Saltar la navegación

CORVO MARIÑO GRANDE

Phalacrocorax carbo
Corvo mariño grande
Belén L. Arenal. Corvo mariño grande (CC BY-NC-SA)

"Destacada coloración e forma das plumas do dorso que semellan escamas".

DESCRICIÓN:

Grande, duns  90 centímetros de lonxitude, e pode pesar ata 5 quilogramos. Negro excepto a gorxa branca e algo amarelo na cara. Peteiro longo e forte. Destaca o seu tamén longo pescozo e corpo robusto, que xunto ás patas palmeadas dálle un aspecto moi característico.

Os machos poden ser algo máis grandes cás femias pero apenas se distinguen. Os xuvenís si, por ter o peito esbrancuxado. Cando están en fase nupcial teñen a plumaxe máis brillante e locen zonas brancas nas coxas e na cabeza.

HÁBITAT:

Tanto no mar como en zonas acuáticas interiores como ríos, encoros, lagoas, …

Corvo mariño grande nupcial
Belén L. Arenal. Corvo mariño grande nupcial (CC BY-NC-SA)

 COMPORTAMENTO:

Pode verse pousado coas ás estendidas durante moito tempo, fano para secar a plumaxe, xa que, ao contrario que outras aves acuáticas, non a ten impermeabilizada, o cal lle facilita mergullarse e perseguir os peixes axilmente.

Ao atardecer xúntanse para pasar a noite, moitas veces pousados nas árbores.

DISTRIBUCIÓN:

En Galicia os que vemos son invernantes ou en paso, a maioría veñen do centro e do norte de Europa. E, dende hai uns anos e de forma ocasional, un par de parellas crían no encoro de Abegondo - Cecebre.

REPRODUCIÓN:

En Galicia é raro que críe, pero nas súas zonas de nidificación forma colonias, normalmente en cantís ou en árbores e reutilizan o niño dun ano para outro.

Os poliños introducen a cabeza no peteiro dos pais para coller o alimento que lles regurxitan. Independízanse pasados uns 50 días dende a eclosión, pero tardan en acadar a madurez sexual 4 ou 5 anos; a partir de entón xa poderán reproducirse.

Corvo mariño grande pescando
Belén L. Arenal. Corvo mariño grande pescando


ALIMENTACIÓN:

Fundamentalmente peixes, é moi bo pescador, perseguindo aos peixes baixo a auga con moita destreza. Aínda que normalmente anda  entre os 5 e 15 metros, pode baixar ata 40 metros de profundidade.

VOZ:

Emite sons roucos e profundos.

CONSERVACIÓN:

Non está ameazado, de feito é unha especie en expansión, pero  realmente vén dunha recuperación tras descender as súas poboacións drasticamente hai uns 50 anos, debido á contaminación das augas e á persecución que sufriron por ser considerados prexudiciais para a pesca. Cando diminuíu a súa caza, a poboación foi aumentando, de feito, nos últimos anos está a entrar en conflito cos pescadores e coas piscifactorías, que o acusan de coller moito peixe nos ríos. Isto deu lugar a que algunhas comunidades autónomas outorguen permisos para facer “controis” poboacionais, ou sexa matar un número determinado de individuos en determinadas zonas.

Os corvos mariños grandes é certo que depredan sobre peixes, como fixeron sempre, son presas naturais deles, contribuíndo o equilibro do ecosistema. De feito, nos estudos científicos feitos o corvo mariño non supón un efecto importante sobre as poboacións de peixes nos ríos e encoros,  si o é en cambio a contaminación, a destrución do hábitat, ...

Ademais, a medida de matar uns centos de individuos non é efectiva, porque ese espazo é ocupado rapidamente por máis exemplares.

Outra ameaza que sofre esta especie como tantas outras mariñas é a mortaldade por capturas accidentais en artes de pesca, e tamén por mareas negras  e vertidos de combustibles.

CURIOSIDADES:

Una antiga lenda di que a xente que morría no mar e cuxos cadáveres nunca se recuperaban, pasaban a eternidade na illa de Utrøst (que só en ocasións podía ser atopada polos mortais). Os habitantes de Utrøst só podían visitar os seus fogares en forma de corvo mariño.

ESPECIES SIMILARES:

Podemos ver en Galicia outra especie de corvo mariño, o corvo mariño cristado, Phalacrocorax aristotelis, máis pequeno, chámase así por ter os adultos, e só en época de cría, un conxunto de plumas na cabeza que parecen un moño. Esta especie é exclusivamente mariña, está só na costa, pero o parecido entre ambas especies e o

Corvo mariño cristado
Belén L. Arenal. Corvo mariño cristado (CC BY-NC-SA)


descoñecemento por parte da xente, levou a moitos a pensar que o corvo mariño grande era unha especie invasora, xa que estaba abandonando o mar para meterse nos ríos e nos embalses, e non é así; o corvo mariño grande de sempre ocupou estes hábitats, pero a xente non o lembra, xa que tiveron que pasar moitos anos para que a especie se recuperara da persecución e morte á que estivo sometida por parte do ser humano.

O corvo mariño cristado é unha especie considerada como vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas. Cría en illas e illotes da nosa costa, e tamén nalgúns treitos acantilados. No Parque Nacional das Illas Atlánticas está concentrada unha das colonias máis grande de Europa, pero está en declive, perdeu nos últimos anos en torno ao 60% da poboación, un dos motivos, a predación dos niños por parte do visón americano, mamífero invasor. Onde parece que lle vai ben, é na costa de Dexo, en Oleiros, a colonia continental máis importante de España, con 110 parellas criando.

Mira profundamente en la naturaleza y entonces comprenderás todo

mejor.

Albert Einstein

 

Aves que podemos ver en paso porque o lugar onde a vemos coincide coa súa ruta migratoria.

Idade a partir da cal pode reproducirse.

Grupo de individuos da mesma especie relacionados que viven xuntos.

Que características do corvo mariño grande apreciades neste vídeo?

Pregunta

Despois de ler o texto do corvo mariño grande e ver o vídeo que vén a continuación, gravado na ría de Lires (Cee), tedes que elixir todas as características propias da ave que se poidan apreciar no vídeo, isto é, se no vídeo non se ve esa característica, a pesar de ser certa, non a podedes seleccionar.

Belén L. Arenal. Corvo mariño grande (CC BY-NC-SA)

 

Respuestas

Hábil pescador.

Maioritariamente de cor negra, e con algo de amarelo na cara.

Estende as ás para secalas.

Patas palmeadas.

O primeiro exemplar que se ve é un xuvenil.

Un dos exemplares que sae no vídeo está claramente en fase nupcial, xa que presenta zonas brancas na cabeza .

Retroalimentación