Estrutura e adaptación do texto
Os prospectos teñen unhas características moi ben establecidas, cuns puntos que debedes manter. Aquí vos deixo os apartados resumindo o que debe levar cada un deles:

Introdución: neste apartado poñeredes un bo título, presentarédesvos e nunha frase diredes de que vai tratar o voso traballo.
Que é e para que serve: aquí faredes unha introdución de que vai o tema que tratedes. Non pode ser moi longa.
Antes de tomalo: neste apartado contaredes cousas que se teñen que ter en conta antes de comezar a tratar os contidos máis importantes.
Como tomalo: nesta parte estará todo o contido, as explicacións de como usar ese recurso TIC no que se centrará o voso traballo.
Efectos adversos: apartado dedicado os efectos prexudiciais que poden ter as novas tecnoloxías cando non se usan como son debidas.
Conservación: todo material informático require un mantemento. Aquí falaredes de como coidar aquilo do que faledes.
Información adicional: calquera outra apreciación que teñades sobre o voso tema exposto irá aquí recollida (incluíde tamén unha conclusión ao voso traballo a modo despedida).
Contido
No referente ás TICS hai moitísimos temas sobre os que podemos falar, incluso se o acoutamos unicamente aos equipos Edixgal.
Para pechar un pouco o tema no que vos podedes centrar, aquí vos deixo unha serie de temas con preguntas para que reflexionedes:
- Tempo de uso das pantallas: Canto tempo é o recomendable? Usades demasiado as pantallas? Hai algunha precaución que podemos tomar?
- Material de aula: Ademais do ordenador, que outros materiais viñeron con el? Que outros materiais están na aula? Sabedes como se utilizan?
- Uso de equipo: É a primeira vez que tedes ordenadores en clase, pero sabedes ben como usalo? Que credes que é o fundamental que debe saber alguén que nunca usou un?
- Coidados e mantemento: Que hai que facer para que o ordenador non se estrague? Hai algún tipo de seguro? Que cubre?
- Wifi do centro: Tedes wifi no cole? En caso de ter, como vos conectades? Que facer se faia?
- Música: Podedes pór música na aula cos vosos equipos? Como podedes poñela sen chegar a molestar?
- Chat: Que é un chat? Tedes un chat no ordenador? Como se usa? Que precaucións debedes ter?
- Seguridade: É seguro navegar na rede? Que precaucións debedes ter en conta?

Estas foron propostas que podedes escoller ou non, pois hai moitos máis temas dos que podedes falar. Aquí vos deixo unha ligazón a unha páxina que pode ser do voso interese.
Normas de estilo e regras
Xa vimos anteriormente o que son as normas de ortografía, pero precisamos tamén coñecer e seguir normas de estilo e formato nun documento e, neste caso, no teu prospecto.
A información do prospecto ten que estar ben organizada e ben presentada para que sexa fácil de entender.
A continuación amósase unha serie de suxestións para mellorar estes aspectos:
| Revisar a ortografía de cada parte lendo individualmente os textos para atopar os erros. |
Repasar cada norma xeral ortográfica como: acentuación, puntuación, repetición de palabras... |
Formato da letra: máis grande para o título, cores que destaquen, fondo claro, posible subliñado e letra grosa. |
Emprego de instrucións adecuadas con formas verbais: imperativo, infinitivo ou presente. |
Como vedes son moitas as partes que temos que ter en conta á hora de facer un manual.
Non dubidedes en pedir axuda á túa mestra ou ao teu mestre en caso de dúbida.
Materiais
Aquí tedes un listado de materiais que podedes precisar para a elaboración do voso prospecto.
1. O voso portátil Edixgal, para a procura de información e poder gardala, buscar ou sacar imaxes e o deseño do manual como borrador ou formato dixital definitivo. Os manuais poden ter imaxes de montaxes, fotos... Non esquezades anotar todas as imaxes, fotos ou cousas que precisaredes para inserir no voso manual.

2. Material funxible, como poden ser as cartolinas, papeis, rotuladores, tesoiras etc.

3. Calquera outro material que consideredes oportuno para realizar o voso prospecto dixital ou en formato papel, cartolina... Por outro lado, pode ser interesante ter unha copia dixital na web do centro ou colgala nalgún repositorio de documentos e enlazala cun código QR para poder escanealo cunha tableta ou dispositivo móbil.
