Saltar navegación

2.2. Verdade ou farsa?

 

Glosario

Veraz

Verdade

Definición:

Dise de alguén que se amosa honesto. Que asegura que os feitos narrados e os datos incluídos no seu discurso sexan reais.

Exemplo:

A información que proporcionou o meu tío era moi veraz. Dicía con exactitude todo tal e como aconteceu.

Neutral

Neutral

Definición:

Dise de quen pode adoptar unha posición obxectiva e imparcial.

Exemplo:

A xuíza fixo o seu traballo perfectamente. Amosouse neutral durante todo o xuízo.

Fálame das 'fake news'

Pictograma mentirosa

Algunha vez escoitaches falar das “fake news” ou “noticias falsas”? Trátase de noticias inventadas ou de historias reais terxiversadas que son difundidas a través dos medios de comunicación e cuxo fin é o de desinformar. Hoxe en día resulta moi doado enganar ó público debido á grande cantidade de información que todos os días chega a nós e que debemos procesar. Por iso é moi importante analizar a información criticamente, contrastar noticias ou consumir contido de fontes fiables. 

Existen dous conceptos que son clave cando falamos dunha boa nova. Estes son a neutralidade e a veracidade.

  • A neutralidade fai referencia á capacidade de adoptar unha posición obxectiva e imparcial. Isto quere dicir que non amosa ningunha preferencia cara a ningunha das partes implicadas na situación exposta e polo tanto, non existen opinións persoais.
  • A veracidade implica exactitude e honestidade asegurando que os feitos narrados e os datos incluídos no discurso sexan reais.

Lectura facilitada

Algunha vez escoitaches falar das "fake news"?

Son "noticias falsas".

Son noticias inventadas.

Ou son historias reais pero cambiadas.

Difúndense nos medios.

Queren enganarnos.

Hoxe é moi fácil enganar á xente.

Chega moita información cada día.

Temos que pensar ben na información.

Temos que comparar noticias.

Temos que usar fontes fiables.

Hai dúas cousas moi importantes para unha boa noticia:

A neutralidade.

A veracidade.

A neutralidade é ser obxectivo.

É non mostrar preferencia por ninguén.

Non hai opinións persoais.

A veracidade é dicir a verdade.

Os feitos e os datos deben ser reais.

Con un compañeiro, serei capaz de diferencialas?

Practica!

Serías capaz, co teu compañeiro/a, de diferenciar nestas dúas oracións cal é a neutral e cal non? Argumenta a resposta.

  • Na clase de historia aprendemos que Cristovo Colón chegou a América en 1492. Os libros sinalan que foi un grande explorador.
  • Cristovo Colón foi o mellor explorador do mundo porque o que fixo non o fixo ninguén.

E en relación a estas dúas? Cal che parece máis veraz? Por que?

  • As plantas precisan auga para vivir.
  • Si lle cantas a unha planta, crece antes.

Poñémonos máns á obra!

En grupos, tedes dúas opcións de exercicio. Na primeira poderedes elixir a noticia que máis vos interese e comparala, na segunda opción, danvos directamente unha noticia relacionada co apagón masivo acontecido en abril do 2025:

Opción 1

Buscade en dous xornais en liña a mesma noticia. Deberedes lela con detemento.

Aquí tedes o enlace a diferentes xornais da nosa terra:

Nós Diario Galicia Confidencial Praza


Agora, respondede ás seguintes preguntas:

  1. Contan os mesmos feitos?
  2. Atopástedes algunha diferenza que vos faga dubidar sobre a obxectividade ou a veracidade da noticia?
  3. De ser así, cales?

Opción 2

Nos seguintes enlaces atoparás a mesma noticia contada por xornais diferentes.

Xornal Praza: noticia apagamento masivo.

Xornal NósDiario: noticia apagamento masivo.

Agora, respondede ás seguintes preguntas:

  1. Contan os mesmos feitos?
  2. Atopástedes algunha diferenza que vos faga dubidar sobre a obxectividade ou a veracidade da noticia?
  3. De ser así, cales?

Comentade en gran grupo as vosas respostas amosando as noticias escollidas. 

Lectura facilitada

En grupos, temos dúas opcións de exercicio.

Opción 1: Buscar noticias

Vou elixir a noticia que máis me interese.

Vou buscala en dous xornais de Internet.

Lereina con moita atención.

Aquí teño enlaces a xornais de Galicia:

- Nós Diario

- Galicia Confidencial

- Praza

Agora, vou responder unhas preguntas:

Contan os dous xornais os mesmos feitos?

Atopamos algunha diferenza?

Esas diferenzas fanme dubidar da verdade da noticia?

Se si, cales son?

Opción 2: Noticias do apagamento.

Aquí teño a mesma noticia en dous xornais diferentes.

É sobre un apagamento moi grande que pasou en abril de 2025.

Contan os dous xornais os mesmos feitos? Atopamos algunha diferenza?

Esas diferenzas fanme dubidar da verdade da noticia?

Se si, cales son?

Despois, imos comentar as respostas en toda a clase.

Ensinaremos as noticias que escollemos.

Diario de aprendizaxe

Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapa.

Recolle no teu diario de aprendizaxe a túa relación cos medios de comunicación. Adoitas ler, escoitar ou ver algunha fonte de información a diario? De ser o caso, cal é o formato que prefires e polo tanto, que máis ves?

Lectura facilitada

Vou escribir no meu diario de aprendizaxe.

Vou falar da miña relación cos medios de comunicación.

Eu adoitaba ler algo cada día?

Escoitaba algo cada día?

Vía algunha noticia cada día?

Se si, cal é a forma que prefiro?

Cal é a que máis uso?

Feito con eXeLearning (Nova xanela)