.
É fácil atopar o que queres escoitar.
A oferta de podcasts é moi grande.
Hai moitísimos temas diferentes.
E son moi fáciles de atopar.
Na páxina web de Podgalego están algúns dos máis importantes en galego.
Audio
Milleiros de podcast máis
Pero, onde podes descubrir aínda máis? Para que non perdas nada, tamén che traemos un recurso fundamental: un completo repositorio de podcasts en galego. Un espazo que reúne e organiza ducias de programas, facilitando que atopes exactamente o que che apetece escoitar.
A oferta de podcast é amplísima e sobre moitísimos temas diferentes. Ademais, ofrece unha accesibilidade total. Na seguinte páxina web foron reunidos algúns dos podcast en galego máis importantes: Podgalego
Poñémonos aos micrófonos
Benvidos e benvidas expertos e expertas radiofónicos, ao minirreto desta etapa en que descubrimos un medio marabilloso. Agora é a quenda de demostrardes todo o que aprendestes sobre este medio de comunicación e como empregalo. Ata aquí, esta segunda etapa que vos convertirá en mestres e mestras da comunicación. Aínda queda camiño por diante! É moi importante que prestedes especial atención ao guión, que saibades do que estades a falar e que repasedes as normas aprendidas ao longo destas fases. Estades listos/as? Adiante!
O obxectivo desta tarefa será traballar en equipo para planificar e escribir o guión dun pequeno programa de radio (5-10 minutos) que teña como unha das partes do programa unha entrevista. Practicaremos a expresión escrita mediante a estrutura dun texto dialogado (o guión) e poñeremos a proba a vosa creatividade.
Instrucións para a realización da tarefa:
Primeiro, deberedes formar os grupos de 3 ou 4 persoas.
Despois, lede ben atentamente a opción de tarefa a realizar.
Planificade o voso programa mediante a elaboración dun guión no que deberedes decidir:
O nome do voso programa de radio.
Quen serán os presentadores/as e os técnicos/as.
Que sintonía ou música de introdución e despedida se vai empregar (deberán figurar no guión).
Como será a introdución e o sumario do programa (presentar o programa e os participantes, o tema do día, a estrutura e o/a entrevistado/a).
Establecer as partes do programa e a entrevista.
Quen será o/a entrevistado/a e as preguntas que lle faredes (mínimo 5-7 preguntas). Pensade tamén nas posibles respostas para escribir o guión completo!
Como será a despedida (agradecer ao entrevistado/a, despedirse da audiencia ou facer algo máis do programa).
Lembrade que a radio é un medio sonoro, polo que é esencial incluír algún efecto de son (aplausos, risas, sons relacionados co tema...) e que non haxa silencio en ningún momento do programa. Deberedes ser quen de escribir o guión redactando por completo o texto completo do voso programa, indicando quen fala en cada momento (presentador/a 1, presentador/a 2, entrevistado/a...) e tamén deberedes incluír o resto de músicas e efectos de son.
Opción A
Representade o programa de radio diante do resto de compañeiros/as da clase, como se se tratarse dunha representación teatralizada. Deberedes acompañar a representación dunha cartolina en que apareza o logo do programa e o título deste. Este logo deberá ser atractivo e deberá representar a temática do programa dalgún xeito. O produto final deste minirreto será o guión do mesmo e a cartolina co logo e co título do programa. Estes produtos finais poden estar feitos tanto de xeito manual como mediante medios ofimáticos (Libre Office, GIMP...).
Opción B
Gravade o programa co equipo de radio ou, no seu defecto, cuns micrófonos ou cunha cámara de vídeo. Unha vez recollidos os arquivos no formato axeitado, deberedes editar o contido con programas de edición de son para engadir as sintonías, os efectos de son, a música ambiente, a cabeceira do programa ou para xuntar as diferentes gravacións. Ao final deste apartado atoparedes ligazóns de interese para a obtención destes recursos. Antes de comezar co programa, gravade unha cabeceira en que incluades a sintonía do programa, o nome deste acompañado dunha música atractiva. Exportade o arquivo final a unha plataforma dixital en que aloxedes todos os produtos obtidos nos vosos miniretos (como Moodle ou Agueiro).
Gravádeo mentres este é retransmitido en directo a través dalgunha plataforma dixital. Tende en conta a importancia da preparación previa aínda que sexa en directo. Procurade incluír a participación das persoas do centro e que poidan participar dalgún xeito, incluso sendo eles e elas os protagonistas da entrevista. Preparade previamente os arquivos sonoros que vaiades empregar como unha sintonía e unha cabeceira inicial, efectos sonoros que queirades engadir, a música de fondo e as músicas para facer os cortes entre as partes do programa. Ao final deste apartado atoparedes ligazóns de interese para a obtención de recursos necesarios. Unha vez rematado o directo, subide o arquivo final a unha plataforma dixital en que aloxedes todos os produtos obtidos nos vosos minirretos (como Moodle ou Agueiro).