"Especie alóctona e invasora, procedente de escapes de granxas peleteiras nos anos 50 do
pasado século. Segundo a ONU, as especies exóticas invasoras constitúen a segunda causa
de perda de biodiversidade no mundo (a primeira é a perda e deterioro dos hábitats)".
DESCRICIÓN:
Mediano mustélido de entre 800 e 1500 gramos de peso os machos, as femias
menos, entre 600 e 900, polo que hai dimorfismo sexual apreciable en tamaño. Ollos negros e brillantes, orellas pequenas, longa cola con moito pelo e corpo tamén alongado. Patas curtas.
A pelaxe é moi suave, densa e brillante, motivo polo que é unha especie apreciadísima para criar en granxas peleteiras.
Presenta membranas interdixitais incompletas, o que lle permite certos hábitos acuáticos.
O visón europeo é autóctono, aínda que en Galicia non o temos, diferénciase en que é máis pequeno e ten tamén branco no beizo superior.
HÁBITAT:
Sempre preto da auga, ben sexan ríos, zonas húmidas, lagoas, brañas ou a costa. Nada esixentes en canto á calidade da auga, podendo habitar lugares moi antropizados, frecuentando incluso cloacas e vertedoiros.
COMPORTAMENTO:
De hábitos crepusculares, pero ás veces pode verse de día.
Territoriais; marcan o territorio con hormonas das glándulas anais, ouriños e excrementos..
Característico camiñar co lombo eslombado, típico de moitos mustélidos.
É hábil na auga, ten adaptacións para elo.
Emite un longo queixume cando é asustado.
Gran capacidade invasora, bo exemplo disto foi a colonización das Illas Cíes no ano 2000, onde chegou nadando, polos seus propios medios, dende a costa pontevedresa.
REPRODUCIÓN:
Coma na maioría dos mustélidos, os machos desta especie son polígamos, teñen o celo entre febreiro e abril. As femias teñen xestación con implantación diferida, isto é, poden dividir a xestación en dous tempos e así axustar o parto ao momento con máxima dispoñibilidade de presas. As crías independízanse da nai aos 3 meses, e en 9 xa poden reproducirse.
ALIMENTACIÓN:
Omnívoro, e de estratexias xeneralista e oportunista, coma o raposo, e tamén de dieta moi variada, tanto terrestre como acuática, xa que se defende ben en ambos medios: invertebrados, peixes, anfibios, pequenos mamíferos, aves, ovos...
RASTROS:
PEGADAS:
Soen marcar os cinco dedos e sempre as unllas, a forma é como estrelada, xa que os dedos saen de xeito radial a partir da almofada central.
EXCREMENTOS:
Situados en lugares visibles, ás veces formando pequenas latrinas, isto é, lugares con varios excrementos do mesmo individuo, e que se mantén no tempo. Cor variable en función do contido, cheiro forte característico.
CONSERVACIÓN:
É unha especie invasora e xera problemas nos ecosistemas, por competencia, depredación e transmisión de enfermidades, como a enfermidade Aleutiana do visón que pode transmitir a outros mustélidos como a lontra ou o teixugo.
Por exemplo, a súa presenza no Parque Nacional das Illas Atlánticas deu lugar a un grave problema ambiental sobre as colonias de aves mariñas que depredaba, como foi o caso do corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), motivo polo cal houbo campañas de erradicación desta especie invasora no Parque, diminuíuse a súa poboación pero segue habendo.
A sociedade tamén ten un papel fundamental coas especies de invasoras, xa que en moitos casos proceden da liberación ao medio natural de mascotas que xa non se queren ter na casa.
CURIOSIDADES
A segunda granxa peleteira de visón americano que se estableceu en España foi en Pontevedra, en 1959. Dende entón, debido ós escapes, e máis recentemente tamén a “liberación” por parte dalgúns grupos animalistas, que entraron en varias granxas ceibando os animais coa idea de que viviran en liberdade; a especie colonizou a maior parte do territorio galego. Dos animais liberados a maioría morreron, e os que sobreviviron, sumáronse aos que xa había, aumentando así o dano ás especies autóctonas, cousa que estas persoas non deberon ter en conta ou non sabían, xa que non mellorou o benestar animal, senón todo o contrario. As boas intencións han de ir acompañadas sempre de información veraz, e neste caso ademais, científica.
O caso do visón americano ilustra sobradamente a dificultade de
loitar contra as invasións biolóxicas nun mundo globalizado e complexo.
Miguel Delibes
A Organización das Nacións Unidas (ONU) é un organismo intergobernamental mundial cuxo principal obxectivo e promover a cooperación internacional. Foi fundada oficialmente o 24 de outubro de 1945 en San Francisco, California, finalizada a Segunda Guerra Mundial. Wikipedia.
A membrana interdixital é unha membrana de pel entre os dedos das extremidades. Wikipedia.
O dimorfismo sexual é definido como as variacións na fisonomía externa, como forma, coloración ou tamaño, entre machos e femias dunha mesma especie. Preséntase na maioría das especies, en maior ou menor grao. Wikipedia.
Transformados polo home.
Os animais crepusculares mantéñense activos nos períodos intermedios, ao atardecer e ao amencer, descansando a pleno día e a plena noite.
Mamíferos carnívoros de corpo alongado e patas curtas, con glándulas anais olorosas e pel apreciada en peletería; p. ex., o visón, o teixugo e a lontra . RAE
Unha adaptación biolóxica é unha estrutura anatómica, é un proceso fisiolóxico ou un trazo do comportamento dun organismo que evolucionou durante un período de tempo mediante selección natural de tal maneira que incrementa as súas expectativas a longo prazo para reproducirse con éxito. Wikipedia.
A poligamia en animais significa que un animal mantén máis dun vínculo sexual durante o período de reprodución e crianza. Neste caso do visón americano, refírese como polígamos aos machos, xa cada un se aparea con varias femias.
Estratexia reprodutiva na que as femias, unha vez fecundadas, atrasan o desenvolvemento do embrión, para ter as crías en períodos ambientais favorables.
Causada por un parvovirus, que confire aos exemplares portadores dun determinado xene unha importante deficiencia inmunitaria que chega a causar a morte. Os exemplares infectados que non posúen este xene, sen desenvolver a enfermidade son portadores da mesma, podendo transmitila a outros mustélidos, especialmente visóns europeos e americanos. Wikipedia.
É un movemento global de activistas, académicos, artistas, campañas e grupos organizados que se opoñen ao uso de animais para investigación, alimento, entretemento e téxtiles (coiro, la, peletería e seda). O obxectivo xeral do movemento é erradicar o especismo , que consideran antropocéntrico, é dicir, na discriminación negativa dos animais non humanos, xerada polo feito de pertencer a especies diferentes á humana. Wikipedia.
Aqueles que se alimentan tanto de animais como de plantas. Wikipedia.
Especie capaz de vivir en numerosos tipos de ambientes, e capaz de usar numerosos tipos de recursos.
Adapta a súa dieta cos recursos dispoñibles de inmediato. Wikipedia.
Un ecosistema é unha comunidade de organismos vivos considerados en conxunto coas compoñentes non-vivas do ambiente (como o aire, a auga ou os minerais), que interactúan entre si como un sistema. Wikipedia.