Sodes unhas persoas ben valentes! Escollestes realizar un reto extra e solucionar outro tipo de problema que atopastes na aula ou no centro. Lembrade que este reto deberá ter formato de manual. Vistes ao longo deste REA dous manuais, un no punto 3.1 "Manual de canles de comunicación" e outro no punto 3.3 Manual de Creación de palabras.
Non esquezades repasar tamén as características dos manuais. Tiñades un resumo de todos no apartado 4.1 "Seleccionadores de retos!" porque ter clara a estrutura do voso traballo vai ser clave.
Lectura facilitada
Non esquezades revisar as características dos manuais.
Ter clara a estrutura do teu traballo é fundamental.
Como podemos facer?
Estrutura e adaptación
Revisade ben a información dos manuais e lembrade que teñen unhas características concretas. Aquí poñeremos un exemplo de estrutura para que vos poidades guiar.
1. Necesitades escoller un títulosuxestivopara a portada do voso manual.
Por exemplo: con letras de tamaño grande, coloridas, sombreadas ou 3D.
O título definitivo pode ser decidido ao final do reto no caso de que vos custe decidirvos.
2. Ademais do título tedes que pensar nos apartados do voso índice e tamén da vosa introdución.
Por exemplo: se o voso manual é sobre o uso das pistas, haberá que facer unha introdución de para que vai servir o manual e os apartados que vai conter.
Exemplo introdución breve: con este manual aprenderás cando e como usar as pistas de fútbol da escola.
Exemplo apartados do índice: localización das pistas, días de uso, condicións para uso...
3. Tamén podedes indicar os elementos necesarios para o resto de apartados.
Por exemplo: instrucións de uso das pistas, mantemento e coidado delas, a quen dirixirse en caso de problemas, información de seguridade para as pistas, precaucións...
Que fará falta para o voso reto?
Realizar unha enquisa pode axudarvos a obter información. Tedes axuda máis abaixo.
4. Como xa viches, para a elaboración do manual ides traballar en equipo. Lembrade que fixemos unha proposta de tarefas para cada integrante.
Por exemplo: cada persoa do grupo vai ser a encargada dunha parte concreta pero durante o proceso todas as persoas podedes dar ideas e facer modificacións.
Investigadora/investigador
Deseñadora/deseñador
Redactora/redactor
Coordinadora/coordinador
6. Finalmente, como resultado, obteredes un manual que poderá ser exposto de distintas formas.
Por exemplo: en papel, de xeito dixital ou empregando un sistema mixto con códigos QR.
Contido
Debedes pensar que preguntas facervos para poder dar solución ao reto. Estas son algunhas que vos poden axudar:
Cal é ou cales son as causas do problema?
Podedes darlle solución sós e soas ou precisades axuda das mestras e dos mestres?
Soluciónase só cambiando a organización ou ides precisar algo máis?
Con quen tedes que falar para conseguir os cambios?
Por exemplo, se queremos mellorar o uso das pistas no recreo:
Cal é ou cales son as causas do problema?:
Pois que sempre xogan os rapaces e as rapazas ao fútbol e non hai espazo para outros xogos.
Podedes darlle solución sós e soas ou precisades axuda das mestras e dos mestres?
Podemos facelo sós e soas se falamos cos nosos compañeiros e coas nosas compañeiras.
Soluciónase só cambiando a organización ou ides precisar algo máis?
Cambiando a organización xa podemos solucionar o problema. Por exemplo, cun calendario de uso das pistas.
Con quen temos que falar para conseguir os cambios?
Se os compañeiros e as compañeiras aceptan as nosas propostas deberiamos falar coa directora ou co director do centro e coa xefa ou co xefe de estudos.
Cuestións específicas do voso reto
Aquí teredes que pensar moi ben que cuestións serán importantes. Seguramente as preguntas anteriores vos deron ideas, pero hai que ser máis concretas e concretos.
No exemplo anterior do uso das pistas algunhas cousas a ter en conta poderían ser:
Cando se usan esas pistas?
Que grupos as usan?
A que se xoga nelas?
Tamén debedes pensar en vocabulario específico relacionado coa vosa temática. Será moi útil para escribir os textos, polo que non estará de máis dedicarlle un tempo a pensalo e anotalo.
Posibles solucións ao problema.
Que cousas se vos ocorren para dar solución ao problema.
Lembrade que no punto 4.1 fixerades propostas sobre este aspecto.
Utilizade a folla de contidos que atoparedes máis abaixo para anotar eses textos.
O voso manual vai ser un documento que deberá estar nunha zona fácil de consultar e relacionada co problema que estades a solucionar.
Por exemplo, se estades a facer o manual para organizar mellor as pistas de fútbol deberiades deixar o manual o máis preto posible delas ou deixar un cartel indicativo de onde se pode consultar o manual de uso das pistas.
As normas de estilo e regras de ortografía
Xa vistes anteriormente a importancia das normas de ortografía. Tamén precisades coñecer e seguir normas de estilo e formato nun documento e, neste caso, no voso manual.
A información do manual ten que estar ben organizada e ben presentada para que sexa fácil de entender.
A continuación, amósase unha serie de suxestións para mellorar estes aspectos:
Revisade a ortografía de cada parte lendo individualmente os textos para atopar os erros e logo poñede en común para corrixir
Repasade cada norma xeral ortográfica como: acentuación, puntuación, repetición de palabras...
Formato da letra: máis grande para o título, cores que destaquen, fondo claro, posible subliñado e letra grosa.
Emprego de instrucións adecuadas con formas verbais: imperativo, infinitivo ou presente.
Como vedes, son moitas as partes que tedes que ter en conta á hora de facer un manual.
Non dubidedes en pedir axuda a vosa mestra ou ao voso mestre en caso de dúbida.
Materiais
Aquí tedes un listado de materiais que podedes precisar para a elaboración do voso manual.
1. O voso ordenador, para a procura de información e poder gardala, buscar imaxes ou sacar fotos. Non esquezades planificar e anotar todas as imaxes, fotos ou cousas que precisaredes para inserir no voso manual.
2. Material funxible, como poden ser as cartolinas, papeis, rotuladores, tesoiras etc.
3. Calquera outro material que consideredes oportuno para realizar o voso manual dixital ou en formato papel, cartolina... Por outro lado, pode ser interesante ter unha copia dixital na web do centro ou colgala nalgún repositorio de documentos e enlazala cun código QR para poder escanealo cunha tableta ou dispostivo móbil.
Lectura facilitada
Estrutura e adaptación dos manuais.
Exemplo de estrutura para guiar a elaboración.
Escolle un título atractivo para a portada.
Pensa nos apartados do índice e na introdución.
Investigador/investigadora, Redactor/redactora, Deseñador/deseñadora e Coordinador/coordinadora
son os papeis para o traballo en equipo.
O resultado será un manual exposto de diferentes formas.
Contido: preguntas importantes a considerar
para resolver o problema.
Cuestións específicas do reto: pensar
en cuestións relevantes.
Posibles solucións para o problema.
Normas de estilo e regras de ortografía son importantes.
Revisar acentuacións, repetición de palabras.
Revisar as redaccións.
Lista de materiais necesarios para a
elaboración do manual.
Portátil, materiais funxibles e outros materiais poden ser útiles.
Importante ter unha copia dixital e
dispoñible para acceso fácil.
Non dubides en pedir axuda
á mestra ou ao mestre en caso de dúbida.
Pensamos, recollemos contidos e facemos a enquisa
Como acabades de ler arriba, no apartado da estrutura, imos comezar coa recollida de información sobre o problema que queremos resolver.
Recordade pensar en cuestións que poidan ser importantes para resolver o reto. Por exemplo, no caso de que o reto tratase de mellorar o uso das pistas de fútbol, algunhas preguntas que poderías facer na enquisa son:
Podes utilizar as pistas de fútbol sempre que queres? (Puntúa de 1 ao 5, sendo o 1 nunca e o 5 sempre).
Sempre están a xogar nenos e nenas ao fútbol na pista? (Puntúa de 1 ao 5 sendo o 1 nunca e o 5 sempre).
Hai moitos conflitos á hora do recreo? (Puntúa de 1 ao 5 sendo o 1 nunca e o 5 sempre).
Esas preguntas son algúns exemplos, pensa ti as máis axeitadas para obter información de utilidade para resolver o reto. Podes facelo seguindo estes pasos.
Usamos o ordenador
No voso ordenador ides abrir a ferramenta de traballo LibreOffice Writer seguindo os pasos xa vistos. Se tes dúbidas sobre a aplicación LibreOffice Writter podes ver este vídeo.
Utilizamos a folla de contidos
No procesador de textos LibreOffice Writer ides recoller as posibles cousas que se vos ocorran para solucionar o problema ao que vos estades a enfrontar. Podedes usar a folla de contidos facilitada.
Preparamos a enquisa
O seguinte paso, será a realización da enquisa en grupo:
- Primeiro, tendo en conta a información e contidos que xa tedes, escollede as preguntas para facer ao resto do alumnado da aula.
- Descargade o seguinte ficheiro que vos servirá de guía para a enquisa. Podedes duplicar o ficheiro para cubrilo dixitalmente por cada persoa ou solicitar á mestra ou ao mestre que vos facilite copias en papel, unha vez lle engadades as vosas preguntas. Se queredes facelo no ordenador, descargádeo aquí en formato editable. Para analizar os resultados da enquisa tedes este outro documento, veredes que é moi sinxelo. Podedes pedir copias impresas á mestra ou ao mestre.
- Repartídevos e realizade a enquisa ao resto de compañeiros e compañeiras da aula.
- Por último, analizade os resultados da enquisa e tede en conta esa información. Realmente o voso problema preocupa ao alumnado? Fixeron algunha observación que vos sirva?
A traballar
Agora xa tedes toda a información e estades preparados e preparadas para poñervos a construír o voso manual.
Lectura facilitada
Ides comezar a recoller información
sobre o problema que queredes resolver.
Lembrade pensar en preguntas importantes
para resolver o reto.
Por exemplo, se o desafío é mellorar
o uso das pistas de fútbol.
Algunhas preguntas que podedes
facer na enquisa son:
- Podes usar as pistas de fútbol sempre que queiras?
(puntúa de 1 a 5, sendo 1 nunca e 5 sempre).
- Están sempre a xogar fútbol na pista?
(puntúa de 1 a 5, sendo 1 nunca e 5 sempre).
- Hai moitos conflitos durante o recreo?
(puntúa de 1 a 5, sendo 1 nunca e 5 sempre).
Estes son só exemplos.
Pensa nas preguntas máis axeitadas
para obter información útil.
Esa información axudarache a resolver o reto.
Usamos o ordenador
No teu ordenaodr
abre a ferramenta de traballo LibreOffice Writer.
Se tes dúbidas sobre a aplicación LibreOffice Writer
podes ver este vídeo.
Utilizamos a folla de contidos
No procesador de textos LibreOffice Writer
recollede as posibles solucións para o problema.
Podedes usar a folla de contidos facilitada máis abaixo.
Preparamos a enquisa
O seguinte paso será a realización da enquisa en grupo:
Utilizade esta folla para recoller todos os contidos que se vos vaian ocorrendo para a elaboración do voso texto instrutivo. Podedes cubrir tantas follas de contidos como precisedes.