Saltar la navegación

PAPORRUBIO

Erithacus rubecula
Paporrubio
Belén L. Arenal. Paporrubio (CC BY-NC-SA)

“Unha das aves máis frecuentes”.

DESCRICIÓN:

Pequeno paxaro, de apenas 16 gramos de peso,  gordecho, que destaca, como o seu nome di, por ter o peito e a cara alaranxada, sen

Paporrubio e cristaleiras
Belén L. Arenal. Paporrubio e cristaleiras (CC BY-NC-SA)


aparente dimorfismo sexual. Os poliños son pardos con pintas claras ata o final do seu primeiro verán, momento no que comezan a mudar cara a plumaxe que teñen os adultos.

HÁBITAT:

Gústalle que haxa árbores ou arbustos, pero está case en todas partes, incluídos xardíns urbanos, onde é moi común.

COMPORTAMENTO:

Moi territorial, defende o seu territorio cantando, a ser posible dende unha póla alta. E cantan todo o ano, tanto machos como femias, a diferencia da maioría das especies. Poden chegar a ter enfrontamentos entre eles e con outras especies. Xa Zenodoto no S. III  aC escribiu: "Unicum arbustum haud alit duos erithacus", que traducido sería - un único arbusto non alberga a dous paporrubios -, o cal fai alusión á aguerrida defensa que fai do seu territorio debido ao seu marcado carácter territorial. Polas mañás moi cedo, incluso antes de amañecer, o paporrubio é unha das primeiras especies en escoitarse , e o mesmo pola noite, das últimas en deixar de cantar.

Camiña a saltiños, e ten unha postura característica, moi erguido e coas ás algo caídas. Curioso e confiado, podendo achegarse bastante se non o molestamos.

DISTRIBUCIÓN

En Galicia é sedentario, pero no outono e inverno a nosa poboación vese moi aumentada pola chegada dos que crían no norte de Europa, que migran cara ao sur, algúns fican aquí no inverno, dise que son entón invernantes, e outros están só de paso, e seguen a súa migración máis ao sur.

REPRODUCIÓN

Comezan a cría na primavera e é a femia quen constrúe o niño; pon entre 2 e 6 ovos e polo xeral teñen dúas roladas, ás veces tres. Soen facer o niño preto do chan, agochado entre a vexetación; troncos, ocos de paredes… e incluso mesmo no chan.

A alimentación corre a cargo dos dous proxenitores; os polos saen ás dúas semanas do niño e dependen dos pais outras dúas máis, momento no que se independizan.

ALIMENTACIÓN:

Principalmente insectos, pero en épocas de pouca abundancia (outono e inverno) tamén inclúen froitos e sementes.

Paporrubio morto por colisión
Belén L. Arenal. Paporrubio morto por colisión (CC BY-NC-SA)


VOZ:

Reclamos: curtos tipo “tick”, que cando está nervioso prolónganse: “tick-ick-ick....”. Na migración (outono-febreiro) este rechouchío escóitase insistentemente no campo e nos parques.

Alarma: emite un tsiiih... penetrante.

Canto: melodioso, máis entusiasta na primavera.

CONSERVACIÓN:

Non é unha especie ameazada. Pero como a todos os que se alimentan de insectos, aféctalle a contaminación derivada dos insecticidas e praguicidas que se lles bota ao campo, xa que ao comer os insectos contaminados, están integrando eses agroquímicos no seu corpo, o cal non ten boas consecuencias para os paxaros, nin para os seus predadores naturais, que tamén serán afectados; a rede trófica é o que ten …. e está ben lembrar que nós estamos nunha posición moi alta nese sistema ….

Paporrubio morto por colisión
Belén L. Arenal. Paporrubio morto por colisión (CC BY-NC-SA)

 

Como para moitas outras especies, un grave problema é a colisión con estruturas de vidro (enormes portas e fiestras -ás veces de espello- pantallas acústicas nas autoestradas, marquesiñas…) que causan  a morte de miles de millóns de aves cada ano en todo o mundo.

Outras  ameazas importantes son os atropelos por vehículos, a destrución dos hábitats e as mortes causadas polos gatos domésticos.

Como anécdota dicir que tanto o paporrubio coma outros pequenos paxaros sufriron capturas ilegais para consumo, por tradición (os típicos “paxariños fritidos”), pero que está totalmente prohibida e con multas que poden acadar miles de euros e incluso ata dous anos de cárcere. Este é un problema que afectou sobre todo ao sur de España, pero hai que estar vixiantes pois ata non hai moito, unha comida tradicional galega -concretamente de  Monforte de Lemos- foi a empanada de papuxas, un pequeno paxaro que na súa migración pasa por Galicia, e parece que moitos quedaron para sempre...nunha empanada, hai que ver! que forma de tratar as visitas!

CURIOSIDADES:

Os ingleses, grandes afeccionados ás aves, teñen asociado o Nadal aos paporrubios na súa cultura, xa que a súa cor era igual que a das chaquetas que vestían os carteiros na época vitoriana, aos que chamaban "robins",  que é o nome inglés do paporrubio.

 


Co los ñeros de reytán

ñunca te metas, rapaz,

pos ye páxaru galán

co los sembrados en paz

y ena tierra al trabayar

ye gustu oílu cantar.

Dito popular asturiano.

Aves migradoras que pasan aquí o inverno, non confundir con hibernar, que é baixar o metabolismo. Non hai aves que hibernen.

É a interconexión natural das cadeas alimenticias e xeralmente é unha representación gráfica ( usualmente unha imaxe) de quen se come a quen nunha comunidade ecolóxica. Wikipedia.

O dimorfismo sexual é definido como as variacións na fisonomía externa, como forma, coloración ou tamaño, entre machos e femias dunha mesma especie. Preséntase na maioría das especies, en maior ou menor grao. Wikipedia.

Que non realiza migracións estacionais, pódese ver todo o ano.

Calquera substancia destinada a previr, destruír, atraer, repeler ou combater calquera praga, incluídas as especies indesexadas de plantas ou animais, durante a produción, almacenamento, transporte, distribución e elaboración de alimentos, produtos agrícolas ou alimentos para animais, ou que poida administrarse aos animais para combater ectoparásitos. É sinónimo de pesticida e fitosanitario. Wikipedia.

A vida nun xardín calquera

Belén L. Arenal. Paporrubio con polos (CC BY-NC-SA)

Un dos proxenitores achégase ao niño para alimentar aos poliños, e logo marcha con algo no peteiro, que será?

 Neste anuncio que fixeron un Nadal vese a migración dos paporrubios, é un vídeo precioso que amosa a dureza da migración, pero hai que aclarar que non se debe poñer doces ás aves, como parece que lle poñen ao final do vídeo, xa que o azucre é malo para elas, hai outros alimentos máis axeitados. Anuncio coa migración do paporrubio

Waitrose. Waitrose Christmas TV ad 2016 HomeForChristmas

Proposta para facer comedeiros para aves coma este que fixeron uns alumnos dun IES da Costa da Morte, do que deu boa conta este fermoso ferreiriño azul.

Comedeiro para aves
Belén L. Arenal. Comedeiro para aves (CC BY-NC-SA)

Usade a lupa para atopar os poliños
Usade a lupa para atopar os poliños

Ese vídeo filmeino dende a ventá da miña cociña, como se pode ver na foto.