Saltar la navegación

ESTROZA

Hyla molleri
Estroza
Belén L. Arenal. Estroza (CC BY-NC-SA)

"Unha das dúas ras arborícolas que temos en España habita Galicia, provistas de

ventosas, o que lle permite gabear pola vexetación."

DESCRICIÓN:

Pequena ra, de non máis de 50 milímetros de longo, de pel lisa, brillante e rechamante cor verde intensa, que pode variar a tons amarelados e pardos, isto sucede tanto entre individuos, como dentro dun mesmo exemplar, o cal dependerá da época do ano e da temperatura, en xeral máis escuros cando vai máis frío. Ás veces poden verse exemplares de cor azul, debido a un defecto nos pigmentos amarelos da súa pel. Presenta unha característica liña escura que vai dende o fociño ata a ingua. Pupila horizontal e iris dourado. Longas patas e dedos con ventosas, o que lle permite gabear pola vexetación, incluso ascender por

Estroza
Belén L. Arenal. Estroza (CC BY-NC-SA)

superficies lisas.

Os machos teñen un saco vocal escuro na gorxa, que cando o inchan, supera o tamaño da cabeza.

Non teñen glándulas parotoides, pero cando é capturada, a súa pel segrega un líquido viscoso que pode irritar as mucosas.

HÁBITAT:

Sempre en zonas húmidas, pero precisa boa cobertura vexetal nas marxes, sexan charcas, regos, lagoas, … aquí son moi abundantes nas toxeiras húmidas.

COMPORTAMENTO:

Principalmente nocturna, pasan o día descansando, incluso ás veces ao sol se non vai moita calor, sobre vexetación, cunha postura moi típica nelas, cos pés pregados baixo o corpo.

Cazan saltando sobre as súas presas desde considerables distancias, grazas á súa axilidade.

O seu principal mecanismo de defensa é o mimetismo coa vexetación, tamén foxe con axilidade chegado o momento, e pode emitir sons cando é capturada como medida disuasoria.

Entre novembro e decembro soen aletargarse, xa que a temperaturas inferiores a 8 graos centígrados non están activas.

DISTRIBUCIÓN:

Presente en toda Galicia, pero sempre ligada a masas de auga. Endémica da Península Ibérica.

REPRODUCIÓN:

De febreiro a marzo nas zonas baixas, na montaña, atrásase un pouco. Os machos, pola noite, na época de celo, xúntanse nas charcas e cantan a coro para atraer as femias. Poden camiñar máis dun quilómetro para chegar aos puntos acuáticos de encontro. Cando un macho consegue “convencer” a unha femia, ten lugar o amplexo (aperta), que nesta especie é de tipo axilar, é dicir, o macho agárrase á femia abrazándoa polas axilas. Esta aperta pode durar de horas ata un par de días. A femia fai unha posta na auga que pode chegar aos 1400 ovos, en pequenos paquetes, que serán fecundados externamente polo macho dende a posición do amplexo.

Os machos non se alimentan durante este proceso, polo que cando se lles esgotan as reservas abandonan a busca de parella.

ALIMENTACIÓN:

Moscas, mosquitos, formigas, arañas, libélulas, bolboretas, eirugas, ...invertebrados en xeral.

VOZ:

Cantan só os machos, sobre todo no período reprodutor, pero tamén teñen sons territoriais para defender o seu espazo doutros conxéneres. O canto é o máis potente de todos os anuros galegos, grazas ao seu gran saco vocal, pode escoitarse a máis de un quilómetro, e consiste nunha serie rápida duns 8 sons tipo“krak” por segundo.

CONSERVACIÓN:

Catalogada como vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Sofren numerosas ameazas: a perda de hábitat por acción humana e tamén polo cambio climático, enfermidades emerxentes por virus, bacterias e fungos, e os pesticidas en xeral, xa que -como todos os anfibios- son especialmente vulnerables á contaminación química debido á permeabilidade da súa pel. Os atropelos de adultos nas estradas na migración reprodutora, e especies exóticas como o cangrexo de río americano e as gambusias que depredan sobre as súas larvas, son causa dunha redución moi significativa desta especie nalgunhas poboacións galegas.

Como predadores naturais dos adultos destacan as cobras de auga, aves tipo garzas e algunhas nocturnas como a curuxa.

CURIOSIDADES:

Segundo o investigador Germán Orizoala, coautor do achado publicado na revista Ecology, as larvas desta especie, e algunha máis, están pasando de carnívoras, a inxerir materia vexetal cando hai vagas de calor, ao inxerir menos calorías, teñen máis éxito de supervivencia, o cal parece unha evolución fronte ao cambio climático.

Cando as ras cantan en xaneiro, sinal de fame en todo o eido.

(MV 1879). Refrán popular que nos advirte de que se cantan (as ras en xeral),

é que vai calor, polo que pode perderse a colleita por mor de verdear antes de

tempo, debido ao risco das xeadas que poidan vir.

Dúas glándulas que soen ter a maioría das especies de anfibios detrás dos ollos.

O mimetismo é unha habilidade que certos seres vivos posúen para asemellarse a outros organismos (cos que non garda relación) e á súa propia contorna para obter algunha vantaxe funcional. Wikipedia.

O peixe mosquito ( Gambusia affinis) é un pequeno peixe da familia dos poecílidos, orde dos ciprinodontiformes, orixinario do sur e leste de América do Norte, notable por ser introducido en todo o mundo para o control biolóxico dos mosquitos. Está incluído na lista 100 das especies exóticas invasoras máis daniñas do mundo pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Wikipedia.

Compostos químicos responsables da cor

O saco vocal é unha membrana flexible da pel que teñen a maioría dos anfibios tipo anuro (ras e sapos).

Calquera substancia destinada a previr, destruír, atraer, repeler ou combater calquera praga, incluídas as especies indesexadas de plantas ou animais, durante a produción, almacenamento, transporte, distribución e elaboración de alimentos, produtos agrícolas ou alimentos para animais, ou que poida administrarse aos animais para combater ectoparásitos. É sinónimo de praguicida e fitosanitario. Wikipedia.

Que pasou aquí???

Depredación anuro
Belén L. Arenal. Depredación (CC BY-NC-SA)
Depredación anuro
Belén L. Arenal. Depredación (CC BY-NC-SA)
Depredación
Belén L. Arenal. Depredación (CC BY-NC-SA)
Depredación
Belén L. Arenal. Depredación (CC BY-NC-SA)

Aconteceu no embalse de Abegondo - Cecebre, no observatorio de aves situado en Crendes, parroquia de Abegondo.

Estudade o caso seguindo as recomendacións e facede unha proposta de reconstrución dos feitos por grupos.

Expoñede as propostas na aula e discutide ata chegar a consenso do que, con máis probabilidade, pensades que puido suceder.