Saltar la navegación

CORZO

Capreolus capreolus
Corzo
Belén L. Arenal. Corzo macho (esquerda) femia (dereita) (CC BY-NC-SA)
Corzo
Belén L. Arenal. Corzo macho en primeira liña (CC BY-NC-SA)
" É o cérvido máis pequeno de Europa, e tamén o de cornamenta máis
reducida".

DESCRICIÓN

Os machos son algo máis grandes cás femias; o peso oscila entre 16 e 27 quilogramos. A cornamenta preséntana só os machos. Esta é pequena e pouco ramificada, ata 3 puntas, e múdana no outono ou no inverno, sendo entón difícil distinguir o xénero. Nese momento hai que fixarse no seu característico escudo anal, en forma de corazón nas femias e cun penacho de pelo rodeando o orificio urinario. Os machos non teñen ese penacho e o seu escudo anal é en forma de ril. 

Teñen os ollos e o fociño negro, reborde branco nos beizos e grandes orellas.

Pelaxe apardazada no verán e mais grisalla no inverno. Ata os cinco meses, os pequenos corzos teñen unha pelaxe pardo vermella con tachas brancas.

Viven  entre sete e nove anos, sendo a esperanza de vida maior nas femias.

HÁBITAT:

Os bosques con claros son o seu hábitat preferido.

COMPORTAMENTO:

Saltan moi ben, xa que teñen os cuartos traseiros elevados respecto aos dianteiros e a columna moi arqueada, o cal lles confire un grácil aspecto.

Poden vivir en grupos familiares ou solitarios.

Sempre alerta e moi desconfiados, salvo cando están en celo. Relativamente fácil velos ao amencer ou atardecer nos claros dos bosques, pero en canto nos detectan foxen rapidamente a gorecerse entre a vexetación.

Os machos marcan o territorio case todo o ano. Fano con sinais olorosas das súas glándulas: unhas téñenas na base das cornas e ao fregarse coas árbores deixan a súa firma; outras téñenas entre os pezuños das patas dianteiras, impregnando o solo cando o rascan. Ademais marcan territorio emitindo unha especie de ladrido, que tamén o empregan como son de alarma. As femias producen un son máis agudo que o ladrido dos machos.


REPRODUCIÓN:

Poden reproducirse a partir dos 14 meses de idade, tendo o celo no verán. Os machos cobren a todas as femias que entran no seu territorio, son polígamos.

As femias teñen implantación diferida dos óvulos, co que poden retardar a xestación varios meses detendo a división celular, o que permite  que os partos sexan en primavera, época mais favorable para criar os corciños. Normalmente paren unha ou dúas crías.

ALIMENTACIÓN:

Herbívoro, aliméntase de brotes, froitos, sementes, herbas, cortizas ...

RASTROS

PEGADAS: dúas pezoñas alongadas acabadas en punta, algo moi

Pegadas de corzo
Belén Lorenzo Arenal. Pegadas de corzo (CC BY-NC-SA)


característico.

EXCREMENTOS: pequenas bólas escuras formando coma un rosario, aínda que varía en función da alimentación.

ESCODADURAS: resultado de fregar as cornas nas árbores.

RABUÑADURAS: en troncos máis ben lisos.

ENCAMES: deixando na vexetación a súa forma ovalada de estar tombados descansando.

CORROS: durante o celo, moitas veces os machos seguen ás femias ao redor dunha árbore, arbusto ou rocha, deixando un camiño ben marcado no chan, con forma circular ou de oito.

Cornas corzo
Áurea Parcero. Cranio corzo (CC BY-NC-SA)


CORNAS:
xa que as mudan todos os anos, proceso coñecido como desmogue.

CONSERVACIÓN:

Especie en rápida expansión en Galicia. Non ameazada.

En Galicia o seu predador habitual é o lobo e en menor medida o raposo.

Especie cinexética, a maioría dos corzos morren abatidos.

Moi afectado por unha miase que lle causa a mosca  Cephenemyia stimulator , que realiza a posta das súas larvas nas fosas nasais dos corzos, o cal os debilita notablemente.

CURIOSIDADES:

É miope, así que non é difícil observalo, sabendo onde buscalo, e permanecendo a certa distancia en completo silencio, e sen moverse.

Diante das súas compañeiras, máis áxil, máis linda, máis rebulideira e

alegre que todas, saltando, correndo, parándose e tornando ás presas, de

modo que parecía non tocar o chan cos pés, ía a corza branca, cuxa estraña

cor destacaba como unha fantástica luz sobre o escuro fondo das árbores.


La corza blanca. Gustavo Adolfo Bécquer

 

 

Que se pode cazar atendendo a unha normativa.

Período de tempo no que as femias están receptivas sexualmente.

As glándulas son estruturas formadas por células especializadas en segregar un produto determinado.

A poligamia en animais significa que un animal mantén máis dun vínculo sexual durante o período de reprodución e crianza. Neste caso do corzo, refírese como polígamos aos machos, xa cada un se aparea con varias femias.

Estratexia reprodutiva na que as femias, unha vez fecundadas, atrasan o desenvolvemento do embrión, para ter as crías en períodos ambientais favorables.

Macho ou femia?

A seguinte gravación tivo lugar en distintos puntos da provincia de Lugo, a tarefa consiste en distinguir -sempre que sexa posible- entre machos e femias. Se o precisades, podedes repasar antes as diferenzas, que están expostas no texto e as fotos da sección anterior.

Belén L. Arenal. Corzo (CC BY-NC-SA)

 

Pregunta 1

Vídeo 1: o exemplar de corzo que sae á esquerda é unha femia, e o da dereita unha cría.

Sugerencia

Fixádevos no escudo anal e na diferenza de tamaño entre ambos exemplares.

Pregunta 2

Vídeo 2: o único exemplar de corzo que sae é unha femia.

Sugerencia

Fíxate no que leva na cabeza ...

Pregunta 3

Vídeo 3: o exemplar de corzo que sae á esquerda é un macho, e o da dereita unha femia.

Sugerencia

A observar cabezas e cus!

Pregunta 4

Vídeo 4: o único exemplar de corzo que sae é un macho.

Sugerencia

Só un dos sexos pode ter cornas.