Timon lepidus
"O lagarto máis grande de Europa”.
DESCRICIÓN:
Pode chegar aos 76 centímetros de longo contando a cola, aínda que en Galicia soen ser algo máis pequenos.
Especie robusta, ventre verde amarelado e dorso verde fazado de negro, cuns ocelos azuis orlados de negro que son inconfundibles.
Hai dimorfismo sexual, os machos son máis grandes, teñen os ocelos máis marcados, e as mandíbulas máis fortes e aparentes.
Os xuvenís, como o do vídeo, nacen cunha talla duns 4 centímetros de longo, sen contar a cola, e teñen lunares por todo o corpo, característica que os diferenza dos xuvenís do outro lagarto que temos en Galicia, o lagarto das silvas (Lacerta schreiberi), no que as manchas están presentes só nas costas.
Chegan a vivir uns 10 ou 11 anos en estado silvestre.
HÁBITAT:
Moi variado; dunas, cultivos, cantís, parques urbanos, … pero sempre buscan zonas abrigadas, cálidas e con sitios onde agocharse como valados, rochas ou matos por exemplo.
COMPORTAMENTO:
Diúrno, bo escalador, veloz e esquivo, se pasamos cerca fuxirá rapidamente, o cal o delata, xa que o rápido movemento provoca ruído, sendo fáciles de detectar por este motivo.
É frecuente velo tomando o sol coas patas dianteiras estiradas, pero se vai demasiada calor agóchase.
Refúxianse entre as pedras, en matos e en tobos escavados por eles, ou xa feitos por outros animais como roedores.
Moi territoriais, e defenden con fereza os seus dominios.
Activos entre marzo e outubro, aínda que depende da zona e da climatoloxía. Pódense ver nos días moi soleados do inverno, cando algúns saen a intentar comer algo aproveitando esa caloriña. Como o caso do xuvenil do vídeo, gravado o 4 de decembro en Boca do Río (Carnota), con sol, sen vento e 11 graos de temperatura.
Ante un perigo poden desprenderse da cola (autotomía caudal), coma o resto de lagartos e lagartixas.
DISTRIBUCIÓN:
Noroeste de Italia, sur de Francia e na Península Ibérica, salvo no sur-leste, onde hai un moi parecido, o lagarto arnal de Serra Nevada (Timon nevadensis).
En Galicia está presente en todo o territorio, salvo no extremo norte e nas zonas máis frías do interior, sendo moi común en Ourense e en áreas costeiras termófilas e abrigadas.
REPRODUCIÓN:
Ovíparos. As femias poñen de 5 e 24 ovos (en función do tamaño da femia), entre maio e xuño, baixo pedras ou en galerías escavadas. Eclosionan en setembro e outubro.
Como ritual de apareamento, o macho morde á femia, dispoñendo unha posición que facilita a cópula, na que o macho introduce un dos seus dous hemipenes na cloaca da femia.
ALIMENTACIÓN:
Especie xeneralista e oportunista, a presa máis frecuente son os invertebrados, sobre todo escaravellos, tamén se alimenta, pero con menor frecuencia, de vertebrados como lagartixas, pequenos ratos ou ovos, pero teñen que ser exemplares de lagarto moi grandes.Téñense visto tamén comendo peixiños nas charcas do intermareal. Inclúen tamén na súa dieta algo de materia vexetal como froitos tipo moras e uvas.
CONSERVACIÓN:
Como depredadores naturais frecuentes están algunhas especies de aves rapaces e algúns ofidios.
Aínda sendo relativamente abundantes, os incendios están minguando as súas poboacións, como no resto de especies de réptiles en xeral, pero é certo, que unha vez pasado o incendio, estes lugares son recolonizados facilmente polo lagarto arnal, ao deixar menos vexetación e terreos rochosos que parece que son do seu gusto.
O lagarto arnal foi fortemente perseguido na Península Ibérica, sobre todo na metade sur, por varios motivos: nos cotos de caza pola crenza de que acababa cos ovos de especies coma a perdiz e o paspallás, para a fabricación de licores, e para consumo como carne. Hai tempo que isto está totalmente prohibido, pero ás veces segue a suceder.
CURIOSIDADES:
En Galicia considéranse velenosos en xeral todos os réptiles, incluídos os lagartos, e están presenten en lendas e contos, normalmente con mala fama, pero tamén teñen atribucións positivas, xa que en moitos sitios se lles considera amigos do home, pois se alguén se atopa deitado no campo e se lle achega unha cobra, dise que o lagarto vaino avisar corréndolle por riba. Pero por outro lado téñense por inimigos das mulleres, especialmente cando menstrúan… en fin, outro conto machista. Evidentemente todos contos, lendas e crenzas onde se lles considera mal aos animais, sen ningunha base científica, o único que lle trae ao protagonista de tales relatos, son maltratos inxustos, moitas veces a morte.
Outra atribución positiva é a da suposta boa sorte que dá atopar un lagarto con dúas colas (fenómeno non raro, que se produce cando a cola rompe, sen desprenderse totalmente, e se rexenera a orixinal), aínda que pode ser mala sorte para o lagarto, se o capturan por este motivo, …
Lagarto, lagarto
Dito popular conta o mal agoiro.
Mancha redondeada na pel dalgúns lagartos.
O dimorfismo sexual é definido como as variacións na fisonomía externa, como forma, coloración ou tamaño, entre machos e femias dunha mesma especie. Preséntase na maioría das especies, en maior ou menor grao. Wikipedia.
A reprodución é mediante a posta de ovos.
Órgano copulador na base da cola de lagartos e serpes.
Especie capaz de vivir en numerosos tipos de ambientes, e capaz de usar numerosos tipos de recursos.
Adapta a súa dieta cos recursos dispoñibles de inmediato. Wikipedia.
Espazo do territorio entre a marea alta e a marea baixa.
Réptil escamoso sen extremidades e corpo alongado (serpes).
Territorio delimitado para cazar segundo a lexislación correspondente.
En anatomía animal, a cloaca é unha cavidade aberta ao exterior,a cal brinda protección ao sistema dixestivo e excretor para a expulsión de refugallos, situada na parte final do tracto dixestivo, á que conflúen tamén os condutos finais dos aparellos urinario e reprodutor. Está presente en determinadas especies de vertebrados: en todas as aves, anfibios e réptiles, así como nalgúns peixes ( condrictios) e mamíferos ( monotremas e marsupiales).