Saltar navegación

3.5. As receitas do substantivo

 

Glosario

Elaborar

Pictograma de elaborar

Definición:

Preparar un produto empregando unha materia prima.

Exemplo:

Empregamos patacas e ovos para elaborar unha tortilla.

Receitario

Pictograma dun receitario

Definición:

Conxunto ou colección de receitas que xeralmente se atopan nun libro.

Exemplo:

Atopei a elaboración da bola nese receitario.

Receita médica

Pictograma dunha receita médica

Definición:

Nota escrita ou dixital onde a persoa doutora indica os medicamentos que deben ser despachados na farmacia.

Exemplo:

A doutora deume unha receita de xarope para a dor da gorxa. 

As receitas de cociña

Neste apartado imos ver outro dos moitos textos instrutivos que nos axudan e facilitan a nosa vida, falamos das receitas de cociña. Cando comezamos as nosas aventuras na cociña, seguramente teñamos que seguir unhas instrucións para que o resultado sexa comestible. As nosas habilidades na cociña irán aumentando coa práctica, así como a dificultade das receitas. A continuación, imos ver un exemplo práctico dunha receita saborosa con diferentes niveis de dificultade. Como sabemos, toda receita pode ter diferentes niveis de dificultade. Segundo imos collendo práctica poderemos facer cousas moito máis complexas.

A receita

Trátase dun texto instrutivo onde nos van indicar os ingredientes que se precisan para un prato de cociña, así como a maneira de preparación, o número de racións ou o tempo que nos levará cociñala. 

Pictograma dunha receita

Título

Como todo texto instrutivo, na parte superior imos poder atopar o nome da receita. Tamén soe aparecer, debaixo do título, o número de comensais aos que vai dirixida a receita. 

Pictograma do título dunha receita

Ingredientes

Neste apartado das receitas imos atopar os ingredientes e as cantidades que precisamos para os comensais totais. 

Pictogram dos ingredientes dunha receita

Elaboración

No seguinte apartado imos poder seguir os pasos para preparar e cociñar a receita. 

Pictograma da elaboración dunha receita

Acabado e presentación

Por último indicaranos o acabado que precisa a receita e como debemos presentala. 

Pictograma de acabado e presentación dunha receita


Lectura facilitada

Neste apartamos imos ver outro texto instrutivo: as receitas. 

As receitas permítennos seguir unhas instrucións para elaborar saborosos pratos.  

As receitas pódense dividir en varias partes:

O título na parte superior. 

Os ingredientes e as cantidades que imos precisar. 

Que pasos temos que seguir para elaborala

E por último como a rematamos e a presentamos na mesa. 

A receita do substantivo

Cociñando os niveis de dificultade dos substantivos:

Neste apartado imos afondar na emocionante receita de niveis de dificultade dos substantivos. Comprender estes niveis vai ser clave para poder desenvolver unha experiencia personalizada na escritura e confrontar desafíos a medida que avanzas no curso. Acompáñanos nesta receita escrita para descubrir como estes consellos melloran a túa experiencia.

Definición:

Os substantivos (ou nomes) son aquelas palabras que nos permiten nomear as persoas (Antía, Xacobe), os animais (vaca, gato), as cousas (caderno, estoxo) e as ideas (felicidade, tristeza). Como calquera receita, os substantivos tamén nos van presentar diferentes niveis de dificultade. Atréveste a cociñar?

1. Fácil

Imos comezar co primeiro nivel de dificultade da nosa receita. Aquí imos facer a primeira escolla dos ingredientes:

Os substantivos propios: son os substantivos que nos permiten diferenciar as persoas, obxectos etc. Os nomes das persoas ou cidades son substantivos propios e sempre se escriben con maiúscula. Por exemplo: Santiago de Compostela, Xián, Artai etc.

(Recorda, todos os substantivos Propios escríbense con maiúscula)

Os substantivos comúns: nomean un obxecto, ser, idea, sen diferencialo dos da súa mesma clase. Por exemplo: nena, can, coche, felicidade etc.

Se o substantivo atopado ou elixido é común, poderemos seguir aumentando o nivel da nosa receita.

2. Normal

Unha vez temos identificado o noso substantivo común, o noso seguinte paso na receita será identificar se os ingredientes os podemos percibir cos nosos sentidos ou non.

Substantivos abstractos: son aqueles que non podemos percibir cos sentidos, son as ideas, pensamentos ou sentimentos. Por exemplo: felicidade, tristeza, vergoña, alegría etc.

Substantivos concretos: son aqueles que podemos percibir cos sentidos. Por exemplo: casa, pupitre, estoxo, caderno etc.

Como no caso anterior, se o substantivo identificado é concreto, a nosa receita pode seguir aumentando o seu nivel de dificultade.

3. Avanzado

Cando xa teñamos o noso substantivo identificado como común e concreto, a nosa receita pode ir mellorando. Imos engadir outros dous ingredientes.

Substantivos incontables: son aqueles que non podemos enumerar ou contar. Por exemplo: azucre, fariña, aceite, area etc.

Substantivos contables: van ser todos aqueles que podemos contar ou enumerar. Por exemplo: tixola, culler, coitelo, garfo etc.

E xa para case rematar a nosa receita, se o substantivo é contable, podemos engadir os dous últimos ingredientes e avanzar ao derradeiro nivel de dificultade.

4. Experto

Xa estamos a piques de rematar a nosa receita e só queda engadir os dous últimos ingredientes.

Substantivos individuais: van ser aqueles que so designan a un ser ou obxecto. Por exemplo: abella, peixe, ovella, pano etc.

Substantivos colectivos: son aqueles que en singular designan un conxunto de seres ou obxectos. Por exemplo: enxame, cardume, manda, rabaño etc.

Unha vez teñamos rematados os nosos niveis de dificultade, podemos dar por concluída a nosa receita.

Imos ver a continuación uns exemplos da clasificación do substantivo tendo de guía o seguinte esquema:

Mapa clasificación do substantivo.

Sarela: substantivo propio (é un nome de persoa).

Peixe: substantivo común (non é un nome propio), concreto (podémolo percibir cos sentidos), contable (podemos contar o número de peixes) e, por último, individual (designa un só ser).

Rabaño: substantivo común (non é un nome propio), concreto (podémolo percibir cos sentidos), contable (podemos contar o número de rabaños) e, por último, colectivo (designa un conxunto de ovellas).

Azucre: substantivo común (non é un nome propio), concreto (podémolo percibir cos sentidos), incontable (non podemos contar o azucre).

Amor: substantivo común (non é un nome propio), abstracto (non o podemos percibir cos sentidos).

Lectura facilitada

Os substantivos son aquelas palabras que

nos permiten nomear ás persoas (Antía, Xacobe),

aos animais (vaca, gato),

ás cousas (caderno, estoxo)

e ás ideas (felicidade, tristeza). 

Clasifícanse da seguinte maneira: 

Substantivos propios: son os substantivos que

nos permiten diferenciar as persoas,

os obxectos.

Sempre se escriben con maiúscula. 

Por exemplo: Santiago de Compostela, Xián, Artai etc.

Substantivos comúns: nomean un obxecto, ser, idea,

sen diferencialo dos da súa mesma clase. 

Por exemplo: nena, can, coche, felicidade etc.

Substantivos abstractos: son aqueles que

non podemos percibir cos sentidos.

Son as ideas, pensamentos ou sentimentos. 

Por exemplo: felicidade, tristeza, vergoña, alegría etc.

Substantivos concretos: son aqueles que

podemos percibir cos sentidos. 

Por exemplo: casa, pupitre, estoxo, caderno etc.

Substantivos incontables: son aqueles que

non podemos enumerar ou contar. 

Por exemplo: azucre, fariña, aceite, area etc.

Substantivos contables: van ser todos aqueles que

podemos contar ou enumerar. 

Por exemplo: tixola, culler, coitelo, garfo etc.

Substantivos individuais: van ser aqueles que

só designan a un ser ou obxecto. 

Por exemplo: abella, peixe, ovella, pano etc.

Substantivos colectivos: son aqueles que, en singular,

designan un conxunto de seres ou obxectos. 

Por exemplo: enxame, cardume, manda, rabaño etc.

Grandes e pequenas

Recordas que no apartado anterior falamos das regras ortográficas? Imos facer un breve repaso doutra moi importante: As maiúsculas e minúsculas. 

Cando empregamos as maiúsculas? 

- Cando comezamos un escrito ou detrás dun punto: 

Onte pola noite non te vin. Quedamos para dar unha volta mañá? 

- Cando escribimos un substantivo propio (nome de persoa, cidade, animal): 

Betanzos, Naia, Erea etc. 

Cando empregamos as minúsculas? 

- En todo o resto de tipos de palabras, sempre e cando non comecen oración.

O neno chámase Xoán. 



Lectura facilitada

No apartado anterior falamos das regras ortográficas.

Imos facer un breve repaso doutra moi importante.

Imos ver as maiúsculas e minúsculas. 

Cando empregamos as maiúsculas?

- Cando comezamos un escrito ou detrás dun punto: 

  • Onte pola noite non te vin. Quedamos para dar unha volta mañá? 

- Cando escribimos un substantivo propio (nome de persoa, cidade, animal): 

  • Betanzos, Naia, Erea etc. 

Cando empregamos as minúsculas? 

- En todo o resto de tipos de palabras sempre e cando non comecen oración.

O neno chámase Xoán.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)