Saltar la navegación

RAPOSO

Vulpes vulpes
Raposo
Belén L. Arenal. Raposo (CC BY-NC-SA)

"O carnívoro máis abundante e con maior distribución no mundo”.

 

DESCRICIÓN

Pequeno cánido de ente 4 e 10 quilogramos de peso. 

A cor da pelaxe é variable, entre amarelado, alaranxado, avermellado e gris, podéndose atopar incluso individuos case negros (melánicos) . No inverno a pelaxe é mesta debido á borra, un tipo de pelo cuxa función é protexer do frío e da auga; na primavera fai a muda: perde pelo adquirindo un aspecto como descoidado.

Raposo
Belén L. Arenal. Raposo (CC BY-NC-SA)

 

Característica cabeza triangular e fociño alongado e puntiagudo, de orellas triangulares e negras polo dorso. Ventre e belfos embrancuxados. 

Destaca a súa intensa mirada, ollos pardo alaranxados coa pupila vertical. Inconfundible o seu grácil andar coas súas longas e finas patas, chama tamén a atención a espesa e gran cola, coa punta branca, que acostuma levar en posición horizontal ao deambular, alongando así máis a súa esvelta figura se cabe.

As femias son algo máis pequenas que os machos, pero apenas se distinguen polo que non é apreciable dimorfismo sexual. 

Os xuvenís diferéncianse dos adultos por ter unha liña negra marcada nos lacrimais que lle dura ata os seis meses, logo son indistinguibles.

A lonxevidade en estado silvestre pode chegar aos seis anos.

HÁBITAT:

Habita case calquera ambiente, incluso frecuenta vilas e cidades, xa que é xeneralista.

COMPORTAMENTO:

Como a maioría dos mamíferos, está activo á noite, aínda que ás veces vese de día, solitario en xeral, salvo cando emparella.

Defende territorio, ben en parellas ou ben en grupos dun macho e tres ou catro femias. O tamaño do territorio é inversamente

Raposo
Belén L. Arenal. Raposo (CC BY-NC-SA)


proporcional á cantidade de alimento dispoñible. Deféndeo e márcao, para iso dispón glándulas de secreción externa para marcaxe entre as almofadas dos dedos, baixo a cola e a ambos lados do ano, ademais de marcar con ouriños, excrementos e rabuñadas.

Poden percorrer ata 50 quilómetros nunha noite.

En épocas de abundancia pode soterrar presas como despensa, que soe marcar con feces ou ouriños.

REPRODUCIÓN

Teñen o celo no inverno, polo que en xaneiro e febreiro podemos deleitarnos escoitando as súas chamadas pola noite. Os machos fan ladridos similares aos dos cans e as femias chían.

Aos 52 días de xestación saen as crías, na primavera, xeralmente entre 2 e 8 cachorros, e xa no outono se dispersan.


ALIMENTACIÓN: 

Omnívoro, de estratexias xeneralista e oportunista. A súa dieta é moi variada, e fluctúa en función da dispoñibilidade e abundancia de alimento. Inclúe gran variedade: micromamíferos, aves, ovos, desperdicios do lixo, carroña, invertebrados como miñocas  e escaravellos, froitos silvestres e calquera outro recurso dispoñible.

RASTROS:

PEGADAS: parecidas ás dos cans pequenos. Nas poutas dianteiras ten 5 dedos, pero só marca catro, nas traseiras só ten 4. Na pegada deixa impresas as súas finas unllas, a diferenza dos félidos que teñen as unllas retráctiles. Tamén poden deixar o pelo impreso.

Como diferenciar a pegada do raposo da dun can pequeno

CAN

RAPOSO

  • Forma

redondeadas

longas  e ovaladas

  • Marca das unllas

curtas e máis grosas 

finas, longas e rectas

  • Rastro

sinuoso

rectilíneo

Proba:

Trazar unha liña recta que una os dedos traseiros pola súa parte anterior, no raposo, non corta os dedos dianteiros 

Comparación egadas can e raposo
Comparación pegadas can e raposo



EXCREMENTOS: Moi fáciles de atopar, pola abundancia desta especie e polos lugares onde marcan que soen estar á vista, lugares destacados: cruces, obxectos como latas, pedras, outros excrementos doutra especie, .... Pero tamén son dos máis variados en canto á súa composición, cor, cheiro e forma, xa que será función do alimento inxerido: con sementes de froitos como moras ou cereixas, grises e con osiños de inxerir micromamíferos como ratos, musgaños ..., con brillantes élitros de escaravellos, con restos plásticos e lixo, con herba de purgarse, brancos de consumir ósos de carroña …

Soen ser redondeados nun extremo e acabados en punta polo outro.

TOBOS: Pode construílos ou aproveitar os feitos por outros animais.

Tobeira raposo
Belén L. Arenal. Tobo raposo (CC BY-NC-SA)

 

A entrada ten unha característica forma de abano, debido ó xeito de escarvar en todas direccións, e de forma radial. Olen mal pola presenza de presas en descomposición, sobre todo cando teñen crías. 

Se o abano de terra está con vexetación, é que hai tempo da súa construción, se ten a boca con arañeiras é que non se usa.

Fóra da época de cría acostuma durmir acubillado pola vexetación, rara vez empregan os tobos fora da época de cría se non vai mal tempo.

ESCARVADURAS: onde deixa marcadas as unllas

Escarvaduras raposo
Belén L. Arenal. Escarvaduras raposo (CC BY-NC-SA)

 

CONSERVACIÓN:

Non é unha especie ameazada.

Case a metade dos exemplares adultos morre cada ano a mans de cazadores e por atropelos.

CURIOSIDADES:

A afección ás uvas, fixo que os romanos buscaran vides máis baixas para que o raposo accedera facilmente e non rompera as ramas videiras.

Da súa gran capacidade de adaptación é bo exemplo a cidade de Brístol,  en Inglaterra, que ten unha media de dúas familias de raposos por cada barrio.

Móvese cunha harmonía absoluta,cunha elegancia que non podería esquecer

quen observara nunha limpa pradería a carreira dun raposo sobre os cen

metros lisos.

Félix Rodríguez de la Fuente.

 


   

Os cánidos (Canidae) son unha familia de mamíferos da orde Carnívora, de réxime carnívoro ou omnívoro. Inclúe a cans, lobos, raposos, coiotes, e chacais.Wikipedia.

Especie capaz de vivir en numerosos tipos de ambientes, e capaz de usar numerosos tipos de recursos.

As glándulas son estruturas formadas por células especializadas en segregar un produto determinado.

Aqueles que se alimentan tanto de animais como de plantas. Wikipedia.

Adapta a súa dieta cos recursos dispoñibles de inmediato. Wikipedia.

Os félidos ou comunmente chamados felinos ( Felidae) son unha familia de mamíferos placentarios da orde Carnivora. Son os mamíferos cazadores máis silandeiros. Hai ao redor de corenta especies nesta familia; moitas das cales escasean na actualidade, porque foron obxecto de caza pola súa pel, para aproveitar partes do seu corpo, ou porque o seu hábitat está a ser destruído, como pasa co lince ibérico ( Lynx pardinus). Wikipedia.

Ponlle a túa voz á natureza:

Despois de ler toda a información sobre o raposo, xa estades en condicións de poñerlle texto ao seguinte vídeo, filmado nunha aldea de Muxía, na provincia da Coruña.  Para isto, visualizade o vídeo un par de veces, tomade anotacións do que podedes ir contando, redactade un texto e, finalmente facede un audio coa vosa voz. Procurade adaptar o tempo da narración ao que sucede no vídeo. 

Belén L. Arenal. Raposo (CC BY-NC-SA)

Coñecedes a Sir David Attenborough ? É un dos mellores divulgadores da natureza a través de espectaculares documentais. Podedes investigar a súa obra para inspirarvos...

Sir David Attenborough
Sir David Attenborough (CC BY-NC)