Axudar as persoas a saber onde están e indicar como chegar aos lugares importantes é algo moi necesario. Con isto garantides que calquera persoa se saiba orientar en lugares públicos, por exemplo. Este tipo de traballo faravos conscientes da accesibilidade ou non a un determinado lugar.
O voso reto pode axudar a dar a coñecer a todas as persoas o acceso a un centro escolar. Pode servir tamén para ver se os espazos do voso centro son accesibles para todas as persoas.
De aí que escoller o reto da guía e mapa da escola será unha oportunidade estupenda para facer un documento que axude en todos eses aspectos.
Lectura facilitada
Axudar as persoas a saber onde están é necesario.
Indicar ás persoas como chegar
aos lugares é importante.
Con isto garantides que calquera persoa
se saiba orientar en lugares públicos.
Este traballo faravos conscientes
da accesibilidade dun lugar.
O voso reto axudará a coñecer o voso centro.
Servirá tamén para ver se os espazos
son accesibles para todas as persoas.
Faredes un documento que axude en todos eses aspectos.
Audio
Introdución
Para este reto xa experimentamos e vimos unha guía de viaxe que empregamos no apartado 3.2. Temos que aplicala para que todo o alumnado e incluso as visitas poidan empregala e manexarse na nosa escola porque o centro, ás veces, é un labirinto. Poderiades facer unha guía para revolver este problema? Seredes quen de facilitar os desprazamentos pola escola?
Teremos que recordar o que é unha guía de viaxe atractiva, a súa estrutura, as normas de estilo e as regras de ortografía que vimos ao longo da nosa unidade.
Recorda que as guías teñen unhas características concretas e cun formato moi rechamante. Iso ten que ser así para suxerir e convencer o público da viaxe ou proposta. Aquí poñeremos un exemplo para que vos poidades guiar.
1. Primeiro, no encabezamento, necesitamos escoller* un título suxestivo para convencer da viaxe ou percorrido. Que sexa rechamante.
Por exemplo: con letras de tamaño grande, coloridas, sombreadas ou 3D.
*O título definitivo
pode ser revisado
ao final do reto
para que se axuste
máis.
2. Ademais do título hai que describir tamén o lugar, neste caso a escola, realzando as cousas e lugares positivos. Tamén é moi importante facer un mapa para orientarse.
Por exemplo: "A nosa escola atópase nun entorno natural e ao carón do mar, ten unha horta". O mapa pode facer o percorrido básico para o alumno novo.
3. Tamén se poden indicar os elementos necesarios para ese percorrido ou viaxe. O mapa é imprescindible para moverse no centro.
Por exemplo: mapa, estoxo con material na mochila, portátil cargado no maletín de Edixgal, chándal o día de educación física ou a merenda para o recreo.
4. Pódense tamén destacar as actividades e celebracións do centro ou consellos para manexarse por el.
Por exemplo: as actuacións do colexio no Nadal, Día das letras galegas e saídas escolares. Atallos para chegar a sitios...
5. Para a elaboración da guía vaise traballar en equipo. Todas as persoas deben colaborar.
Por exemplo: cada persoa integrante do equipo vai ser a encargada dunha parte e durante o proceso poderanse incorporar tamén ideas e modificacións.
Investigador
Deseñador
Redactor
Coordinador
6. Finalmente, como resultado obteredes unha guía que poderá ser exposta de distintos xeitos.
Por exemplo: fisicamente, dixitalmente ou empregando tecnoloxía dixital e manual como os códigos QR.
Contido
Unha vez que teñades decidida a vosa guía, tedes que repartir o traballo de cada fase. Pero recordade que a busca de información é moita e débese tamén repartir de xeito equitativo. Aquí veredes algunha da información que necesitaredes.
Agora, debedes pensar ou observar cales destas ideas poden ser axustadas ao voso grupo e ao contido que queredes poñer. Aquí tedes suxestións de contidos que podedes necesitar. Premede nos títulos en maiúscula e teredes máis información.
Funcionamento doutras aulas: aula STEAM/ POLOS CREATIVOS / INFORMÁTICA...
Como vedes, son moitas as partes que temos que ter en conta á hora de facer unha guía. Non dubidedes en pedir axuda á túa mestra ou ao teu mestre para consultar algún destes conceptos.
As normas de estilo e regras
Xa vimos anteriormente o que son as normas de ortografía, pero precisamos tamén normas de estilo e formato nunha guía.
A guía ten que ser atractiva e chamar a atención das cousas máis importantes. Así o novo alumnado ou as persoas visitantes que necesitan coñecela terano máis fácil para moverse polo centro.
A continuación amósase unha serie de suxestións para mellorar estas dúas normas da guía pola escola:
Revisar a ortografía de cada parte lendo individualmente os textos para atopar erros.
Repasar cada norma xeral ortográfica como: acentuación, puntuación, repetición de palabras...
Formato da letra: máis grande para o título, cores que destaquen, fondo claro, posible subliñado e letra grosa.
Emprego de instrucións adecuadas con formas verbais: imperativo, infinitivo ou presente.
Materiais
Despois da procura de información de todo o que necesitamos, que temos que facer?
A nosa guía vai ser un documento que deberá estar á vista de todas e todos, por iso é aconsellable realizala nun material que se poida transportar, ensinar e estar á vista ao entrar na escola ou mesmo na páxina web do centro.
Deseguido, imos ver unha listaxe de material que poderedes empregar para a realización da vosa guía para o colexio:
1. O voso portátil Edixgal para poder procurar información, gardala, buscar imaxes e realizar o deseño da guía. Teredes unha folla de contido na que facer anotacións e inserir todo o necesario.
2. Mapa personalizado do colexio. Aquí poderedes escoller o deseño do mapa que máis vos guste.
3. Material funxible, como poden ser as cartolinas, papeis, rotuladores, tesoiras etc.
4. Calquera outro material que consideredes oportuno para realizar a vosa guía dixital ou manual. As guías dixitais pódense expoñer non só na páxina web do centro senón tamén cun código QR para escanear con teléfonos móbiles.
Lectura facilitada
Estrutura e adaptación do texto.
Recorda que as guías teñen
unhas características concretas
cun formato moi rechamante.
Iso é así para suxerir e convencer da viaxe ou proposta.
Aquí poñeremos un exemplo para que vos poidades guiar.
1. Primeiro no encabezamento
necesitamos escoller un título suxestivo e rechamante.
Así convencemos da viaxe ou percorrido.
2. Ademais do título hai que describir tamén o lugar.
Neste caso é a vosa escola.
Podedes inserir algunha foto.
Tedes que realzar as cousas e lugares.
Tamén é moi importante facer un mapa da escola.
3. Debedes indicar os elementos necesarios
para ese percorrido ou viaxe.
Podedes indicar as cousas necesarias
para levar á escola.
4. Debedes destacar algunhas actividades,
celebracións do centro e tamén
consellos para manexarse pola escola
5. Para a elaboración da guía traballaredes en equipo.
Porén, debedes repartir as tarefas.
Debedes axudarvos no proceso.
6. Finalmente, obteredes unha guía.
Poderá ser exposta de distintos xeitos.
Contido
Unha vez que decidides a vosa guía,
tedes que repartir o traballo de cada fase.
Así que debedes repartir o contido por igual.
Aquí veredes algunha da información que necesitades.
Aquí tedes algunhas ideas de contidos.
PARTES DA ESCOLA: no exterior conta con
campos deportivos, xardíns, galiñeiro, entre outros.
HORARIOS do recreo, biblioteca, comedor,
extraescolares, titorías e moitos máis.
FUNCIONAMENTO da biblioteca matinal
dunha hora semanal de lectura.
Empréstito por curso, entre outros.
ACTIVIDADES, SAÍDAS E EXCURSIÓNS: saída fin de curso,
visita a museos, asistencia a obras de teatro e moitos máis.
FESTIVIDADES E ACTUACIÓNS: festa de fin de ano,
actuacións do día das letras galegas, pasarrúas de entroido etc.
Funcionamento doutras aulas: aula STEM,
POLOS CREATIVOS e INFORMÁTICA...
Son moitas as partes que temos
que ter en conta á hora de facer unha guía.
Non dubides en pedir axuda á túa mestra ou ao teu mestre
para consultar algún destes conceptos.
As normas de estilo e regras.
Xa vimos anteriormente o que son as normas de ortografía.
Tamén precisamos normas de estilo e formato nunha guía.
A guía ten que ser atractiva,
chamar a atención das cousas máis importantes.
Non esquezades
revisar a ortografía de cada parte
lendo individualmente os textos para atopar erros.
Repasar cada norma xeral ortográfica.
Como: acentuación, puntuación, repetición de palabras...
Formato da letra: máis grande para o título,
cores que destaquen,
fondo claro, posible subliñado e letra grosa.
Emprego de instrucións adecuadas
con formas verbais: imperativo, infinitivo ou presente.
Materiais.
Despois da procura de información,
que temos que facer?
A nosa guía vai ser un documento á vista de todas e todos.
Por iso, debedes realizala nun material
que se poida transportar, ensinar e
estar á vista na entrada ou na páxina web do centro.
Posibles materiais para a
realización da vosa guía polo colexio:
1. O voso portátil Edixgal
para á procura de información,
poder gardala e buscar imaxes.
Tamén para o deseño en formato dixital.
Teredes unha folla de contido
na que facer anotacións e inserir todo o necesario.
2. Mapa personalizado do colexio.
Aquí poderedes escoller o deseño do mapa.
3. Material funxible, como poden ser as cartolinas,
papeis, rotuladores, tesoiras etc.
4. Calquera outro material que consideredes
oportuno para realizar a vosa guía dixital ou en papel...
As guías dixitais pódense expoñer na páxina web do centro.
Ademais podedes empregar
o código QR que recoñecen todos os móbiles
para compartila.
Folla de anotación de contidos
A continuación ides aprender a usar o voso ordenador para recoller os contidos que precisaredes para resolver o reto.
Por exemplo:
Contido 1: Fotos da pista de fútbol para a guía.
Contido 2: Pista de fútbol
Nesta pista poderás xogar de 11:05 a 11:30 excepto os mércores, que é o día sen balóns.
Usamos o ordenador
No voso equipo Edixgal ides abrir a ferramenta de traballo LibreOffice Writer seguindo os pasos xa vistos. Se tes dúbidas consulta aquí.
Utilizamos a folla de contidos
No procesador de textos LibreOffice Writer ides recoller os contidos que precisedes para facer a mellor guía e mapa da vosa escola. Podedes usar a folla de contidos facilitada tal e como vistes no vídeo anterior.
Utilizade esta folla para recoller todos os contidos que se vos vaian ocorrendo para a elaboración do voso texto instrutivo. Podedes cubrir tantas follas de contidos como precisedes.