Hai un libro aberto sempre para todos os ollos: a natureza.
Rousseau
A situación xeográfica de Galicia, a influencia oceánica, a intricada paisaxe de vales e montañas, bosques, matogueiras, turbeiras … a continuidade coa Cordilleira Cantábrica, os ecosistemas mariños, as illas e illotes, os 1498 quilómetros de costa, con rías, esteiros, cabos, cantís, sistemas dunares, praias, lagoas, marismas, humidais, ... , a extensa rede fluvial, e a situación fronteiriza entre dúas rexións bioxeográficas, a mediterránea e a eurosiberiana, dá lugar a unha gran variedade de ambientes, e por conseguinte, a unha gran biodiversidade. A isto tamén hai que engadir os hábitats antrópicos, como cultivos e pradarías, encoros e construcións humanas en xeral, onde moitas especies atoparon tamén un espazo, aínda que ás veces en conflito de intereses con parte da nosa sociedade.
Non sempre tivemos esta paisaxe. E houbo outras especies, por exemplo, hai uns 110.000 anos, no último interglacial, os neardentais convivían en Galicia con leóns, hienas, leopardos, osos, cabalos e rinocerontes, protagonistas por aquel entón da nosa fauna, tal como testemuñan os fósiles atopados nun xacemento en Becerreá .
Tamén houbo un tempo no que existían Mamuts, tal como se puido comprobar ao atopar un fósil desta especie no Incio.
Entre glaciación e glaciación houbo longos períodos cun clima cálido, no que en Galicia podían verse hipopótamos nas lagoas ou elefantes bañándose nos ríos, dos que parece que os nosos antepasados paleolíticos galegos deron boa conta para alimentarse.
E moitas especies extinguíronse, ás veces por causa natural como ocorreu con parte da paleofauna, e outras por influencia humana, como é o caso do que chamaban popularmente “ o tigre ou lobo cerval” que era un lince, pero non o ibérico, (Lynx pardina), senón o boreal (Lynx lynx), que habitou en Galicia ata comezos do século XX.
Hoxe en día asistimos a unha taxa de extinción anual de 1000 a 10000 veces maior que a taxa normal nos últimos 60 millóns de anos, que sería de entre 1 a 5 especies por ano. E nisto, evidénciase a influencia humana.
Respecto á CONSERVACIÓN da nosa natureza, temos o 12% de superficie galega protexida (fronte á media estatal do 27%), e en relación ás especies, contamos cun Catálogo Galego de Especies Ameazadas, aprobado en 2007, e ampliado posteriormente, no que constan 201 especies de fauna e flora na situación de perigo de extinción ou vulnerable como expón este cadro despregable.
Categorías das 201 especies de fauna e flora do noso Catálogo galego de especies ameazadas:
En perigo de extinción (75 especies)
Taxóns ou poboacións cuxa supervivencia é pouco probable se os factores causais desa situación seguen actuando.
- Por exemplo a subespecie que temos aquí da escribenta das canaveiras, Emberiza schoeniclus sbsp. lusitanica
Vulnerable (126 especies)
Taxóns ou poboacións en risco de pasar á categoría anterior nun futuro inmediato se os factores adversos que actúan sobre elas non son corrixidos.
- Por exemplo a estroza, Hyla arborea
Neste catálogo contémplanse plans de recuperación para as especies en perigo de extinción, e plans de conservación para as vulnerables, pero queda moito por facer neste sentido.
Cabe destacar o necesario e bo labor das asociacións e colectivos que actúan na defensa e conservación da nosa natureza.
Chegará o día en que os homes coñecerán a alma das bestas
e entón matar a un animal será considerado un delito como
matar un home.
Leonardo da Vinci
Fauna galega é un proxecto realizado por Belén Lorenzo Arenal durante unha licenza retribuída pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional baixo licenza CC-BY-NC-SA. Ano 2019. |
As glaciacións son fenómenos climáticos que ocorren ao longo da historia do planeta Terra. Como o propio nome suxire, é un período de frío intenso cando a temperatura media da Terra baixou, provocando o aumento das xeeiras nos polos e unha acumulación de xeo nas zonas montañosas próximo ás rexións de neves eternas (que nunca derreten). Wikipedia.
Un interglacial é un intervalo climático no que se produce un atemperamiento global do clima e que xeralmente separa dous períodos glaciares ou glaciacións. Wikipedia.
É a maior das divisións ou categorías bioxeográficas. Esta división reflicte os patróns de similitude biolóxica a escala global , faunística e florística. As rexións bioxeográficas do mundo son: Neártica, paleártica, neotrópica, etiópica, oriental, australiana e antártica. Wikipedia.
Producido ou modificado pola actividade humana.
Resto ou indicio dun ser vivo que habitou a terra hai miles ou millóns de anos.
Especie extinta do xénero Homo que habitou en Europa, Próximo Oriente, Oriente Medio e Asia Central, fai aproximadamente entre 230 000 e 40 000 anos. Wikipedia.
Biodiversidade, ou diversidade biolóxica, é o termo polo que se fai referencia á riqueza de seres vivos dun hábitat ou dun ecosistema. Wikipedia.
Un ecosistema é unha comunidade de organismos vivos considerados en conxunto coas compoñentes non-vivas do ambiente (como o aire, a auga ou os minerais), que interactúan entre si como un sistema. Wikipedia.