As partes dos programas de radio
Despois de coñecer un pouco como foi o paso da radio ao podcast, imos afondar máis neste medio. Liches ben cal é o rol dun locutor ou unha locutora de radio? Canta xente pensades que cómpre para facer un programa? O guión nun programa de radio ou podcast é esencial para o seu desenvolvemento. Ademais adoita seguir unha estrutura que ten como mínimo os seguintes elementos:
| Apertura | Adóitase introducir o programa mediante a sintonía característica do programa, que inclúe o seu nome. |
| Introdución | Aquí o locutor ou locutora saúda, presenta os e as protagonistas do programa e avanza o contido dun xeito atractivo para chamar a atención da audiencia. |
| Contido | Fálase da temática principal do programa e o seu contido de diferentes xeitos. Pode incluír monólogos, debates, entrevistas e incluso narracións ou contacontos. Ademais os programas adoitan ter seccións habituais que levan diferentes colaboradores/as. |
| Despedida | O locutor ou locutora despide o programa ata o próximo día, recordando e agradecendo aos oíntes. Pode incluír unha sintonía ou música de saída, créditos e agradecementos finais. |
Lectura facilitada
Xa sabes como pasou a radio a podcast.
Imos saber máis deste medio.
Sabes cal é o rol dun locutor/a?
Canta xente pensas que cómpre para facer un programa de radio?
O guión nun programa de radio é moi importante.
Sempre segue unha estrutura.
Ten como mínimo estes elementos:
- Apertura
Comeza o programa.
Ponse a música especial do programa.
Inclúe o seu nome.
- Introdución
Aquí o locutor ou locutora saúda.
Presenta as persoas do programa.
Di o que vai haber no programa.
Faino para chamar a atención.
- Contido
Aquí fálase do tema principal.
Pode incluír monólogos.
Debates.
Entrevistas.
Ou contacontos.
Os programas teñen seccións fixas.
Outras persoas colaboran nestas seccións.
- Despedida
O locutor despide o programa.
Lembra e agradece aos oíntes.
Pode incluír música de saída.
Ou créditos finais.

