Pachygrapsus marmoratus
.jpg)
"Os crustáceos deben o seu nome ao latín, crusta, que significa costra, dureza, facendo referencia á súa
“coiraza” que tecnicamente se chama exoesqueleto"
Moi común na zona intermareal rochosa, e tamén en diques e portos. Inconfundible coiraza case cadrada de ata 5 centímetros, de cor escura pero variable, de negro a verde oliva, e normalmente con estrías claras.
Característico corpo aplanado que lles vén xenial para gabear e sobre todo para agocharse nas gretas das rochas.
Teñen cinco pares de patas (de aí o nome do grupo ao que pertencen, os decápodos), as dianteiras son os quelípodos, vulgarmente chamadas pinzas, lixeiramente desiguais e máis grandes nos machos. Os catro pares de patas restantes, as marchadoras, son aplanadas e con pelos.
Se perden algunha pata pódena rexenerar na seguinte muda, aínda que nunca será tan grande nin tan forte como a anterior.
Pero que é iso da muda? para medrar han de mudar o exoesqueleto, e varias veces ao longo da súa vida, así que o que fan é desenvolver outra coiraza máis branda debaixo da vella, e ao aumentar de tamaño, a de fóra despréndese e a nova vaise facendo máis dura dando lugar á súa nova coiraza. A muda ten lugar cando están máis activos; verán e principios do outono.
Teñen dous ollos compostos, cada un sobre un pedúnculo móbil, o que lles proporciona un amplo campo visual, ata 360 graos.
Respiran por branquias polo que precisan a auga para vivir, pero certo é que as poden manter húmidas bastante tempo, permitíndolles estar fóra da auga moitas horas.
Son omnívoros, aliméntanse de algas, moluscos variados, como as lapas do vídeo por exemplo e detritos.
Reprodúcense entre maio e agosto. As femias poden criar aos dous anos de idade. Unha vez fecundadas, gardan os ovos no abdome onde os incuban.
Soen vivir ata 3 anos.
Un dos depredadores habituais dos cangrexos son os polbos. Pero cando son pequenos e, sobre todo, cando están a mudar e teñen a coiraza brandiña, aumentan os seus predadores: aves, peixes, lontras, outros cangrexos, …
"Non teñen valor culinario, pero si son empregados como cebo na pesca deportiva".
Apéndice en forma de pinza nos crustáceos decápodos, empregado para defenderse, agredir e alimentarse.
Restos procedentes da descomposición de seres vivos.
Estruturas para realizar o intercambio gasoso, nos cangrexos están nos laterais e protexidos pola coiraza.
Órgano visual que se atopa en certos artrópodos como insectos e crustáceos. Consiste na agrupación de entre 12 e varios miles de unidades receptivas. Wikipedia.

.jpg)
.jpg)



