.jpg)
A píllara das dunas ten en Galicia o seu último reduto no norte da Península
Ibérica, xa que desapareceu no resto de zonas do litoral setentrional, e só
se ve xa na costa portuguesa e mediterránea da Península. Estímase que na
actualidade quedan pouco máis dun cento de parellas ao longo do litoral
galego.
GCiencia, A píllara das dunas é a Ave do Ano 2019
DESCRICIÓN:
Pequena limícola (aves que viven en lugares lamacentos ou próximos á auga), duns 16
.jpg)
centímetros de lonxitude, peteiro curto e patas escuras. Con dimorfismo sexual evidente; o macho adulto, en plumaxe nupcial, presenta zonas negras que a femia non ten ou ben son pardo escuras.
HÁBITAT:
En Galicia ocupa sistemas dunares e praias ben desenvolvidas.
COMPORTAMENTO:
Móvese rapidamente pola praia e dunas, e tamén en zonas intermareais lamacentas, buscando as súas presas, que -unha vez localizada algunha- corre cara a ela a gran velocidade, grazas a ter as patas situadas un pouco máis atrás do normal, o cal é unha
adaptación que lle facilita a carreira na area.
DISTRIBUCIÓN:
Presente en todo o noso litoral, pero os residentes -é dicir, os que crían en Galicia- cada vez son menos. No inverno vense máis, pero son migradores que baixan de Europa occidental e central que, unha vez pasado o frío, volven a voar cara ao norte miles de quilómetros para criar alí.
REPRODUCIÓN:
.jpg)
Reprodúcense entre mediados de marzo e mediados de xullo. O niño é unha simple depresión na area, disimulada con algunhas cunchas, pedriñas, algas e, agora por desgraza, ás veces usan plásticos. Nesta cunquiña feita na area, poñen tres ovos con manchas escuras, moi crípticos, isto é, que se camuflan perfectamente, que serán incubados por ambos proxenitores durante uns 25 días, de noite polo macho e de día pola femia; de aí as cores máis apagadas da nai. Os poliños son nidífugos, isto é, que ao pouco de saír do ovo, xa son capaces de desprazarse e alimentarse por si sós; esta característica é frecuente nas especies de aves do grupo das limícolas. A pesar disto, os pais aténdenos igual durante uns 25 días, ata que os poliños empezan a voar.
Ás veces fan dúas postas de forma natural, sacando dúas roladas, pero tamén moitas son postas de reposición, isto é, cando perden o niño, cousa por desgraza frecuente debido ás ameazas ás que están expostos.
ALIMENTACIÓN:
Aliméntanse de invertebrados como crustáceos, moluscos, vermes, …. Para o cal son de vital importancia as arribazóns naturais de algas nas praias, que non son lixo como moita xente pensa, de feito son parte da base da cadea trófica dese ecosistema; se a quitamos, estamos a eliminar un montón de pequenos organismos que en si mesmos son parte da natureza que debemos protexer e ademais levan a cabo imprescindibles funcións no ecosistema. Por exemplo, eliminando as arribazóns, reducimos o alimento de moitas especies de aves doutros grupos animais.
VOZ:
Fai algo parecido a pirr o píorrrr . Na época reprodutora emite un reclamo diferente, algo así como krruuui-krruuui.
CONSERVACIÓN:
Catalogada como vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas, pero tamén está en declive
.jpg)
en toda Europa.
A principal ameaza é a perda de hábitat e o mal uso das praias por parte da xente; como a presión turística, os cans ceibos, o apisoar das dunas, as molestias directas a niños e polos, os vehículos motorizados, determinadas prácticas deportivas como o kitesurf, a á delta con motor, o aeromodelismo, o lixo que atrae a depredadores, etc.
Tamén é unha ameaza a limpeza mecanizada das praias, que pode destruír niños e que ademais empobrece o ecosistema, afectándolle a todas as especies que alí viven.
Como predadores naturais destaca o corvo pequeno e en menor medida o raposo e o xabarín.
Plan de conservación da pillara das dunas: aprobado pola Xunta de Galicia en 2014, conta con actuacións en diversos areais, coma as gaiolas de protección aos niños, e as limitacións nos accesos, na presenza de animais domésticos ceibos, en determinadas actividades deportivas e de limpeza, entre outras. Aínda así, seguen sendo frecuentes os incumprimentos desta norma.
CURIOSIDADES:
Cando un posible predador (incluídos os humanos) se achega ao niño ou a algún polo, os adultos poñen en marcha unha técnica disuasoria que consiste en facerse os feridos, como manobra de distracción.
A píllara das dunas foi elixida Ave do ano 2019 pola ONG SEO Birdlife tras
detectar que a especie se enfronta a numerosas ameazas que a levaron a
perder un 70 % da súa poboación nos últimos 10 anos nalgunhas áreas de
España.
Galicia Confidencial
Relativo ao norte.
O dimorfismo sexual é definido como as variacións na fisonomía externa, como forma, coloración ou tamaño, entre machos e femias dunha mesma especie. Preséntase na maioría das especies, en maior ou menor grao. Wikipedia.
Un ecosistema é unha comunidade de organismos vivos considerados en conxunto coas compoñentes non-vivas do ambiente (como o aire, a auga ou os minerais), que interactúan entre si como un sistema. Wikipedia.
Unha adaptación biolóxica é unha estrutura anatómica, é un proceso fisiolóxico ou un trazo do comportamento dun organismo que evolucionou durante un período de tempo mediante selección natural de tal maneira que incrementa as súas expectativas a longo prazo para reproducirse con éxito. Wikipedia.