Unha ollada ao pasado

Botando a vista atrás, non hai tanto tempo, a radio ocupaba un lugar central nos fogares e nas vidas da xente. Era habitual que familias enteiras, xunto con veciños e veciñas, se reunisen arredor do aparello para seguir con atención os boletíns informativos ou deixarse levar polas tramas das populares radionovelas, convertendo a escoita nun acto social e compartido.
Posteriormente, a chegada da televisión representou unha nova revolución, introducindo a imaxe en movemento na vida cotiá e xerando unha fascinación colectiva. Aínda que hoxe nos pareza case anecdótico, o interese era enorme a pesar de que a oferta inicial se limitaba a tan só dúas canles. Resulta difícil imaxinalo na actualidade, verdade?
Este escenario contrasta moito co panorama actual, radicalmente transformado pola irrupción e masificación de Internet. A Rede de redes non só multiplicou en gran cantidade as fontes de información, senón que cambiou a comunicación. Hoxe, o acceso á información é instantáneo e dende calquera sitio grazas aos ordenadores, tablets e, sobre todo, aos teléfonos móbiles. Internet ofrécenos unha diversidade abraiante de formas de comunicarnos: portais de noticias dixitais, blogs e videoblogs, redes sociais... E o máis interesante é que en Internet non só consumimos senón que tamén creamos e compartimos contido. A comunicación volveuse interactiva, personalizada e global.
Con todo, a pesar desta revolución do mundo dixital, é importante subliñar que os medios tradicionais non desapareceron. A radio, segue acompañando a moita xente nas súas viaxes, e a televisión, co seu poder visual e a súa capacidade para xerar contido para milleiros de persoas, continúan sendo referentes importantes e forman parte indiscutible do noso ecosistema de medios de comunicación. Moitas veces, estes mesmos medios máis tradicionais, foron quen de adaptarse ao novo universo dixital a través das súas plataformas en liña.
Lectura facilitada
Antes, a radio era moi importante.
As familias escoitaban a radio xuntas.
Escoitaban noticias.
Escoitaban historias.
Era un momento para estar en compañía.
Despois, chegou a televisión.
A televisión tiña imaxes.
A xente quedou abraiada.
Só tiña dúas canles ao principio.
Agora, case non o podemos imaxinar.
Hoxe, todo cambiou con Internet.
Internet ten moita información.
Cambiou a forma de comunicarnos.
Podemos ver información ao momento.
Usamos ordenadores e móbiles.
Internet ten moitas formas de falar.
Hai noticias dixitais.
Hai blogs.
Hai redes sociais.
En Internet, non só vemos.
Tamén creamos cousas.
Compartimos contido.
A comunicación é máis persoal.
É global.
A pesar de Internet, a radio segue existindo.
Moita xente escoita a radio cando viaxa.
A televisión tamén segue aquí.
A televisión chega a moita xente.
Son importantes aínda hoxe.
Moitos medios antigos están agora en Internet.
Audio
Os comezos
Sabes cando empezaron as emisións de radio e televisión en galego? Aínda que a TVG iniciou as súas emisións en 1985, foi a mediados dos anos 70 cando se empezou a emitir un programa informativo en galego. Chamábase Panorama de Galicia e emitíao TVE. A primeira retransmisión deportiva feita integramente na nosa lingua é do ano 1983 e foi un partido de fútbol entre o Valladolid e o Celta feita por RNE (Radio Nacional de España). No relativo aos programas infantís e xuvenís en galego, foi no ano 1994 cando se emitiu por primeira vez o Xabarín Club.
Dende entón a CRTVG (Corporación Radio e Televisión de Galicia) experimentou moitos cambios e foron xurdindo novos medios de comunicación e entretemento en galego. Devagar os medios galegos vanse adaptando ós novos tempos ofrecendo todo tipo de programas e plataformas de contido dixital á carta.
Lectura facilitada
Eu quero saber cando o galego saíu na radio e na tele.
A TVG empezou a emitir en 1985.
Pero antes xa había algo.
A mediados dos anos 70 houbo un programa.
Era un informativo en galego.
Chamábase Panorama de Galicia.
Emitíao TVE.
A primeira vez que se narrou un partido de fútbol en galego foi en 1983.
Era un partido do Celta.
Fíxoo RNE.
O Xabarín Club, un programa para nenos, empezou en 1994.
Desde entón, a CRTVG cambiou moito.
Xurdiron máis medios en galego.
Os medios galegos adáptanse aos novos tempos.
Ofrecen moitos programas.
Tamén teñen contidos en liña.



.jpg)


