Saltar la navegación

COBRA VIPERINA

Natrix maura

Cobra viperina
Belén L. Arenal. Cobra viperina (CC BY-NC-SA)

“Ofidio máis asociado á auga da Península Ibérica”


DESCRICIÓN:

Xuvenil cobra viperina
Rafa Vázquez Graña. Xuvenil cobra viperina (CC BY-NC-SA)


Máis ben pequena, en xeral non supera os 60 centímetros de lonxitude. Cor dorsal variable, entre pardos, avermellados, verdes e grises, e soe ter un deseño a manchas escuras en forma de zigzag que asemella ás víboras. Iris amarelado ou alaranxado e pupila redonda.

Presentan dimorfismo sexual, as femias son máis longas e grosas, sendo isto o normal en ofidios. Xuvenís similares aos adultos na cor, pero con 3 bandas claras destacadas a cada lado da cabeza.

HÁBITAT:
Habita todo tipo de medios de auga doce; lagoas, encoros, ríos, regatos, … e incluso medios salobres como lagoas costeiras. E tense visto cazando en pozas do intermareal.

COMPORTAMENTO:
De hábitos xeralmente diúrnos. Permanece inactiva nos meses máis fríos, hibernando baixo pedras, en muros ou galerías de roedores.

Miguel Rodríguez Esteban. Cobra viperina (CC BY-NC-SA)



Moi áxil, sobre todo na auga, onde é experta cazadora, e tamén onde se refuxia, podendo permanecer somerxida bastante tempo, sacando a cabeza para respirar cando o precisa. O nome de viperina fai alusión ao parecido caos víboras, estratexia que lle serve para disuadir aos posibles inimigos, xa que a diferenza desta, e da maioría das especies que temos, as víboras posúen veleno.

O seu comportamento defensivo consiste en semellar unha especie velenosa como a víbora, aplanando o corpo para parecer máis grande e triangulando a cabeza imitando á das víboras. Incluso bufa e fai simulacións de ataque, nos que nunca chega a morder, só golpea co fociño. Se é capturada desprende un cheiro insoportable baleirando o contido das súas glándulas coaclais. Outra actitude defensiva é a tanatose, que ven sendo facerse a morta.

DISTRIBUCIÓN:
Habita o sudoeste de Europa. Presente en toda Galicia, pero máis común no centro e no sur.

REPRODUCIÓN:
Coma noutros ofidios galegos, hai dous celos, un primaveral e outro outonal. Depositan entre 4 e 17 ovos en lugares quentes e húmidos, frecuentemente baixo pedras.

ALIMENTACIÓN:

Debido aos seus hábitos, fundamentalmente caza presas acuáticas como anfibios, peixes e invertebrados acuáticos. E como vedes no vídeo, pode desencaixar a mandíbula para lograr introducir a presa, neste caso unha rá verde (Pelophylax perezi).

CONSERVACIÓN:
Como depredadores naturais; rapaces, garzas, outras cobras e algúns mamíferos como a lontra.
Como ameazas destaca a degradación dos medios acuáticos, pesticidas, atropelos e a morte directa a mans do ser humano, debido a infundadas crenzas en xeral cos hérpetos, e moi especialmente cos ofidios.

As lendas do leite e das serpes en Galicia chegan incluso a afirmar que estes

ofidios axexan ás mulleres preñadas até que paren, e logo, pola noite,

métenselles na cama e maman, mentres que colocan a punta da cola na

boca do neno, como un chupete, para que non chore e esperte á nai.

Crenza popular moi estendida pero infundada, xa que os ofidios pola súa anatomía,

resúltalles imposible zugar ou mamar, e ademais non teñen ningún interese no leite

como alimento. Wikipedia.

 

O dimorfismo sexual é definido como as variacións na fisonomía externa, como forma, coloración ou tamaño, entre machos e femias dunha mesma especie. Preséntase na maioría das especies, en maior ou menor grao. Wikipedia.

Réptil escamoso sen extremidades e corpo alongado (serpes).

Auga con máis sal cá dos ríos e menos cá dos mares.

Espazo do territorio entre a marea alta e a marea baixa.

A hibernación é a capacidade suficiente que teñen certos animais para adaptarse a condicións climáticas extremadamente frías, pode asemellarse a un estado de hipotermia durante algúns días, semanas ou meses, o cal lles permite conservarse durante o inverno. Durante a hibernación o metabolismo dos animais decrece ata un nivel moi baixo, ademais de ter unha temperatura corporal e unha frecuencia respiratoria inferior ao normal. Durante este período utilizan as reservas enerxéticas almacenadas nos seus corpos durante os meses máis cálidos. Wikipedia.

Período de tempo no que as femias están receptivas sexualmente.

Calquera substancia destinada a previr, destruír, atraer, repeler ou combater calquera praga, incluídas as especies indesexadas de plantas ou animais, durante a produción, almacenamento, transporte, distribución e elaboración de alimentos, produtos agrícolas ou alimentos para animais, ou que poida administrarse aos animais para combater ectoparásitos. É sinónimo de praguicida e fitosanitario. Wikipedia.

Outras especies de ofidios:

A continuación unha cobra de auga (Natrix astreptophora), moi parecida á cobra viperina, de feito son do mesmo xénero, é a dereita unha das dúas víboras que temos en Galicia, a víbora de Seonae (Vipera seoanei).

Cobra de colar
Belén L. Arenal. Cobra de colar (CC BY-NC-SA)
Víbora de Seoane
Belén L. Arenal. Víbora de Seoane (CC BY-NC-SA)



Nas imaxes pódese apreciar unha das diferenzas entre as víboras e as cobras. Que vos parece que pode ser?

Na seguinte imaxe amósase un comportamento típico tanto da cobra de auga como da viperina. Neste caso trátase dunha cobra de auga; que pensades que está facendo?

Cobra de colar
Belén L. Arenal. Cobra de colar (CC BY-NC-SA)

Queredes saber que hai que facer se nos atopamos un ofidio? Neste enlace tedes esa información e máis cousiñas dos nosos ofidios.

Cobras e víboras de Galicia.