Calopteryx xanthostoma
"Quitaollos, sacaollos, gaiteiros, donceliñas, patexas, tizóns do demo, mollacús, lavacús e candís
son nomes populares cos que se coñecen aos distintos tipos de libélulas en xeral en Galicia"
As libélulas pertencen á orde odonatos -que significa mandíbula con dentes- e está dividiaA en dous grandes grupos; zigópteros e
anisópteros. A palabra zigóptero procede do grego e significa “ás xuntas”, e é esta unha diferenza respecto aos anisópteros, xa que manteñen as ás xuntas e pegadas ao corpo cando están en repouso, mentres que os anisópteros mantéñenas separadas horizontalmente ou lixeiramente inclinadas. Ademais disto, os zigópteros son de menor tamaño, teñen as catro ás iguais e os ollos separados. Os do outro grupo, os anisópteros teñen as ás posteriores máis anchas que as anteriores e os ollos de gran tamaño e xeralmente están unidos nalgún punto.
O gaiteiro bicolor adulto mide entre 4 e 5 centímetros de lonxitude, e entre 5,5 e 6,5 de envergadura alar. Os machos teñen a maior parte do corpo azul metálico, as ás teñen a base transparente e o resto escuras con intensos reflexos azuis metálicos. As femias son máis ben verde metálico e coas ás verdosas translúcidas. As patas son negras, longas e finas en ambos os sexos.
Coma todas as libélulas, o gaiteiro bicolor pasa a maior parte da súa vida en forma de larva acuática, estas larvas coñécense popularmente co nome de besbellos. Cando acaba a metamorfose, a larva sae da auga e ao cabo dun tempo emerxe a forma adulta -o imago- que sairá voando e deixando o que se
coñece como exuvia. Como as da foto, que probablemente son da especie Boyeria irene ( libeliña do luscofusco). No verán é fácil atopar adheridas a plantas exuvias de distintas especies nas proximidades de ríos e charcas.
O estado de larva adoita durar un ano como moito, e no que é a súa fase adulta ou imago (na que voan e se reproducen), apenas viven un mes aínda que as femias algúns días máis ca os machos. As larvas doutras especies de libélulas que podemos ver en Galicia, poden vivir algo máis pero sen chegar aos 3 meses.
Os imagos voan desde abril ata finais de setembro. Teñen preferencia polos cursos de auga de corrente lenta e solleiros.
Os machos son territoriais e defenden o seu tramo de río doutros machos rivais.
A reprodución das libélulas é moi peculiar; o macho suxeita á femia por detrás da cabeza con dous ganchiños que ten ao final do abdome e a femia alómbase baixo del ata tocar co final do seu propio abdome (onde ten o seu aparello sexual), a parte do abdome do macho onde aloxa os espermatozoides. Isto dá lugar a curiosas formas dos corpos unidos das parellas. Prodúcese así a fecundación, e posteriormente a femia depositará os ovos fecundados na vexetación flotante.
Cazan en voo pequenos insectos pois teñen unha visión excelente. E son presa de numerosos predadores; aves, outros insectos, arañas,...
Se che morde un lavacú, busca táboas pro teu ataú.
Dito popular galego, por pensar que a súa trabadura é mortal, o cal é totalmente
falso, xa que son inofensivos.
Distancia entre os dous extremos das ás.
É a última fase do desenvolvemento dun insecto; con frecuencia alúdese ao imago como ao estadio adulto. Wikipedia.
As larvas son as fases xuvenís dos animais con desenvolvemento indirecto (con metamorfose) e que teñen unha anatomía, fisioloxía e ecoloxía diferente do adulto. Wikipedia.
Última rexión do corpo dos insectos.