Estrutura e adaptación do texto
Recorda que todas as receitas seguen unha mesma estrutura. A continuación poñeremos un exemplo para que vos poidades guiar.
1º Encabezamento: debemos pensar entre todos un título que sexa rechamante.
2º Número de comensais: aquí a receita indicará a que persoas van dirixidas as normas que imos propoñer.
3º Ingredientes: aquí poderemos recoller todas as situacións que evitan manter un bo clima na aula.
4º Tempo de preparación: esta receita terá un tempo de preparación de X sesións.
5º Elaboración: neste apartado as persoas integrantes do grupo terán que deseñar como se van levar a cabo as normas e estratexias para conseguir o noso ansiado clima perfecto.
6º Resultado: finalmente obteremos as normas que serán visibles para todas as persoas da nosa aula e calquera outra que veña de visita.
Contido
Unha vez que teñamos decidida a nosa receita, temos que pensar ben as dificultades diarias que podemos ver, sentir ou oír.
Sempre se mantén un ambiente tranquilo e silencioso na aula?
Respectamos as quendas das demais persoas?
Prestamos atención cando outra persoa ten a palabra?
Prestamos atención a todas as explicacións da aula?
O material é respectado por todas e todos?
Estas son algunhas das moitas dificultades que podemos atopar dentro da aula. Son unha pequena mostra que podes tomar como guía. Agora, deberás pensar ou observar cales son as máis importantes para o ti e o voso grupo e decidir cales ides tratar. Tamén deberedes facer unha breve enquisa ás compañeiras e aos compañeiros para mellorar a vosa receita e ter en conta as opinións dos vosos compañeiros e compañeiras.
Unha vez teñades escollidas as vosas dificultades poderedes comezar a cociñar.
E que máis precisades saber para o voso reto?
A convivencia, ás veces, pode parecer difícil, pero seguindo unha serie de normas sinxelas lograremos o noso obxectivo dun ambiente respectuoso, cooperativo e seguro. A continuación móstrase unha serie de termos que vos pode axudar a desenvolver unha receita de normas moi saborosa:
| Respecto |
Colaboración |
Participación |
Tranquilidade |
| Responsabilidade |
Diálogo |
Comunicación |
Interacción |
Como ves, son moitos os termos que temos que ter en conta á hora da convivencia, por iso se tes algunha dúbida con algún podes utilizar o dicionario de Real Academia Galega.
As normas de estilo e regras
Xa vimos anteriormente o que son as normas de ortografía, pero precisamos tamén normas de estilo e formato nunha receita.
A receita ten que ser atractiva e chamar a atención das cousas máis importantes para o novo alumnado ou ás persoas visitantes que necesitan coñecela para moverse por ela.
A continuación amósase unha serie de suxestións para mellorar estas dúas normas da receita da aula:
| Revisar a ortografía de cada parte lendo individualmente os textos para atopar máis erros. |
Repasar cada norma xeral ortográfica como: acentuación, puntuación, repetición de palabras... |
Formato da letra: máis grande para o título, cores que destaquen, fondo claro, posible subliñado e letra grosa. |
Emprego de instrucións adecuadas con formas verbais: imperativo, infinitivo ou presente. |
Como vedes, son moitas as partes que tedes que ter en conta á hora de facer unha receita. Non dubidedes en pedir axuda á túa mestra ou ao teu mestre para consultar algún destes conceptos.
Materiais
Unha vez realizado toda a procura de información, que temos que facer?
A nosa receita vai ser un documento que deberá estar á vista de todas e todos, por iso é aconsellable realizala nun material que se poida colocar na aula. De seguido imos ver unha listaxe de material que poderedes empregar para a realización da receita:
1.
O voso portátil Edixgal, para a procura de información e poder gardala, buscar imaxes, o deseño da receita ou mesmo a escritura das normas da aula.
2.
Receitario: aquí poderedes escoller o deseño de receita que máis vos agrade.
3.
Material funxible, como poden ser as cartolinas, papeis, rotuladores, tesoiras etc.
4.
Calquera outro material que consideredes oportuno para realizar a vosa receita.