Saltar la navegación

PÍNTEGA RABILONGA

Chioglossa lusitanica
Píntega rabilonga
Belén L. Arenal. Píntega rabilonga (CC BY-NC-SA)

"De todo o mundo, esta especie só habita en Galicia, occidente de Asturias e norte de Portugal".

DESCRICIÓN:

Píntega moi esvelta, tamén chamada saramaganta, duns 15 centímetros de longo, dos que máis de dous terzos corresponden á cola, de aí o seu nome. Pel moi lisa, de cor parda escura, case negra, sobre a que destacan dúas liñas dorsais de cor dourada, que percorren o seu dorso ata chegar á cola, onde se xuntan nunha soa. As extremidades son curtas, e a cabeza achatada e de ollos grandes, escuros e prominentes. O macho distínguese da femia durante o celo por ter a rexión da cloaca moi avultada.

HÁBITAT:

Moi dependente da auga e da humidade ambiental debido aos seus reducidos pulmóns que non conseguen capturar o osíxeno que precisan, polo que tamén respiran pola pel e, para iso, ten que estar húmida.

Píntega rabilonga
Belén L. Arenal. Píntega rabilonga (CC BY-NC-SA)


Habita microclimas moi húmidos, como regatos de auga limpa e ben osixenada, e preferiblemente en bosques ben conservados. Aínda que isto último non é condición esencial, xa que se ten visto noutro tipo de ambientes, incluso en solos areosos a carón do mar, pero nestes casos, sempre preto de regatos.

COMPORTAMENTO:

Nocturna, activa todo o ano, pero reduce a súa actividade no verán no caso do sur de Galicia, e no inverno nas poboacións do norte.

Rápida , áxil e escorregadiza, pode moverse velozmente cun movemento serpeante co que foxe dos inimigos, aínda que tamén pon en práctica a estratexia de permanecer inmóbil para pasar desapercibida. Outra defensa é o desprendemento voluntario de parte da cola, a autotomía caudal, característica común en lagartixas, pero dentro dos anfibios, en Galicia só ten esta capacidade a especie que nos ocupa. Cando se ve en perigo, leva a cola cara a diante, permanecendo inmóbil salvo a cola, atraendo así a atención do depredador sobre esta parte non vital do seu corpo. De perdela, rexenerará unha nova, pero máis curta e máis gris.

DISTRIBUCIÓN:

Endémico do noroeste ibérico; respecto a Galicia, presente en todo o territorio salvo nas zonas máis secas do SE de Ourense, así como nas grandes chairas de Galicia (A Limia, Terra Cha, Val de Lemos, etc).

REPRODUCIÓN:

Nas poboacións setentrionais de Galicia, fan as postas no verán; nas dos sur, no outono.

Os apareamentos acontecen en terra ou en augas superficiais. Os machos deslízanse baixo a femia e despois dun ritual cun amplexo duns 20 minutos, o macho deposita o espermatóforo no chan, retirándose para que a femia poida introducilo na súa cloaca.

A femia pon os ovos (ata 20) baixo pedras ou raíces en regatos ou covas con moita humidade.

ALIMENTACIÓN:

Pequenos invertebrados en xeral; insectos, arañas, larvas… que atrapa coa súa lingua prénsil e pegañenta, que é capaz de proxectar e recoller á présa como se tivera unhas pinzas.


CONSERVACIÓN:

Especialmente sensible á contaminación e á destrución do bosque autóctono, un dos hábitats preferentes desta especie.

Nos últimos anos detectáronse declives importantes nas súas poboacións, por outra banda, e seguramente debido ao maior esforzo de prospección, téñense sacado citas en lugares onde non se coñecía a súa presenza.

Considerada especie vulnerable no catálogo de especies ameazadas de Galicia e pola UICN (Unión Internacional de Conservación da Natureza) a nivel mundial.

Como depredadores naturais; lontra, furapresas ibérico, cobras de auga, sapos, peixes, ..

CURIOSIDADES:

Existen especies de anfibios apulmonados fóra de Galicia e que pertencen a outras familias de anfibios. No caso dos salamándridos, familia á que pertence a píntega rabilonga, só a algúns exemplares lles faltan os dous pulmóns, pero si que a maioría teñen un deles moi reducido. Potenciar a respiración cutánea e a través da membrana mucosa da boca, e reducir os pulmóns é unha adaptación á vida nos ambientes húmidos que habita.

A etimoloxía do xénero infórmanos da súa lingua branca; Jion, que significa branca como a neve e glossa, que é lingua.

Xoia, non só da nosa herpetofauna, senón de todo o patrimonio natural galego. Trátase dunha especie na que a rareza e a singularidade van parellas ao descoñecemento sobre a súa forma de vida e a destrución dos seus últimos hábitats que, como ironía ou símbolo, son a máis xenuína representación da natureza ancestral galega:fragas de folla caduca entre arroios saturados de liques e humidade.

Pedro Galán e Gustavo Fernández, Anfibios e réptiles de Galicia, 1993

Un microclima é un clima local de características distintas ás da zona en que se sitúa. Wikipedia.

Masa de espermatozoides producida polos machos das píntegas e dos pintafontes.

En anatomía animal, a cloaca é unha cavidade aberta ao exterior,a cal brinda protección ao sistema dixestivo e excretor para a expulsión de refugallos, situada na parte final do tracto dixestivo, á que conflúen tamén os condutos finais dos aparellos urinario e reprodutor. Está presente en determinadas especies de vertebrados: en todas as aves, anfibios e réptiles, así como nalgúns peixes ( condrictios) e mamíferos ( monotremas e marsupiales).

Que características da píntega rabilonga apreciades neste vídeo?

Pregunta

Despois de ler o texto da píntega rabilonga e ver o vídeo que ven a continuación, gravado nun lavadoiro abandonado dunha aldea da Costa da Morte, tedes que elixir todas as características propias do anfibio que se poidan apreciar no vídeo, isto é, se no vídeo non se ve esa característica, a pesar de ser certa, non a podedes seleccionar.

Belén L. Arenal. Píntega rabilonga (CC BY-NC-SA)

 

Respuestas

Cores douradas no lombo formando dúas liñas.

Ten a cola moi longa.

Autotomía caudal, despréndese da cola ao ser atacada.

Habita lugares moi secos.

Pode moverse velozmente cun movemento serpeante para fuxir.

Retroalimentación