E ti, que opinas?
Escoitade o seguinte audio no que dúas persoas debaten sobre un tema.

Mariña (Moderadora): Ola, súpercinéfilas e supercinéfilos! Hoxe terá lugar un debate moi interesante, onde o Equipo Flocos de Millo, que adora o cine, e o Equipo Mantiña, que é fan do sofá, defenderán a súa postura con respecto a onde é mellor ver as películas: se no cine ou na televisión. Vamos escoitalos!
Aldán (Equipo Flocos de Millo): O cine é o mellor! Hai unha pantallaza e parece que saen os obxectos dela. O son ten moita calidade e axuda a meterse dentro da película. Ademais, ule a flocos de millo riquísimos e podes ver a película cunha chea de amigos, amigas e outra xente. É unha festaza!
Xoana (Equipo Mantiña): Na casa é moi cómodo ver as películas! Podes poñer o teu pixama favorito, facerte unha boliña baixo a túa mantiña e ver placidamente a película. Se tes que ir ao baño, podes facer unha pausiña e non perderás nin un detalle. E por suposto, podes comer as túas lambetadas favoritas. É un planazo!
Aldán (Equipo Flocos de Millo): Pero no cine a pantalla é xigante! Ves as cores moi brillantes e todo é máis emocionante. Tampouco tes que preocuparte de que te interrompan, polo que estás metido de cheo na historia.
Xoana (Equipo Mantiña): Iso é certo, pero eu tamén penso que na televisión podes ver a película sempre que ti queiras. Tampouco é necesario falar en baixiño, polo que me resulta máis cómodo comentar algunhas cousas que van sucedendo ou que non entendo.
Mariña (Moderadora): Vaia! Os dous equipos teñen razóns moi boas. O cine é como unha grande aventura cunha pantalla máxica e flocos de millo. O sofá é un espazo quentiño onde podes ver as túas películas favoritas á túa maneira.
E vós que pensades? Sodes máis de Equipo Flocos de Millo ou de Equipo Mantiña? O máis importante desde logo é gozar moito das películas, xa sexa nunha pantalla grande ou no noso recuncho preferido do sofá. Grazas, Xoana e Aldán, por este gran debate!
