As partes dunha noticia

Seguimos traballando de cara a conseguir acadar o noso reto final. Neste apartado afondaremos un pouco máis nas noticias coñecendo a súa estrutura e as súas partes
Cando abrimos un xornal de papel ou navegamos por un xornal dixital no ordenador, móbil ou na tableta, atopamos unha gran variedade de noticias sobre temas moi diversos. Podemos ler sobre un novo avance tecnolóxico, alegrarnos co resultado da final de ximnasia rítmica nos mundiais, informarnos sobre o tempo que fará mañá ou mesmo descubrir unha infinidade de curiosidades que nos farán querer seguir investigando. O obxectivo principal de cada noticia é o mesmo: informarnos e actualizarnos acerca de sucesos.
Para que esta información chegue de xeito ordenado e comprensible, unha noticia precisa de diferentes partes que encaixan á perfección para darnos unha idea final. Coñecelas, axudaranos, por tanto, a ler as noticias dun xeito crítico e comprensible. Imos aló!
Sección
As noticias adoitan agruparse por temas en diferentes seccións. Estas axudan a atopar con maior facilidade a información que nos interesa. Algúns exemplos de seccións son: política, economía, deportes, cultura, sociedade, internacional, e moitas máis.
Titular
É a frase que vemos ao comezo e que resume a noticia con poucas palabras. As súas características principais son a brevidade e a capacidade de captar a atención do lector/a.
Entrada
Pequeno parágrafo que vén despois do titular. Nel resúmese o máis importante da noticia. Adoita responder ás preguntas claves.
Corpo da noticia
Narra a información con maior detalle. As preguntas que?, como?, cando?, onde?, por que?, quen? Deben ser respondidas minuciosamente amosando evidencias para que deste xeito o lector ou lectora non quede con dúbidas.
Foto ou vídeo
As noticias adoitan ir acompañadas dunha imaxe que as ilustre. Na actualidade co formato dixital podemos contar con máis dunha imaxe e, en ocasións, vídeos. Isto fainas máis atractivas e visuais.
Pé de foto/descrición
Breve texto que explica a imaxe ou vídeo.
Data e lugar
Xeralmente atopamos a data de redacción da nova na parte superior do xornal, preto do titular. Nos medios dixitais, tamén pode aparecer a hora de publicación ou da última actualización.
Estas partes traballan xuntas para que poidamos entender a noticia de forma completa e clara. E falando de que todo estea ben conectado, non podemos esquecer as palabras invariables. Aínda que non sexan as estrelas da información, palabras como "e", "pero", "hoxe", "aquí", "tamén" ou "moi" axudan a unir os apartados das noticias dándolle sentido e creando unha lectura fluída e polo tanto, mellorando a comprensión. Todo isto traballarémolo neste apartado!
Lectura facilitada
Seguimos para o noso reto final.
Imos ver a estrutura das noticias.
Cando eu leo noticias, en papel ou dixital, quero informarme.
Para que a información chegue ben, a noticia ten partes.
Coñecelas axúdame a entendelas.
As partes son:
Sección: Agrupa noticias por temas. Axuda a atopar o que me interesa. Por exemplo: deportes, cultura.
Titular: É a frase do comezo. Resume a noticia e chama a atención.
Entrada: É un parágrafo pequeno. Está despois do titular. Resume o máis importante. Responde as preguntas clave.
Corpo da noticia: Conta todo con máis detalles. Responde: que?, como?, cando?, onde?, por que?, quen?
Foto ou vídeo: Son imaxes que acompañan a noticia. Fan que sexa máis bonita.
Pé de foto/descrición: É un texto curto. Explica a imaxe ou vídeo.
Data e lugar: Di cando se fixo a noticia.
Estas partes xuntas fan que entenda a noticia.
Palabras como "e", "pero" axudan a unila.
Dámoslle sentido. Traballaremos isto!

