O ring das ideas

É o momento de poñerse mans á obra e preparar o terceiro e derradeiro minirreto. Este consistirá na creación dun programa de debate, para o que será necesario redactar un guión e posteriormente poñelo en acción.
Organizádevos en grupos de tres persoas. Nestes grupos, dúas persoas seredes opoñentes e unha persoa será moderadora. O tema de actualidade sobre o que deberedes debater será o recollido no voso diario de aprendizaxe da sección "Desfile de voces".
Recordade que un debate é unha conversa entre varias persoas, polo que deberedes respectar os tempos suxeridos.
Repartide as posturas a adoptar por parte de cada opoñente e redactade un breve guión no que cada un de vós incluades:
Moderador/a
- Saúdo, introdución do tema que se vai tratar e presentación moi breve de cada un dos ou das opoñentes que participarán (dous minutos de duración).
- Introdución das preguntas ou puntos a tratar no debate (un minuto de duración por pregunta).
- Apertura de quenda de preguntas do público (un minuto de duración).
- Agradecemento e despedida final (un minuto de duración).
Opoñentes
- Saúdo e breve resumo da súa postura (dous minutos de duración).
- Exposición dos argumentos que apoian a súa postura en cada unha das preguntas ou puntos a tratar (dous minutos de duración por pregunta ou punto a tratar).
- Resposta ás preguntas formuladas polo público (un minuto de duración por pregunta).
- Agradecemento e despedida (trinta segundos de duración).
Audio
Unha vez redactado o guión, é o momento de poñelo en práctica. Lembrade que na televisión é moi importante prestar atención aos detalles visuais. Por esta razón deberedes vestir apropiadamente para a ocasión e colocar o mobiliario de maneira precisa. En definitiva, deberedes crear o voso particular estudio de rodaxe.
Hai tres posibilidades para levar a cabo esta última parte do minirreto.
Opción A

Representade o debate ante o resto de compañeiros/as da clase, como se se tratar dunha obra de teatro. Deberedes acompañar a representación dun cartel no que anunciedes e informedes sobre o debate. Este cartel é un anuncio e deberá captar a atención das persoas telespectadoras (os vosos compañeiros e compañeiras de clase), por iso deberá ser atractivo. Inventade un nome para o voso formato televisivo, indicade a hora á que terá lugar ou onde ver o debate. O produto final tanxible deste minirreto será o cartel anunciativo e o guión, polo que deberedes deixar estes documentos no mural en que se expoñan os produtos dos vosos minirretos.
Opción B

Gravade o debate cunha cámara de vídeo ou un dispositivo con cámara e editade o contido con programas de edición de vídeo para engadir os títulos, música ambiente ou a cabeceira do programa. Gravade previamente unha cabeceira como introdución ao programa en que incluades o nome do voso formato televisivo, acompañado dunha música atractiva. Exportade o arquivo final a unha plataforma dixital en que aloxedes todos os produtos obtidos nos vosos minirretos (como Moodle ou Agueiro).
Opción C

Gravade o debate cunha cámara de vídeo ou dispositivo con cámara mentres este é retransmitido en directo a través dalgunha plataforma dixital. Gravade previamente unha cabeceira como introdución ao programa en que incluades o nome do voso formato televisivo, acompañado dunha música atractiva. Unha vez rematada a emisión, exportade o arquivo final a unha plataforma dixital en que aloxedes todos os produtos obtidos nos vosos minirretos (como Moodle ou Agueiro).
Lectura facilitada
Chegou o momento de facer o terceiro minirreto.
Consiste en crear un programa de debate.
Hai que escribir un guión.
Despois, poñelo en acción.
Organizádevos en grupos de tres persoas.
Dúas persoas seredes opoñentes.
Unha persoa será moderadora.
O tema do debate será o que anotastes no voso diario.
Tedes tres opcións para facer este minirreto.
- Opción A: representación
Representade o debate diante dos compañeiros.
Coma se fose unha obra de teatro.
Facede un cartel para anunciar o debate.
- Opción B: gravación
Gravade o debate cunha cámara.
Ou cun móbil con cámara.
Editade o vídeo.
- Opción C: directo
Gravade o debate mentres se emite en directo.
Usade unha plataforma dixital.
Gravade antes unha cabeceira.

