Instrumentos ou plataformas que transmiten información.
Exemplo:
Na maioría dos medios de comunicación hoxe dixeron que os colexios empezarán o 10 de setembro.
Imprenta
Definición:
Método a través do cal se representan textos nun papel.
Exemplo:
Estes carteis foron feitos na imprenta do pobo.
Pintura rupestre
Definición:
Forma de expresión prehistórica que empregaba debuxos e gravados principalmente sobre rochas.
Exemplo:
Na cova de Altamira pódense atopar numerosas pinturas rupestres que permítennos coñecer como era a vida na prehistoria.
Comunicámonos
Xa metidos/as un pouco en contexto… que vos suxiren estas imaxes? Sabías que existen múltiples medios na nosa sociedade que nos permiten obter a información de diferentes xeitos? Lendo, escoitando ou vendo, poderemos estar ao día de todo o que acontece no mundo grazas aos medios de comunicación.
En pequenos grupos apuntade nun papel todas as ideas que relacionedes cos medios de comunicación e, tras cinco minutos de reflexión, poñédeas en común. Despois desa posta en común, e en grupo (clase), creade un cadro coma o seguinte con diferentes categorías e tratade de inserir os vosos conceptos onde corresponda.
Escrita
Oral
Audiovisual
Función
Outros
Pergamiño
Falar
Vídeo
Comunicar
Seguro que xurdiron exemplos moi diversos de medios de comunicación nas vosas reflexións. Hoxe en día son moitas as opcións de comunicación e estamos informados permanentemente. Para chegar a este punto no que agora nos atopamos, os medios de comunicación tiveron que evolucionar moito ó longo da historia. Os seus inicios remóntanse a milleiros de anos atrás, cando as persoas debuxaban nas paredes de covas, nas que representaban escenas da súa vida cotiá ou animais da época. Grazas a estes traballos artísticos, hoxe sabemos un pouco máis sobre os nosos antepasados.
Observade o exemplo de liña do tempo que tedes a continuación. Despois, de xeito individual pensa e organiza cronoloxicamente nunha liña do tempo as seguintes formas de comunicación e avances no mundo dos medios de comunicación:
Xornais e revistas
Radio
Televisión
Internet
Teléfono
Redes sociais
Pinturas rupestres
Fume e tambores
Mensaxeiros a cabalo
Libros e pergamiños feitos a man
Imprenta de Gutenberg
Invención da escritura (Pedra Roseta)
Lectura facilitada
Xa estamos un pouco en contexto.
Que pensamos destas imaxes?
Sabías que hai moitos medios para ter información?
Podemos ler.
Podemos escoitar.
Podemos ver.
Así estaremos ao día de todo o que pasa.
En grupos pequenos, imos traballar.
Apuntade nun papel ideas sobre os medios de comunicación.
Pensade durante cinco minutos.
Despois, poñédeas en común.
Despois, en grupo (toda a clase), faremos un cadro.
O cadro terá categorías.
Intentaremos poñer as nosas ideas onde corresponda.
- Escrita
- Oral
- Audiovisual
- Función
- Outros
Por exemplo:
- Pergamiño
- Falar
- Vídeo
- Comunicar
Seguro que saíron moitos exemplos de medios.
Hoxe en día hai moitas formas de comunicarnos.
Estamos sempre informados.
Para chegar aquí, os medios cambiaron moito.
Empezaron hai milleiros de anos.
As persoas debuxaban nas paredes das covas.
Representaban a súa vida ou animais.
Grazas a isto, sabemos máis dos nosos antepasados.
Agora, de forma individual, vou pensar.
Vou organizalas por data.
Audio
As liñas do tempo
Unha liña do tempo é como unha regra. En cada extremo hai unha data, polo que dita regra abarca un período de tempo máis ou menos longo. Nela colócanse debuxos ou pequenas anotacións que nos amosan acontecementos importantes para ensinarnos cando pasaron cousas importantes. Ao principio atoparemos as cousas máis antigas e ao final as máis novas.
Na liña do tempo, cada anotación, marca ou debuxo representa un momento especial: o teu nacemento, primeiro día de escola infantil, primeiro viaxe, etc. Tamén se empregan para acontecementos históricos.
Así, mirando a liña, podemos ver de xeito fácil que pasou primeiro e que pasou despois. É unha forma divertida e moi visual de ordenar a historia e lembrar os momentos máis importantes!
Lectura facilitada
Unha liña do tempo é como unha regra grande.
Ten dúas datas, unha ao principio e outra ao final.
Mostra un tempo máis ou menos longo.
Nela poño debuxos ou notas pequenas.
Así vexo cando pasaron cousas importantes.
Ao principio están as cousas máis antigas.
Ao final están as cousas máis novas.
Cada nota ou debuxo é un momento especial.
Pode ser o meu nacemento.
Pode ser o meu primeiro día na escola.
Pode ser a miña primeira viaxe.
Tamén se usan para acontecementos históricos.
Mirando a liña, vexo que pasou primeiro e que pasou despois.