Feito de compartir o que se pensa ou sinte con outra xente mediante algún medio.
Exemplo:
A comunicación entre dúas persoas é fundamental en calquera relación.
Internet
Definición:
Rede informática mundial constituída por un conxunto de redes conectadas cun determinado protocolo de comunicación.
Exemplo:
Grazas a Internet podemos estar conectados co mundo enteiro dende calquera lugar.
Pensamento crítico
Definición:
Acto de pensar con atención sobre algo, facendo preguntas, para entendelo mellor e decidir se ten sentido ou é verdade.
Exemplo:
Para diferenciar o que é certo do que non, hai que empregar o pensamento crítico.
Queremos ser escoitados!
Seguro que moitas veces usades Internet para buscar información, ver vídeos ou falar cos vosos amigos e amigas. Pero... notáchedes algunha vez que hai moitas cousas interesantes que vos interesan a vós, nenos e nenas, pero que non teñen presenza na rede? Se botamos un ollo ao noso arredor, aquí en Galicia (ou mesmo no noso concello, na nosa parroquia), vedes moitas noticias sobre vós ou sobre os temas que vos interesan e preocupan? E, ademais, vedes sitios nos que se faga en galego?
Os nenos e nenas na actualidade non teñen un sitio no que poder expresarse e falar dos temas que lles interesan, preocupan ou apaixonan. De feito moitas veces non son tidos en conta, a pesar de ter un rol moi importante na sociedade actual e sobre todo no futuro.
Ademais, ás veces parece que o galego só se usa para certas cousas. Coma se non servise para falar de temas modernos, divertidos ou que nos interesan de verdade no noso día a día. Así pois, como podemos facer para que o alumnado teña unha voz e un papel importante nesta sociedade? Como podemos compartir as nosas ideas co resto do colexio, coas nosas familias e quizais con moita máis xente? E ademais, como podemos demostrar que o galego é unha lingua próxima para falar de todo o que nos gusta e nos rodea, tamén en Internet? Pois ides ser vós os que atopedes unha resposta a este problema.
Ao longo desta situación de aprendizaxe seredes quen de crear un espazo no que dar voz aos nenos e nenas, que precisan ser escoitados e que teñen moito que dicir. Ao longo das próximas actividades e minirretos, descubriredes a importancia da comunicación do uso dun pensamento crítico e do uso da lingua nos medios, sendo estes unha peza fundamental da sociedade actual.
Lectura facilitada
Uso moito internet.
Busco cousas e falo.
Pero ás veces falta algo.
Non hai cousas nosas en galego.
Os nenos non temos voz.
Non podemos falar do que nos interesa.
Queremos compartir as nosas ideas.
Queremos mostrar que o galego vale para todo.
Vós atoparedes a solución.
Imos crear un sitio para os nenos.
Alí poderemos falar.
Aprenderemos a comunicarnos.
O que dicimos é importante.
Audio
Que aprenderemos?
Ao longo deste REA vas aprender e facer diferentes cousas:
Estudaremos e analizaremos os diferentes medios de comunicación e as súas características: radio, televisión, prensa, plataformas dixitais…
Traballaremos as pautas a seguir para a creación dunha entrevista e como son as normas e códigos desta.
Ampliaremos o contido visto sobre verbos, que nos permitirán falar do tempo, modo e forma.
Traballaremos a nosa expresión oral a través do debate, coñecendo diferentes opinións e expresando as nosas ideas, e a través da creación de programas de radio (mediante diferentes medios de comunicación).
Coñeceremos que son as palabras derivadas, facendo fincapé nas palabras compostas e na utilización de aumentativos e diminutivos.