Bufo spinosus
"Especie de sapo máis grande de Europa".
DESCRICIÓN:
Téñense atopado exemplares de máis de 20 centímetros de longo, pero o normal é que as femias non pasen de 12, e os machos -que son máis pequenos- de 9.
De cor variable, pero xeralmente de tons pardos ou grises, corpo gordecho, pel rugosa e con verrugas.
Grandes glándulas parotoides na cabeza con disposición diverxente entre elas, que desprenden bufotoxina cando son molestados, un sistema de defensa que consegue facelo pouco atractivo para moitos depredadores, xa que irrita as mucosas e produce vómito ao inxerilo.
Ollos prominentes, coa pupila horizontal e o iris con destacadas cores cobreadas ou alaranxadas.
Os pés posteriores tenos parcialmente palmeados.
Os machos en celo presentan uns engrosamentos nos dedos polgares das patas anteriores chamados calosidades nupciais, para poder agarrar a femia durante a cópula.
HÁBITAT:
Moi variado, prados, bosques, xardíns urbanos, hortas, … e tanto na costa como no interior e na montaña. Adoita reproducirse en ríos.
COMPORTAMENTO:
É moi terrestre nos seus hábitos, acode á auga case exclusivamente para reproducise.
Nocturno xeralmente, pasando o día oculto nalgún acubillo; pedras, troncos, tobos de toupas, … Pode verse ás veces de día, se o ambiente está húmido e as temperaturas son suaves…
Soe estar activo todo o ano, pero ante temperaturas extremas reduce a súa actividade, sobre todo no verán.
Desprázase camiñando, pero pode saltar se é molestado.
Cando se ve ameazado pode inchar o corpo para parecer máis grande.
Caza proxectando a súa lingua a unha distancia de varios centímetros da presa.
DISTRIBUCIÓN:
Presente en toda Galicia.
REPRODUCIÓN:
Na primavera os sapos migran ao mesmo lugar onde se reproduciron a primeira vez, así ano tras ano, sendo fieis aos lugares de
reprodución, para o que ás veces percorren varios quilómetros. Primeiro chegan os machos e cantan para atraer as femias. O amplexo é axilar, o macho sobe encol da femia e agárrase a ela nunha aperta por debaixo das axilas, e coas patas posteriores patea a posibles machos competidores que pretendan subir. O fervor “amoroso” é tan grande, que non é raro ver varios machos subidos a unha femia ou incluso a outras especies de anfibios. Poñen gran número de ovos en relación ao seu tamaño, ata 12000. Unha vez feita a posta, ela marcha, e os machos fican no lugar intentando conquistar o maior número de femias.
ALIMENTACIÓN:
Insectos en xeral, lesmas, eirugas, … os exemplares moi grandes poden chegar a comer lagartixas e crías de ratos.
VOZ:
Non teñen sacos vocais externos, pero emiten sons agudos no celo, e tamén como medida disuasoria ante inimigos.
CONSERVACIÓN:
A perda de hábitat e a contaminación por uso excesivo de pesticidas e biocidas son factores decisivos na súa regresión e na dos anfibios en xeral.
Outro problema serio para as especies que fan migracións masivas como neste caso, son os atropelos nas estradas. E, como as postas e larvas do resto de anfibios, sofren especialmente a predación por parte de especies invasoras como o visón americano, o cangrexo de río ou as gambusias.
Como predadores naturais están as cobras de auga, aves rapaces e algúns mamíferos especializados en quitarlles a pel coma se fora un calcetín, evitando así a bufotoxina, como pode ser a lontra.
CURIOSIDADES:
O sapo común é una especie ben coñecida, pero non causa boa impresión, ten moi mala fama baseada en falsas crenzas e no descoñecemento da realidade da especie e da natureza en xeral. Isto causoulle moito dano ao sapo, dende matalos sen máis a ocasionarlles cruentas falcatruadas. Mellorouse algo, pero -por desgraza- aínda segue a suceder. Un dos maiores mitos é o que di que cospen aos ollos causando cegueira, o cal é falso, nin sequera poden cuspir. Os sapos non son velenosos, é certo que poden segregar bufotoxina para defenderse (todas as especies teñen sistemas de defensa), pero esa substancia só nos afectaría se a poñemos en contacto con mucosas (ollos, nariz e boca), o cal nos provocaría una leve irritación, non un envelenamento.
Teñen costume de ouriñar ó collelos, isto deu lugar tamén a moitas falsas crenzas, cando a única intención do sapo con esta acción é “convencer” de que o solten. Non hai veleno nos seus ouriños.
Sapos e ratos,
bruxas e meigas,
fóra das miñas veigas.
Con estes versos, bendicíanse leiras no rural galego, esparexendo auga bendita cunha póla de oliveira.
Bufotoxinas son unha familia de substancias tóxicas atopadas nas glándulas parotoides, pel, e veleno de moitos sapos do xénero Bufo, noutros anfibios e outras plantas e cogomelos. A exacta composición varía de acordo coa fonte da toxina. Educalingo.
Son praguicidas de uso non agrícola.
Calquera substancia destinada a previr, destruír, atraer, repeler ou combater calquera praga, incluídas as especies indesexadas de plantas ou animais, durante a produción, almacenamento, transporte, distribución e elaboración de alimentos, produtos agrícolas ou alimentos para animais, ou que poida administrarse aos animais para combater ectoparásitos. É sinónimo de praguicida e fitosanitario. Wikipedia.
Dúas glándulas que soen ter a maioría das especies de anfibios detrás dos ollos.
O saco vocal é unha membrana flexible da pel que teñen a maioría dos anfibios tipo anuro (ras e sapos).